A mente quere pecharse
non quere máis inputs
o corpo enroscado
procura que non exista
máis dano
a mente está estancada
con centos de peixes
con menos de tres segundos
de memoria
dentro dela
o corpo dolorido
de tanta ignorancia
da actividade precisa
para facer algo máis
que camiñar
ou mal escribir
nas montañas
alá no alto
voitres sobrevoan
ollándome deitado
sen resolver
meus enigmas
demasiado pacífico
este océano
de calma rota
de carne en descomposición
e sombras nos cristais
que reflexan
a parálisis
que por moito que aparto
manténme apartado
no apartamento cotián
sen ocio nin fundamento
con moito cemento
nos meus ósos e adentros
musculatura que se abrevia
por momentos
e mente retorta
como trapo de mesa
por moito que loito
a miña cornamenta
empúrrame contra o chan
as miñas moas non respostan
ou só respostan á area
con demasiada grima
ensino meus dentes
de todos os xeitos
camiño e camiño
por moitos treitos
repetidos
ás veces de longas distancias
mais ao chegar ao comezo
só poido durmir
sen apneas nin soños
sen desexo e pouco amor
procúroos nas estancias
nos currunchos e lares
mais non atopo
só escapatorias
a casiña inicial
observando desde dentro
como se aburren as gatas
como traballa a xente
nas cousas indecentes
nas que só se traballa…
Sombra e luz
Da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
camiño de rosas e amargura
camiño de cabras, senda verde
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
cos seus atardeceres
cos seus amenceres
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
retornando e fuxindo
ao abismo, ao paraíso
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
roubando sombras ás árbores
roubando luz ao sol
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
sentindo a perdición
sentindo o amor
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
facendo visitas longas
á luz, á sombra
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
retornando da espera
esperando o retorno
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
con ollos abertos e pechados
con corazón aberto ou pechado
da sombra cara a luz
da luz cara a sombra
percorrendo horas, tempos e días
ata o día da hora
que non será agora
da luz cara a sombra
da sombra cara a luz.
Unha historia
Quero escribir unha historia
pero tócame moito a fibra
tócame o miolo
toca a miña loucura
e agora mesmo
non estou preparado
teño as ideas
teño a historia
boa historia
mais non son capaz
de escribila
vouna deixar
para cando teña forzas
e poida estar forte
para poder acometela
pero será unha grande historia
se chego escribila un día
un día destes
escribirei a historia
e será boa
unha boa historia
Cidade maldita
onte maldecíronme
por riba
de estar maldito
nesta cidade maldita
nesta cidade
os benditos calan
aceptan
á cidade maldita
os que erguen
algo a voz
pouco viviron
e vivirán nela
nesta cidade maldita
hai xente leda
porque sexa así
só flúen as mercadorías
e a maleficencia
amparados por dona amparo
a virxe dos bastardos
desfán destrúen
traban e constrúen
os catro máis ún
queren construír
no seu beneficio
a xente cala
os benditos calan
só abren algo o pico
os malditos de postín coa boca pequena
aquí veu moita xente de fóra
procurar a vida
non poden protestar!
os e as vellas caeron
e caen coma moscas
non poden protestar!
centos e milleiros
da miña xeneración e outras
marcharon e marchan
non queren e non quixeron protestar!
que máis quedamos
funcionarios enchufados
xente nova perdida
barrigas enchidas
e políticos tolos
de toda clase de signos e cores
e outras raras partidas
esta cidade maldita
é un experimento nilhista
con violencias inusitadas
caldo de cultivo
de fascismos
aínda que falen o galego
esta totalitaria cidade
nútrese en amplas terrazas
de pensións, subvencións
corrupción e narcotráfico
a maldita cidade
encabezada nesta era por un ariete estaca
arrodeado de matóns do tres ao cuarto
pero no fondo esta cidade
diríxena provincianos
que non concelleiros
que xogan coa xente
esta cidade maldita
de paso
quen estaciona nela dase conta
do que pasa
nesta cidade maldita
hai un reducto de pedras
para a disidencia
que un día será especulado.
