Non sabería por onde comezar. Tiven un soño que se podería tildar de significativo, simbólico e vislumbrante a un tempo. Aquí na casa de Antonio Puga con arrecendo aínda a pasteliño feito por Adri a noite anterior. Soñei que estaba nun edificio e que segundo ía subindo andares do mesmo eran como épocas nas que descubría tesouros esquecidos do pasado. Desde roupa ata pequenos discos (singles) pasando, supoño, por revistas, libros e sobres. Porque houbo unha época que ninguén da xente nova puido experimentar que foi a era pre-internet pero nun momento onde aquí xa estaba afianzada a democracia ou máis ben queríana afianzar a golpe de xogos olímpicos, V centenario de “descubrimentos”, expos universais e demais milongas. Época onde moita xente aínda tiña que ir á mili e outra moita estaba nos albores do feminismo, pois loitaba e facía as cousas dunha maneira moi distinta á que se fai hoxe. E semella que todo aquilo quedou sepultado e ninguén rescata da memoria todos aqueles procesos, todas aquelas vivencias e experiencias que se deron. E das que se nutriron movementos e políticas posteriores de ata hoxe en día.

 

Eu recollín durante toda a miña vida a pegada de todo aquilo onde centos de colectivos emerxían por todo o estado español, carteábanse, enviábanse fanzines, editábanse discos, existían distribuidoras, okupacións, ateneos e aquí na Galiza tamén había un grande movemento, para ser Galiza, que foi varrido anos despois do mapa por incipientes, que logo se convertirían en movementos máis grandes, independentistas que colleron prestados os modelos de centros sociais libertarios dunha maneira descarada. Digo descarada non por afán revanchista senón como obviedade.

 

Pois como dicía ao longo da miña vida eu quixen recoller todo aquel pulo, toda aquela enerxía daqueles anos tolos que vivira de novo e sempre me adiquei xunto con outras persoas ou en solitario a seguer coa estela de facer as cousas co espírito que viña xa de tempos máis remotos como en Madrid ou Barcelona onde tiveron moita forza, sobre todo nesta última, os movementos libertarios con todo tipo de publicacións e un sindicato CNT que voltaba do grande exilio novamente con moitos e moitas afiliadas no seu haber. Todo iso foi descabalgado na transición pero remontou en forma de grupos autónomos, como digo, nos oitenta e nos noventa que foi o que vivín eu.

 

No meu soño dábame conta da cantidade de tesouros perdidos que se foron ao lastre. Da pouca importancia que eu mesmo non lle queixen e non lle quero dar a todo aquilo, queizais por non facerme dano. Porque acabou facéndome, naquela época, ao final mal. Pero non polas cousas positivas que conto senón por outros factores que me levaron a loucura post-adolescente e ao ingreso nun psiquiátrico que mermou en min moitísima potencia que eu tiña e que estaba preparado para exercitar ao longo da miña vida.

 

Que sorte ten o “inimigo” que sempre nos deixa tocadxs ás e aos que lle queremos facer fronte sexa das formas que sexan. Cos seus sistemas educativos, relixiosos, militares ou de traballo noxento que desactiva corpos e mentes para que unha vida non poda ser vivida plenamente en amor, festa e loita contra esta barbarie á que fomos conducidos e na que estamos agora mesmo no 2024 do século XXI onde a tecnoloxía e a guerra están ganando a partida totalmente á paz e a natureza dos seres humanos e os outros seres do planeta e o planeta mesmo. Agora mesmo na Palestina en 2024 como digo están exterminando a milleiros e milleiros de nenos e nenas e mulleres nun xenocidio moi semellante ao que cometeron os nazis ou os estalinistas na segunda guerra mundial e a posteriori, e a comunidade internacional e case todos e todas de nós non estamos a facer nada por evitalo. Millóns de desprazados, fame e miseria e outras guerras en máis lares do planeta presaxian unha escuridade moi grande para a raza humana. Hai incluso ameazas nucleares que esta vez, quizais, si se poderían concretar. O auxe da extrema dereita en todo o mundo é devastador e semella que o ser humano non aprendeu nada do século XX, dos inicios e mediados do século XX e as súas guerras mundiais.

