Lembro moitas cousas da miña nai antes que comezara a estar como está. É duro e complexo de explicar mais case non a vexo a día de hoxe. Incluso atreveríame a dicir que non podo vela máis alá do que eu quixera por motivos familiares, como digo, complexos e ademais non axuda a miña propia patoloxía tamén mental.

 

Miña nai tivo cinco fillxs e eu poderíase dicir que fun o máis “educado” por ela. Ela foi unha vítima da guerra. Enxendrouse nunha cadra co meu avó escapado. Naceu na propia guerra e o seu pai foi represaliado. Despois pasaron moitas calamidades ata que ela como xs seus/súas irmás foron independizándose.

Casou como casaron moitas mulleres da época. Tivo que amoldarse a unha familia que non era súa. Unha familia peculiar que non tiña moito que ver ou nada coa súa propia familia nuclear.

 

Pero falando das miñas vivencias ou experiencias con ela antes de que, agora mesmo, cada dez minutos entre en bucle (iso si, cando non está durmindo ten moi boa cor e polo momento semella moi feliz moitas veces) dicir que era unha señora bastante fastidiada por ter fillxs. Tería sido feliz tendo outra(s) vida(s).

 

Malia padecer moito na súa vida tamén a nivel psicolóxico tirou para adiante coas e cos fillos e aínda que non lle gustaba nada facer de comer fixo todos os días a comida. (ademais de moitas outras cousas). Ata que descubriu que se podían pedir pizzas ou comida ao chino. Foi unha auténtica precursora niso.

Eu comprendíaa e gustábame case toda a súa comida pero tamén as pizzas e a comida chinesa.

 

Deume un par de marimbas dolorosas cando era cativo pero pouco máis. Fun quen de facela rir moitas veces. Convivín moito con ela. Xa de ben adulto.

 

Cando me chegaron os quince anos comecei a facer o que me veu en gana e nin ela nin o meu pai puxeron impedimento ningún. Estaban curtidxs do resto dxs súas fillas/fillo.

 

Contoume cousas do meu avó que non coñecín pero sempre foi un tema tabú como o foi para o resto da familia. Parece mentira porque durante moitos anos pareceume que a miña famila apuntaba maneiras “decentes” nese sentido. De todos xeitos meu avó foi estigmatizado por ela xa que lle botou todas as cargas aludindo que tivo que soportar miña avoa e demais membros da súa familia para tirar para adiante. Segundo ela tiña que ter ocultado seus ideais para non comprometer á familia. Meu avó estivo en máis dunha ocasión a piques de morrer por mor da “guerra”. Meu avó tamén era escritor e xornalista e estivera en Cuba emigrado.

 

Miña nai non soportaba a música da miña adolescencia, xuventude etc. Pero ás veces facíame moita gracia cando entraba na miña habitación e escoitaba: “No disfrutamos en el paro ni disfrutamos trabajando” e ela dicía: “Non fai falla que o xures”. Era simpática moitas veces miña nai. Tamén tiña moi moi mala chazuna como diría ela mesma. O seu vocabulario antergo, rural e refraneiro sempre foi obxecto de estudo na miña propia familia. Sempre rimos moito con todas as súas expresións.

 

 

Era tamén bastante asocial. Non lle gustaba saír demasiado. De feito desde que está como está é máis manipulable nese sentido e as miñas irmás conseguen o que antes era moi difícil de conseguir. As miñas irmás cóidana. Quizais desde hai xa demasiados anos cando non lle facía aínda moita falta (ou ningunha).

 

Meu pai tardou en xubilarse e máis ou menos marchei de casa nese intre. Ao fin!

Estiven revivindo moitas infancias con ela debido a miña patoloxía que tamén se repite en bucle cada tantos anos. Cada vez, hai anos, que me pasaba esa regresión era recollida por moita xente pero sobre todo pola miña nai e potenciada tamén por moita xente incluída ela mesma.

 

Tratoume moito como a un neno, tentando coidarme o que puido, xa moi maior, sen entender que raios era iso que eu tiña. O mesmo lle pasaba ao resto da miña familia que non o souperon facer, baixo o meu prisma, moi ben. Mais facer fixeron…

Pero ela, de todos xeitos, estivo aí. Como digo moi maior xa, coidando e preocupándose durante moitos anos por min e eu xa non era un neno nin un adolescente precisamente.

 

Se facemos un repaso ao que levo contado, e algunha cousa máis, que omito porque non vén a conto sobre as miñas lembranzas e vivencias directas coa miña nai pois a min non me resulta raro que esta ou outras enfermidades (algunha diganosticada primeiramente e non tiña tal) acabaran por facerse donas dela.

 

Hai quen a critica ou criticou porque consideran ou consideraban que non se esforzaba demasiado e o que quería era vivir ben. Pero por unha parte… Quen non quere vivir ben? E por outra considero que non se axusta a realidade ou é mentira que non se esforzase.

 

Sendo como foi e tendo as vivencias que tivo a min paréceme que fixo moito. Polo menos moito.

 

Téñome distanciado bastante a nivel emocional dela e deles/as por moitos motivos, como digo, complexos. E o teño feito porque resúltame terrible sufrir sendo como son. Unha persoa que mamou moito de quen mamou.

 

Alfonso Rodríguez Rodríguez