Lembrar
Lembro moitas cousas da miña nai antes que comezara a estar como está. É duro e complexo de explicar mais case non a vexo a día de hoxe. Incluso atreveríame a dicir que non podo vela máis alá do que eu quixera por motivos familiares, como digo, complexos e ademais non axuda a miña propia patoloxía tamén mental.
Miña nai tivo cinco fillxs e eu poderíase dicir que fun o máis “educado” por ela. Ela foi unha vítima da guerra. Enxendrouse nunha cadra co meu avó escapado. Naceu na propia guerra e o seu pai foi represaliado. Despois pasaron moitas calamidades ata que ela como xs seus/súas irmás foron independizándose.
Casou como casaron moitas mulleres da época. Tivo que amoldarse a unha familia que non era súa. Unha familia peculiar que non tiña moito que ver ou nada coa súa propia familia nuclear.
Pero falando das miñas vivencias ou experiencias con ela antes de que, agora mesmo, cada dez minutos entre en bucle (iso si, cando non está durmindo ten moi boa cor e polo momento semella moi feliz moitas veces) dicir que era unha señora bastante fastidiada por ter fillxs. Tería sido feliz tendo outra(s) vida(s).
Malia padecer moito na súa vida tamén a nivel psicolóxico tirou para adiante coas e cos fillos e aínda que non lle gustaba nada facer de comer fixo todos os días a comida. (ademais de moitas outras cousas). Ata que descubriu que se podían pedir pizzas ou comida ao chino. Foi unha auténtica precursora niso.
Eu comprendíaa e gustábame case toda a súa comida pero tamén as pizzas e a comida chinesa.
Deume un par de marimbas dolorosas cando era cativo pero pouco máis. Fun quen de facela rir moitas veces. Convivín moito con ela. Xa de ben adulto.
Cando me chegaron os quince anos comecei a facer o que me veu en gana e nin ela nin o meu pai puxeron impedimento ningún. Estaban curtidxs do resto dxs súas fillas/fillo.
Contoume cousas do meu avó que non coñecín pero sempre foi un tema tabú como o foi para o resto da familia. Parece mentira porque durante moitos anos pareceume que a miña famila apuntaba maneiras “decentes” nese sentido. De todos xeitos meu avó foi estigmatizado por ela xa que lle botou todas as cargas aludindo que tivo que soportar miña avoa e demais membros da súa familia para tirar para adiante. Segundo ela tiña que ter ocultado seus ideais para non comprometer á familia. Meu avó estivo en máis dunha ocasión a piques de morrer por mor da “guerra”. Meu avó tamén era escritor e xornalista e estivera en Cuba emigrado.
Miña nai non soportaba a música da miña adolescencia, xuventude etc. Pero ás veces facíame moita gracia cando entraba na miña habitación e escoitaba: “No disfrutamos en el paro ni disfrutamos trabajando” e ela dicía: “Non fai falla que o xures”. Era simpática moitas veces miña nai. Tamén tiña moi moi mala chazuna como diría ela mesma. O seu vocabulario antergo, rural e refraneiro sempre foi obxecto de estudo na miña propia familia. Sempre rimos moito con todas as súas expresións.
Era tamén bastante asocial. Non lle gustaba saír demasiado. De feito desde que está como está é máis manipulable nese sentido e as miñas irmás conseguen o que antes era moi difícil de conseguir. As miñas irmás cóidana. Quizais desde hai xa demasiados anos cando non lle facía aínda moita falta (ou ningunha).
Meu pai tardou en xubilarse e máis ou menos marchei de casa nese intre. Ao fin!