 

Pero volvo ao soño para aliviar un pouco. Ía subindo pisos e en cada piso había bares distintos, comidas distintas doutras épocas, descubría pistas como dicía a través das roupas que vestía neses momentos do pasado, nos libros. o soño mostraba un afán de recuperar a memoria. Unha memoria que se vai esvaecendo de min, da miña nai que ten alzheimer. De todos e todas nós isolagadxs e inundados de inputs e información a mansalva chea de memes e fakes. Chea de algoritmos que nos levan e nos pechen en círculos e en labirintos cada vez máis atomizados e incapaces de saír a respirar e xuntarnos entre nós que non sexa dunha maneira artificial. De maneiras impostas ou cunha impostura total.

 

Hoxe en día os movementos están cheos de egos. A competitividade forma parte do día a día, o querer destacar. A venda total da creatividade, a cultura e a política fai que a esquerda sexa unha caricatura de si mesma de cara a outros monstros que seguen a ter mentalidades nada avanzadas senón postradas nos anos cincuenta dun país conservador calqueira como podería ser a españa de franco.

 

Son as catro menos cuarto. Eu penso que nunca me erguera na miña vida con tantas ganas e avidez para deixar de estar nas mans de morfeo e adicarme a escribir compulsivamente sobre todas estas cousas que aquí estou escribindo. Pero foi o soño do edificio, un edificio que ía subindo polas escaleiras e non polo ascensor. No ascensor subían outras xentes que tentaban chegar máis rápido ca min e desta maneira cambiar as cousas, facerme trampas ou confundirme para que non puidera facer emprego da miña memoria individual e colectiva de todo isto que comento.

 

Onte pola noite, no telexornal da primeira da televisión española saiu un home xa moi maior que na súa soedade e por non ter outra cousa que facer pois adicábase a escribir e saían expertos coincidindo nos beneficios do asunto. E é que onte era o día mundial do escritor/a. Beneficios da escrita para a mente e para clarexar emocións e demasiados ruídos que temos hoxe en día nas nosas cabezas. Debéume influenciar a nova que aquí estou a estas horas escribindo.

 

Sei que tamén me influenciou o feito de ir a presentar a Allariz en Ourense un libro da editora Saurobuks que temos a miña compañeira Adri e mais eu desde hai dez anos e presentamos un libro dunha autora de Vigo, Iria Bragado, á que xa coñecemos desde hai anos e llo quixemos publicar xa hai un tempo. Pois foi unha influencia tamén para esta noite esa presentación. Ela é moi cañeira e demostrou e demostra que hai que sacudirse dalgunha maneira o silencio e falar de todas as cousas que nos foden e nos incomodan. Romper o silencio. Ela o fai e sen complexos. No local da CNT volvéuno a facer e botou sapos e cóbregas contra todos os círculos pechados e os enchufismos e os clasismos que adoitan darse na cultura e na poesía galega e que está claro que é extrapolable a outros moitos lugares tamén porque funciona todo así, como comentaba antes, dunha maneira competitiva, elitista, egocéntrica e clasista onde se invisibiliza totalmente as cousas, causas e persoas auténticas. As persoas que levan loitando e facendo cousas toda a vida e das cales moitas veces se fagotizan ideas e creacións para levar a outros terreos e quedar completamente de orixinais, con outros medios, aínda por riba, por parte de quen ten posibles e oportunidades que non se lle brindan a todo o mundo senón ao contrario.

 

Como dicía eu levo toda a miña vida seguindo cunha estela de facer as cousas como mellor sei e procurando salvar esas memorias. Con autoxestión e quedándome nas divisións inferiores nas que non por nada senón porque considero que é desde aquí, desde o meu lugar, onde non se pode domesticar para nada nin mercar ou vender a miña realidade ou a das persoas coas que puntualmente me teño asociado á hora de facer cousas. Sempre que se quixo ir a máis (e enténdaseme) a min se me deu por cortar o grifo, a billa que diría e despois, claro! Fun criticado por isto e non comprendido. Pero as miñas historias e bastantes colectivas nas que sempre me fun involucrando valeron para o que valeron, e valen para o que valen, e non aspiran e non aspirarei xamais unha raia nun cuarto de baño de ningún lugar. Nunca se me deu por iso. Sen embargo son un bote de pastillas desde os vinte anos. A partires do ingreso a esa tenra idade no psiquiátrico la robleda de Compostela onde me machacaron, torturaron do lindo durante máis de dous meses. Pero restablecínme e aínda que tiven moitas máis crises na miña vida, penso eu derivadas dese ingreso, pois teño feito moitas cousas das que me sinto orgulloso. E todas as cousas que teño feito e fago son para rescatar unha maneira de ver o mundo, de comunicar, de traer do pasado tamén o que realmente merece a pena. Moitas veces é moi difícil. Enmudezo e paralízome ou teño lagoas provocadas por todos os anos nos que tiven crises e estas fixéronme mella.

