Baixo os chanzos do cruceiro de pedra

no do medio tropezo

mentras deixo atrás ao pastor alemán

tropezo mais non caio

unha señora madura

chamada historia

parece reprenderme

e falarme da historia mesma

xa estou abaixo

non facía falla descarnarse da cruz

non fai falla resucitar

só debes coidar da alimentación

o sol

a vitamina d

saír das cavernas

de platón

rematar con este

teatro de sófocles

que sofoca e aparva

hai que chimpar as terrazas

e levar cantimploras

botarse ao monte

botarse a andar

a inxente burocracia analóxica

convive coa incipiente

burocracia dixital

chea de inputs nos nosos

ollos e cerebros

que se desvelan con tics

e dores de todas as cores

rachar co maleficio

despois da historia pasada

non se pode construír artificial

o revoltallo gris cheo de chips

and fish enlatados

con circuítos inducidos

cos pasos marcados

non poden ser

os vixiantes do camiño

non pode defender a terra

quen a tortura

e nega

non poden crear

compartimentos estancos

lugares sen saída

procuran o estanque

pernicioso

compensando con luces

maliciosas artificiais

non poden chantaxear

máis

non podemos crer

que nos vaian salvar

os de sempre

rompen todo

romperon con todo

non nos poden xestionar

este momento da historia

é descrucial

temos que saír dos pesebres

temos que saír do relato

e voltar ao porvir