Estiven revivindo moitas infancias con ela debido a miña patoloxía que tamén se repite en bucle cada tantos anos. Cada vez, hai anos, que me pasaba esa regresión era recollida por moita xente pero sobre todo pola miña nai e potenciada tamén por moita xente incluída ela mesma.
Tratoume moito como a un neno, tentando coidarme o que puido, xa moi maior, sen entender que raios era iso que eu tiña. O mesmo lle pasaba ao resto da miña familia que non o souperon facer, baixo o meu prisma, moi ben. Mais facer fixeron…
Pero ela, de todos xeitos, estivo aí. Como digo moi maior xa, coidando e preocupándose durante moitos anos por min e eu xa non era un neno nin un adolescente precisamente.
Se facemos un repaso ao que levo contado, e algunha cousa máis, que omito porque non vén a conto sobre as miñas lembranzas e vivencias directas coa miña nai pois a min non me resulta raro que esta ou outras enfermidades (algunha diganosticada primeiramente e non tiña tal) acabaran por facerse donas dela.
Hai quen a critica ou criticou porque consideran ou consideraban que non se esforzaba demasiado e o que quería era vivir ben. Pero por unha parte… Quen non quere vivir ben? E por outra considero que non se axusta a realidade ou é mentira que non se esforzase.
Sendo como foi e tendo as vivencias que tivo a min paréceme que fixo moito. Polo menos moito.
Téñome distanciado bastante a nivel emocional dela e deles/as por moitos motivos, como digo, complexos. E o teño feito porque resúltame terrible sufrir sendo como son. Unha persoa que mamou moito de quen mamou.
Alfonso Rodríguez Rodríguez
Barrio de bárbaros
Sudakas en motos
repartindo comida
os fins de semana desérticos
obreiros roxos negratas erguendo estadas
para restaurar edificios
vellos da falanxe
obreiros verdes negratas
traballando nas vías
dun ave a madrid
que será difícil coller
aves migratorias
cigoñas aniñando
(abortada a descendencia)
en novos guindastres
en pleno corazón da cidade
desértica e ruinosa
panchitos empurrando
cadeiras de rodas
polas avenidas tamén desérticas
cargando con vellos e vellas
terrazas desérticas tamén
en case todos os barrios
da cidade un sábado
ás once e media da noite
dun mes de xullo
panchitas coidando ás avoas
e aos avós que quedan
despois da deshixenización
como lle chamaran alguns/as
hoxe lin como anda
a patronal desesperada
en pro de man de obra
cualificada para construír na destrucción
quítannos o traballo!
Sen dúbeda
o traballo que ninguén
pode facer porque
ademais non hai ninguén
marcharon
como moitas xeracións
procurando un chanzo máis arriba
os chanzos máis abaixo
están sendo ocupados
que queda?
As terrazas un día pola semana
nos viños como lle chaman
cheas de rapaces e rapazas
oriundas dalgún lado
pero non demasiado abaixo
nin doutro charco
ceando ás mil
chuletóns con patacas fritidas
como pedro sánchez
sen máscaras
cando andaba fodido
mostrando
ao meu modo de ver
a indecencia e privilexio
da súa burguesía.
Polo camiño
tanques de guerra
chimpíns e camións de lixo
camións a mangueirazos cos botellóns
non cos dos chuletóns
noutros barrios continúan abertos
ao regresar
todos os kebabs
algúns vellos prexubilados
apuran medio cubata
ou unha cervexa barata
pasa o carro da local
coas sirenas acesas
mais sen facer ruído
moi poucos carros, algún taxi
moitos grafittis
tapando pintadas
todos e todas coa boca tapada
aínda que hai máis de cen metros
de distancia.
Xente que non sae por medo
xente que non sae por cuartos
saín percorrer a cidade
e polo paseo
bandas de xente
ben uniformada
con traxes caros
non son racistas
sérvenos
os mellores camareiros
que están todas moi boas
aquí desubicado
na propia cidade
que lle oín a unha rapaza
que voltaba cuns amigos
que xa non era a mesma.