 

Como mella lle fixo á miña nai toda a vida vivir da maneira na que viviu. Unha nena da posguerra de pai represaliado.

 

O meu avó, unha figura a reivindicar a nivel individual e colectivo, a memoria histórica e familiar. Queimáronlle os falanxistas o seu quiosco libraría nos xardíns do bispo cesáreo fronte a Alameda en Ourense, ao comezo da guerra civil española, e fóronlle depositar ás cinzas á casa familiar. Foi pechado tres anos en distintos cárceres e campos de concentración. Celanova, Oseira, Padrón, Valladolid… ao saír foille conmutada a pena pero a duras penas sobreviviu coa súa familia na aldea. Non lle permitiron dar aulas coma mestre… un terratenente con moito poder na época. O meu avó foi escritor e xornalista e emigrou a Cuba antes de todo isto onde fundou unha revista e colaboraba con outras de emigrantes galegos. Teño fotocopiado un libro da súa autoría: “Armonías” que está na biblioteca de Ourense depositado. Hai uns anos fixen un blog sobre el por toda a información que recavei. Un blog bastante pataqueiro no 2006, o ano da memoria que propugnara Zapatero, e sempre me digo de darlle unha volta ou facer algo con máis profundidade sobre el pero aí queda a cousa.

 

Como quedaría a cousa hoxe se non quedara na cama e non viñera para o salón a escribir sobre o soño que tiven? Este soño vislumbrante do edificio da memoria interna que me levou a movilizarme e a lembrar cousas e plasmalas en papel porque urxe máis que nunca refuxiarnos na memoria. Como comezan a facer colectivos libertarios de aquí da Galiza, en Coruña, por exemplo como Refuxios da memoria, Bastiana etc que queren que non morra o que foi unha época onde o movemento libertario foi máis importante ca nunca e tivo que vir unha guerra maldita que semella que a xente non quere lembrar e acabar con el. Agora comézase a loitar para que esas ideas e a autorganización das mesmas volte.

 

Eu pertenzo a unha xeración que chegou tarde e cedo a moitas cousas. Son esa xeración X esa xeración EXB, esa xeración que está medio automatizada pero que aínda ten algo de humanidade para erguerse ás tres da mañá e poñerse a contar batalliñas, soños, arelas e desexos para que se rescaten as memorias todas.

 

Agora teño ao meu carón a un convidado especial, este é o gato loi que veu a facerme una visita nestes intres de vomitona e escritorrea imparable da miña persoa.

 

Pois como dicía comecei falando daqueles tempos onde non había internet. Porque internet é algo recente e as cousas antes facíanse doutra maneira. Nós carteábamonos, os colectivos… enviábamos aos apartados de correos os fanzines, os discos. E ademais poñíamos postos para vender todo aquel material sen pedir permisos ningúns. Aquí en Ourense os sábados pola tarde durante un par de anos a comezos dos noventa. Chovera ou non colocábamonos cunha mesa enchida de material subversivo a xeito de komando estrela galiza na zona dos viños. Un nome que quizais non era o máis apropiado e que acabaría por desaparecer mudando por asamblea de okupas de ourense. Porque si, en Ourense a comezos dos noventa okupouse unha casa. Onde está agora a universidade nova había un orfanato, un grande, enorme edificio, de nome fogar infantil. Abandoado e alí fixemos moreas de actividades coma xa fixéramos na peculiar, daquela, casa da xuventude de ourense ata que os sociolistos da época foron usurpar para as súas conveniencias e para quitarlle toda a máxia e potencia que tiña.

 

Eran outros tempos na cidade das burgas e existían moitos e variados colectivos de base que facían moitas cousas igual que se facían ao ancho e longo do planeta de maneiras moi distintas de cómo se fai agora. Desde logo non sentados en butacas diante das pantallas con toda a información xa condensada en buscadores ou redes sociais internáuticas.

 

Existían movementos políticos moi poderosos, por exemplo en Italia ou na Alemaña, ben, en toda Europa de xente que okupaba casas e tiñan as súas músicas como ocorrera co punk en Gran Bretaña a finais dos setenta. Como ocorrera cos movementos dos dereitos civis en EEUU nos sesenta e setenta. O hippismo e as artes alternativas que se deron desde os beat ata o cyberpunk despois da segunda guerra mundial.

