Escoitando o algoritmo
que repite os mesmos acordes
unha e outra vez
ollando o algoritmo
que repite as mesmas imaxes
unha e outra vez
agora a intelixencia artificial
selecciona os ataques bélicos
a quen e a quen non
atacar e asasinar
é a danza da banda ancha
é a danza da fibra óptica
é a danza do 5G
series, varullo, redes e eventos
e todas e todos contentos
drones sobrevoando o espazo aéreo
e temos os anuncios personalizados
algorritmo, danza macabra
novos tempos, tempos salvaxes
eu metido nun buraco
sen abonarme con baba caendo
comprimidos para aturar
todos acabamos caendo
o traballo é unha esclavitude
pero o ocio tamén o é
información ocio nas canles
da televisión máis guais
algorritmo danza macabra
non nos podemos dar de baixa
desapareceríamos do mapa
mapas hai moitos
cartografías varias
que indican novas ordes mundiais
guerras a mansalva
que lle veñen tan ben ao capital
todos atolondrados
represión e excitación á par
semella unha enfermidade incurable
este maleficio
os lameiros laranxas
de produtos químicos
as cidades rotas e grises
o plástico dos carros
o mundo brillante dixital
a natureza agarda para ser fotografada
espellos nas nosas casas
escaparates nas rúas
escaparates nas redes
noites con calor inaudito
escoitando o algoritmo
que repite os mesmos acordes
unha e outra vez
ollando o algoritmo
que repite as mesmas imaxes
unha e outra vez
vida secuenciada
movementos robóticos
viaxes organizados
cruceiros xugosos
cruzados racistas
fascismos de todas as cores
e tamaños
pornofolk
bruxismo e dentistas
pesadelos infames
xenerados informaticamente
milleiros e millóns de concertos
ocio desenvolvemento
tatuaxes por todas as esquinas
como grafitis mentireiros
que se superpoñen por riba
das pintadas políticas
bussiness negocios
inmobiliarias
desafiauzamentos
parques abandonados
políticos tolos
G7 G20
Rusia USA
eu metido nun buraco
do susto
non dou mexado
abrín un melón
con falsas pebidas
con falsos haikus
mandarinas azuis
por onde se foi o poema
como os ríos
nunca transcorren iguais
e chegan a mares
de plástico
enfundados estamos todos
de roupaxes
cibernéticas, somos todas
e todas queremos falar
moito máis alto que os demais
gustaríame baixar
que me mareo
pero non dou
non dou o pego
algorritmo danza macabra
pinturas na mesa
para xogar a pintar
porlle cor a este mundo
negro para os negros e negras
que os empregan
para desestabilizar países
e un país é un invento
hai que aterse as consecuencias
de nadar contracorrente
moitas veces é frustrante
óense ladridos
entre os algoritmos
milleiros e millóns de cans
milleiros e millóns de gatos
compañas humanas
querendo falar de todo
querendo falar da nada
procurando que saia algo
desta caneta verde
que sexa verdade ao menos
e ao máis
percutir gutural
e zancos de pavo señorial
xente que o leva ben
complexos de superioridade
procuravidas
chinchando a dos demais
fodechinchos
temores e medos
teclean na santa tecla
do teclado
eu escribín a man
ordeñadores e móbiles
fixos e apagados
formiguiñas nos pés
algorritmo danza macabra
follas de herba
e aforismos da nada
cánticos á vida
e ao sol tras as montañas
os despertares
os anoiteceres
e todas esas cartas
que non se envían
non está de moda
paquetes de libros
que se len moi pouco
mostrar e demostrar
desmemoria e alzheimer
idades temperás
algorritmo danza macabra
ritmo da noite
ritmo dos tempos que veñen
xenocidas tempos
morte en vida
vidamorte
cemiterio capitalista
ladridos de novo ao fondo
pergaminos verdes
enrroscados coma billas
de auga contaminada
por cineobacterias
ríos e mares contaminados
por esta danza macabra
ollos cansos
de tanta braxa
oculistas, oftalmólogos
patoloxías varias
seguridades sociais
desmanteladas
inseguridade
educacións supinas
filosofías baratas
hipotecas malsás
mel nos beizos
polas mañás
agrio mel
pomelo monda
dentes rillando
toda a noite
algorritmo danza macabra
escoitando o algoritmo
que repite os mesmos acordes
unha e outra vez
ollando o algoritmo
que repite as mesmas imaxes
unha e outra vez
eu dou máis ti es menos
runners e born to run
born in the seventins
babyboomers
algorritmo danza macabra
século XXI adentrándose
ata ben entrado
entradas na cachola
entradas para o festival
tapóns nos oídos
mergulladores de viño
borracheiras todos os días
drogas a tutiplén
e tulipán con pan
algorritmo danza macabra
non sei se me entendes
non sei se bailamos
non sei se me bailan
non sei se che bailan
algorritmo danza macabra