Ristras de valados
sinalando a conectividade
do aillado co aillado
prendendo un cigarro
continuar fumando
chegando a unha casa
que nin sequera é miña casa
unha paisaxe estraña
perto das entrañas
dun novo mundo
que non acabou
que non comezou
abrindo todos as bocas
para con dosificador
pódanos caer
unha, dúas, tres gotas
de subsitencia
para continuar
por exemplo
escribindo cousas como esta.
Logo viría
madrid a invadir
en agosto
nós acoplados ao fin
no noso barrio de bárbaros.
Voltar ao porvir
Baixo os chanzos do cruceiro de pedra
no do medio tropezo
mentras deixo atrás ao pastor alemán
tropezo mais non caio
unha señora madura
chamada historia
parece reprenderme
e falarme da historia mesma
xa estou abaixo
non facía falla descarnarse da cruz
non fai falla resucitar
só debes coidar da alimentación
o sol
a vitamina d
saír das cavernas
de platón
rematar con este
teatro de sófocles
que sofoca e aparva
hai que chimpar as terrazas
e levar cantimploras
botarse ao monte
botarse a andar
a inxente burocracia analóxica
convive coa incipiente
burocracia dixital
chea de inputs nos nosos
ollos e cerebros
que se desvelan con tics
e dores de todas as cores
rachar co maleficio
despois da historia pasada
non se pode construír artificial
o revoltallo gris cheo de chips
and fish enlatados
con circuítos inducidos
cos pasos marcados
non poden ser
os vixiantes do camiño
non pode defender a terra
quen a tortura
e nega
non poden crear
compartimentos estancos
lugares sen saída
procuran o estanque
pernicioso
compensando con luces
maliciosas artificiais
non poden chantaxear
máis
non podemos crer
que nos vaian salvar
os de sempre
rompen todo
romperon con todo
non nos poden xestionar
este momento da historia
é descrucial
temos que saír dos pesebres
temos que saír do relato
e voltar ao porvir
Poñamos por caso
O único animal deshonesto que hai no planeta é o ser humano
Fantaseémos un pouco. Quizais un pouco ou moitísimo, nunca se sabe.
Imaxinemos que a covid19 ou esa maldita variante do coronavirus xestouse na Galiza e máis concretamente en Ourense. Si unha pandemia global do mundo mundial xestada na provincia das Burgas.
Supoñamos que a teoría que algúns tildan de conspiranoica sobre o deseño nalgún laboratorio na China ou nos EE.UU non é certa e que a teoría que máis se achega a unha posible “verdade” é da que se falou e fala moita xente, incluídos os chinos. Isto é que saltou aos humanos a través do mercado de peixes e mariscos de Wuhan. Cidade brutal alicerce do capitalismo burocrático, industrial e tecnolóxico chino xa desde hai décadas.
Nese mercado, como ben se sabe, non hai só peixe e marisco aínda que se chame así. É un xigantesco mercado de todo tipo de comestibles e incomestibles do que millóns de persoas comen. Así pódense atopar entre outras moitas cousas inxentes cantidades de gando de todo tipo e de todo tipo de países, por vivir no mundo globalizado no que vivimos.
China non só foi medrando en décadas a marcha de locomotora bala senón que desde a crise do 2008 foi a salvación da civilización occidental gracias ao seu poderío en fabricación, produción de todo tipo de materias primas, capitais e capital humano traballando endiabladamente para que o mundo se sostuvera e fora financiado ata a crise da covid. Porque o mundo capitalista estaba fodido, coxeaba moitísimo. Ía a pique coa crise de 2008 endiante. Esa foi a auténtica crise. O antes e o despois de todo de magna maneira.