 

Son moitas as cousas que quero abarcar e xa se sabe que o que moito abarca… pero a min non sei por que hoxe non se me dá por parar de escribir por moito que o gato loi tente boicotearme facendo ruído para espertar á miña compañeira e á outra gata cleta.

 

Os paxariños están cantando e iso lémbrame que non queda moito para que chegue a primavera. Estamos nun final de inverno que se puxo bastante crú pero os primeiros meses do ano foron moi calorosos ao igual que 2023. Que foi o ano que se constatou máis caloroso da historia desde que se comezaron a tomar referencias sobre todas estas historias climáticas que tanto nos preocupan agora mesmo. E é que a historia non é para menos. Estamos nun momento moi crítico para a humanidade e para o planeta. Tamén neste sentido. A contaminación, o esquilme, a destrución da natureza por parte de nós mesmas fixo levar ao planeta ao límite dos seus recursos e para invertir todas estas problemáticas é xa moi complexo o tema da marcha atrás. A situación para min xa non sería o decrecimento que é o que todo o mundo sinala. Para min sería a freada total e absoluta á máquina que é este turbocapitalismo que non deixa títere con cabeza e que non deixará descansar ata o final senón lle poñemos remedio dunha vez por todas.

 

A propósito destes temas e de cómo vai enfermando a nosa civilización e se puido comprobar e se comproba con pandemias como a do covid que tivemos que soportar hai moi pouquiño pois anos atrás unha xentiña tamén fixemos reflexión de todo isto, cando non estaba tan de moda, e publicamos dous monográficos “A falacia da sustentabilidade” e a “civilización enferma” como colectivo Ren de Ren expresamos e fomos a expoñer as nosas formas de ver todo isto con colaboracións propias e alleas a moitos puntos da Galiza e incluso saímos ata Barcelona a unha feira do libro anarquista moi potente que se fixera por aqueles lares. Barcelona, a cidade revolucionaria por excelencia e na que puiden estar, xa digo, con este proxecto e tamén uns aniños antes. Agora en Barcelona vaise presentar un libro dun autor poético con ilustracións dun artista que publicou a editora que temos a miña compañeira Adri e mais eu, saurobuks, da que xa contei que levábamos case dez anos na palestra pero nesta palestra de Barcelona non imos estar. Estará soamente o autor poético… non somos unha editora ao uso, nin convencional. Somos unha asociación sen ánimo de lucro e procuramos que os nosos artefactos saian das greas maiores e menores. Somos pequeniñxs pero con grandes soños.

 

E iso que aí sigo con taquicardia ás 4:44 da madrugada escribindo sen parar sobre memoria pasada, pasada recente e sobre presente. Sobre o que nos queren roubar. Os soños. Sobre o que nos queren usurpar, a memoria das cousas. Saber que neste país todo está amarrado e ben amarrado. Todo coma sempre baixo a dominación dos poderosos e a xente pensando que ten moita liberdade porque ten carro ou internet 5G. Cando están desmantelando a sanidade pública ou a educación básica. Que tampouco imos dicir que sexa a panacea pero polo menos é algo a reivindicar e a reter para ter uns mínimos comúns para as persoas humanas que temos que sosternos con algo nesta sociedade onde os ricos son cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres.

 

Foron as eleccións na Galiza e houbo moita decepción e é que a xente está comida polo becho e penso que todo é pola memoria. Estánnos deixando sen memoria/s. Só temos a RAM e xa non sei se me estou pasando de desfasado a nivel tecnolóxico.

 

Mutílannos, dópandos e adormécennos con sobredoses de todo tipo. De azucre, de sal, de información, de todo tipo de drogas… dannos migaxas e é así como podemos tirar un pouco para adiante. Mercándolles de todo, aceptándolles de todo e descansando mal por culpa de todos eles.

 

O meu soño do edificio fixo que tivera unhas ganas enormes de expresarme e contar todas estas cousas pero levoume agora mesmo a unha verborrea que comeza a ser xa un pouco cansa de máis. Debería parar un pouco e descansar porque non vou ter forzas para mañá pola mañá e teño que aturar un día que vén resistindo… que resistir é vencer! Entón vou recuar e vou deixar xa de escribir tanto de memorias, de guerras, pantasmas etc e deixar de torturar a caneta coa que o estou facendo…

 

A botella está medio baleira. Vouna baleirar de todo botándolle un grolo de auga e para a cama. A ver se retomo uns doces soños… abur amiguiñas!