Leva habido multitude de crises porque o capitalismo é así e ademais precísaas, incluso invéntaas, pero a de 2008 deixou bambeando os alicerces do propio capital e aí xogou un papel determinante e superlativo o que é denominado como xigante asiático. Sacou todas as castañas do lume ao mundo enteiro. Traballou a toda máquina, todos os seus cidadáns traballaron a toda máquina (e traballan). Tanto é así que precisaban e precisan combustible. Mais, sobre todo, combustible alimentario para traballar máis brutalmente. E o millor e brutal combustible alimentario é o cárnico. Fonte animal de proteínas e graxa necesarias e precisas para alimentar a millóns e millóns e millóns de persoas que, moitas delas, na China, chegaron a obesidade (incluídos nenos). Problemática non moi estendida neste xigante antes de todo isto.
O combustible básico foi o porco. Porco criado e inflado en macrogranxas de moitas partes do mundo mais, sobre todo, en Europa e en concreto un dos países máis exportadores do pobre animal é o estado español.
Onde cada vez máis e máis vanse abrindo e proliferan estas macrogranxas. Algunhas agochadas para que non se poida ver o seu horror así como agochado o seu transporte pola mesma razón.
Pois ben, na Galiza, na provincia na que resido, en Ourense, hai certa cooperativa que xa ten demandado a un bo paisano por denunciar este tipo de explotacións (nunca millor dito) terriblemente contaminantes, a maiores.
Esta cooperativa co beneplácito de todas as administracións ourensás e galegas campa, desde tempos inmemoriables, por todo o territorio ourensán, galego incluso máis alá e desde hai xa bastante adícase a mantelar moreas destas macrogranxas de porcos etc que a súa carne antes facía traballar a moitos galegos, tamén, como combustible para a dureza e o frío. Algúns vellos teñen morriña e ségueno degustando merendas e ceas.
Estas auténticas explotacións están acaparando ata a auga de pobos e vilas para o seu mantemento.
Mais non, do que falamos actualmente é que todos estes centos de millóns, e algo máis, de porcos ourensáns exportanse maioritariamnte á China e están alimentados, seguramente, por cereal que posiblemente proceda da incendiada e desmantelada selva amazónica. Colleitado con hervicidas e pesticidas etc.
Parece ser que a soia é o cereal co que se lle fan engordar a estes animais. Cereal rico en estróxenos e non moi bo para a saúde en grandes proporcións. O emprego antibiótico nestas explotacións para procurar a “saúde” dos animais é tamén notorio.
Todas as súas deposicións misturadas con produtos químicos levan contaminando un montón de tempo a zona da Limia porque son vertidos inconcebiblemente sen ningún control. Perto dos ríos, do río Limia pero tamén noutros lugares semisoterrados onde non chamen moito a atención. Fíltrase no chan vai aos regatos, ríos. Acaba na que noutrora fora lagoa de Antela (que agora estase a dicir que queren recuperala desde o goberno central nuns anos? ) E toda esta borralla tranfórmase cos propios nutrientes da auga en cineobacterias (ás que se lle teñen denominado como partículas de guerra química).
Os encoros, como o das Conchas, que o outro día lin con estupefacción e ata risa, por non chorar, como se lle vendía o lugar, para un anuncio de nefltitx, ou como se diga, como fonte de auga minero-medicinal.
Da mesma maneira que se vende o encoro de Cachamuiña (a poucos quilómetros de Ourense). E de onde parte a auga que bebemos a maioría do ano os cidadáns ourensáns. Véndena como paradigma da auga e Ourense como provincia da auga e termalismo. Facendo un parque e monumentos institucionais recentes sobre o tema en cuestión neste encoro.
Está case todo o ano inzado de cineobacterias igual que o río que tanscorre apresado ou sen apresar. O río Loña.
E así multitude de ríos e encoros ourensáns, polo menos, están cheos de contaminación e así a auga que bebemos está hipertratadísima con cloros e outros compoñentes químicos que penso non deben ser moi saudables.
Auga tratada por unha empresa que hai máis de dous anos que expirou o seu contrato no concello de Ourense e que ao que se adica, aínda, a día de hoxe é botar lixivia a todo meter polas rúas de Ourense ás noites. Vén de ser premiada, con non sei que premio, supoño que pola súa laboura desinfectante e branqueante que ata deixa desgastadas as beirarrúas. Ademais de entorpecer o paso dos viandantes por toda a cidade. (O lixo acumulado polos cinturóns arredor de Ourense está, iso si, dunha maneira semellante a como estará unha macrogranxa)
Fraga dixo hai anos aquilo de “Galiza, o país dos mil ríos” dicimos (moita xente o dirá) “Galiza o país dos mil ríos contaminados que ademais van ao mar).
Mar como o mediterráneo ou o mar menor cheo de xurros polo mesmo motivo e que rematou cos peixes todos. Todos!
Este é o problema. A carne, a industria cárnica. Ademais foco de coronavirus nas súas plantas como se puido e pode observar en toda a pandemia. Noutras granxas como as dos visóns a historia é xa moi moi recorrente. Incríblemente recorrente.
A industria cos animais, ademais de ser aberrante (así o vexo) sae moi cara. E logo rínse da xente que optamos por non facer consumo, como se os animais foran produtos, e nos opoñemos a todo isto. Os animais nosos irmáns. A chulería procárnica brutal, insensible e patriarcal.
Pero voltemos á fantasía e ao mercado de Wuhan onde están desembarcados millóns e millóns de animais ou “produtos animais”.
Imaxinemos que eses porcos chegaron da Galiza e máis concretamente da provincia de Ourense e imaxinemos que o salto viral foi producido por un animal salvaxe que ben en Ourense ou ben en Wuhan contaminou ao animal porco.
Imaxinemos “a china” que lles tocou aos chinos ao comer para poder seguir traballando a toda máquina un cacho de porco ourensán e despois non parar de contaxiar dun persoal a outro persoal. Imaxinemos en definitiva que o covid19 foi propiciado por unha macrogranxa no corazón da provincia galega de Ourense. E imaxinemos, ou millor dito, pensemos… Por que seguimos facendo as mesmas cousas que ao comezo da pandemia? Por que o mundo non aprendeu e non se dá conta do terrible de sacrificar animais ademais nun sensentido (se é que hai algún sentido en facelo). Como non se percata a xente do terrible da contaminación e non se activa para non permitir que todo isto ocorra?. Como á xente non ten ningún vestixio de troco e loita para mitigar o que xa está enriba nosa desde hai anos. Isto é o cambio climático! Como ao persoal non lle comeza a renxer xa este sistema capitalista dunha vez e a maquillaxe fascista para que prevaleza? Por que se quere seguer a facer o de sempre? E síntense orgullosos!
A día de hoxe seguen e seguen proliferando macrogranxas cada vez máis grandes no estado español. Os chinos en en xeral a humanidade máis obesa. Polo menos a civilización occidental etc (falo de síntoma. Non son gordofóbico. Son gordo). Cantas proteínas animais precisa un funcionario?
Os ríos seguen a contaminarse. As emisións non cesan, o turismo repunta e queren que repunte (queren o de sempre). As condicións laborais son de pena, a tecnoloxía non procura salvarnos senón controlarnos e seguer a facernos aínda máis esclavos.
Virán e virán coronavirus e desastres (todo forma parte dun filme bastante chungo. Se Guy Debord erguera a cachola).
Porque non se quere aprender ou o impiden por todos os medios (de comunicación…).
Agora mesmo millóns e millóns de animais están sendo transportados para o seu sacrificio polas estradas e autoestradas, ferrocarril, avións, barcos… de todo o mundo.
Todo o mundo inventou ou inventa as súas teorías sobre o fenómeno covid. Eu tamén quería inventarme unha.
Contacontos
Que queredes que vos conte
quizais non queredes que vos conte nada
estades cansxs de min
que queredes que vos conte
que eu mesmo estou canso de min
pero sígome contando cousas
que queredes que vos conte
o complexa que é a vida
pero hai unha forza poderosa
que me incita a seguir
malia hérnias e baixas neuronais
que queredes que vos conte
que penso no mundo a cotío
desde que era ben cativo
mais semella que teño que
demostralo sempre
para acadar aprobacións
que queredes que vos conte
que non teño feridas
que eu mesmo son unha ferida
que pola mañá cicatriza
co almorzo e un novo día
que queredes que vos conte
que vivo desde hai a tira de anos
con outra ferida que coida da miña
e cando poido coido da súa
que queredes que vos conte
que está tocada e quizais confusa
mais paradoxicamente ten as cousas claras
e puntualmente bícame e abrazame
mais deuse de baixa
non sei moi ben o por que
no santo oficio de pegar
os corpos extremamente
que queredes que vos conte
que toupei coma unha castaña
novamente e non tocaba
mais que nunca non tocaba
e a rabia subiu a un globo
e esvaeceuse como o meu
raciocinio durante semanas
que queredes que vos conte
que foi distinto
que o fixen distinto
e podo contalo cedo
podería ser un orgullo
aínda que haxa xente que non entenda
pero nin sequera é para min orgullo
que queredes que vos conte
que encho de palabras máis que nunca
o aire e diríxome ás outras
hai quen me escoita
hai quen me trata coma sempre
ou pior
que queredes que vos conte
que estou desestruturado e desubicado
non sei se subo ou baixo
estou no outro lado
… da cidade
coas miñas feridas
que son eu e é ela
que queredes que vos conte
que me da igual, por vez primeira
unha morea de cousas
agás as miñas raíces
unha vez resolto
que case todas estan apodrecidas
que non quero estar na póla
que quero ser unha póla
e quizais que aniñen en min
que queredes que vos conte
que estou no quilómetro cero
que fumo demasiado
que como demasiado
e aínda non durmo o que debera
ela dime que é preciso
para voltar soñar
que queredes que vos conte
que estou aburrido das estatísticas
das defuncións, das vacinas,
de catalunya, das garabatas do parlamento
… dos teleñecos
que queredes que vos conte
que odio voltar ao meu barrio
a por roupa, a por algo
e ollar as olladas
e trousar ao seu paso
e trousar aos seus pasos
que queredes que vos conte
que meu cambio de paradigma
é o cambio de paradigma
do mundo enteiro
que queredes que vos conte
non o agardaba
sabía, si, que moitos e moitas
pero a estabilidade é tan fráxil
saltou de cachos en cachos
na miña cabeza outra vez
que queredes que vos conte
que moita xente anda ao seu
mais outra non
que queredes que vos conte
que onde vivimos agora
síguennos a dar guerra
os tanques de guerra
que aínda por riba reciben premios
limpeza de humanidade
só sentada en terrazas
vendo pasar as patacas fritidas
das mans ás bocas
que procuran unha bebida refrescante
que queredes que vos conte
que o 15% de tributo
das grandes multinacionais é unha puta merda
e que seguen aí a lei mordaza
e a reforma laboral
que eles non van contar con nós
non nos van preguntar a onde ir
neste posible cambio de paradigma
que queredes que vos conte
que teremos que collelo nós
que deberíamos obviar as súas colunas
e seguir xuntándonos nos parques
ou onde sexa
mentras poidamos
que queredes que vos conte
que non se trata de competir
nin obrigar a competir
para facer cousas en benificio da xentiña
que somos nós, vós, eles e elas
que os prexuízos, os marcos e os dogmas
sexan o alternativos que sexan
xa non funcionan
xa non van funcionar
que queredes que vos conte
que falo un pouco por falar
ou escribo un pouco por escribir
porque facía tempo que non o facía
e cóntovos que teño ganas de fumar.