Escribe a túa busca por palabra clave e pulsa ENTER

Un conto de ciencia ficción

Acabei votando a bríos aquela noite de festa á beira do río coa xente. Falando, bebendo, bailando e festexando, en definitiva, o comezo do verán que, seguramente, traería moita felicidade ás veces e, outras, pois non tanta.

 

O caso é que a festa debíase a que, de súpeto, como quen non quere a cousa fómonos facendo maiores e de xeito infantil estábamos a rir aquela noite de verán disto mesmo. Estábamos enriba de moitas cousas polas que choráramos, discutíramos, ou vivíramos en xeral. Xa nos coñecíamos ese pouco ou ese moito para ser cómplices de non sei moi ben o que.

 

Barra de Miño era o lugar ideal para rachar a botella de cava ou champagne desde que Cirano pillara o antigo Gadafi e o convertira dun xeito moi semellante a como o podíamos ver nos anuncios dalgunha marca de ron ou de vermú.

 

Así estábamos, todos e todas, cun rollo moi peliculeiro, curtidos e curtidas de cento e unha batallas a anos luz da burguesía, a patronal, as altas xerarquías, as multinacionais pero tamén da plebe.

 

Eramos os iluminadxs, xs elexidxs por nós mesmxs para funcionar de maneira autónoma nesta sociedade vinculante para o capitalismo en xeral.

 

Eu estaba con Alicia que remollaba os seus pés no Miño vendo a súa expresión inocente mais sabia, madura mais xoven, fermosa mais imperfecta. Quen podería imaxinar que me daría toda a súa complicidade e todo o seu amor cando eu xa desestimaba o solucionarme co que máis desexara no mundo pero que se me negaba a traición día tras día, mes tras mes, ano tras ano?

 

Ela disfrutaba ao sentirme tan feliz, alí estaba toda a xente que dunha maneira ou outra pasara en grande medida moi boa parte da súa vida conmigo e nunha parte importante tamén con ela.

 

Estaba algo bébedo e soaba, entre as luces, unha canción que ondulaba o pelo de Alicia. Sentín de súpeto, a eternidade dos seus ollos, no meu corazón e foi entón cando berraron por min desde a barra do bar. Querían que fora pinchar un chisco a música. Mireina e díxenlle que a súa soidade íase sentir moi ben por deixala con ela. Foi un conto moi cursi, recoñézoo, abofé.

 

A risa inundaba o ambiente e ningún de nós se percataba que un par de días despois teríamonos que desunir todos e todas para seguir loitando por vivir niso que chaman realidade e poder así fantasear con momentos tan especiais como o dese sábado de xuño que rebordábamos felicidade.

 

Alicia e mais eu formaríamos un país. Non só de marabillas que tamén.

 

 

2001

Incomunicación

Non poder ver de maneira “convencional” ás persoas, non poder mirar aos ollos entre o aire, o mollado ou o sol. Non sorrir, non rir. Non observar ese xesto, aquel xesto. Non tocar perigo de vida!

 

Esta situación ou suposta situación que se fai realidade ou fan realidade debería ter seguimentos, apoios, curas, remedios, prevencións, solidariedade sanitaria e parasanitaria e debería incidir na autoorganización e na autoxestión da sociedade en forma de pequenas comunidades xa fora nas cidades coma no rural para paliar, con recursos, xa ben públicos (que foron desmantelados, e que, desde que isto ocorreu non foron mantelados para nada) xa ben comunitarios e para nada debería deixarse en mans de quen toma partido e partidos desta situación creada, polo menos, ao redor do grave asunto, como din.

 

Porque está creada, a situación, para tirar rendimento dela, por parte do sistema, as multinacionais e os seus partidos políticos cos seus títeres que ao igual que practicamente todos os medios de comunicación que forman parte do sistema xogan á confusión, a rectificación, a contradición, ao ruído político e mediático que disipa toda tentativa, por parte do pobo, de reaccionar ante nada senón ao contrario.

 

Xogan para confundir, para enfrontar, para cansar, desmotivar, mentir, e facernos crer que o único que podemos facer é autoflaxelarnos porque a culpa é nosa. Ah! A culpa. Aínda dentro de nós o soniquete relixioso catolicón inculcado desde nenxs. Mentras eles continúan coa súa grande reforma mundial que pretende paliar da pior maneira o que xa temos enriba de nós desde hai moitos anos, un cambio climático e natural, na terra, dunhas dimensións completamente descoñecidas por moito que a “ciencia” predique.

 

Esta situación paralizante fai que se instaure e se instale, a todo meter todo o cableado e toda a artiluxia creada pola “gloriosa ciencia” e tecnoloxía que dí que nos vai salvar a base de propaganda dunhas vacinas que se fixeron e estánse a facer en tempo record, cunha velocidade endiañada e nunca millor dito. Para despois á hora de subministrala frear en seco obtendo unha maior desmotivación do persoal que quere subministrarse.

 

A situación paralizante e totalitaria fai que o que avance sexa soamente o virus, a morte e a tecnoloxía preparada para conquerir o, sálvese quen poida, por parte dos que manexan e manexarán os joisticks desta nova era ou cuarta revolución industrial que obvia a destrución da natureza desde a primeira e que obvia, malia o sabido por todxs, que traerá de maneira superlativa todas estas olimpiadas de reformas mundiais que non impedirán o avance do maremagnum senón que provocarán absolutamente todo o contrario e dunha maneira radicalísima.

 

Xogan a facernos crer que o mundo cambiará para ben que renaceremos cando pase este cataclismo vírico. Tanto as chamadas “esquerdas” como as (ultra/liberais) dereitas así o din.

 

Remataron uns recursos, uns recursos que tiraron deles e continuarían facéndoo se puideran. Agora van de ecolóxicos e tamén tiran e tiraran doutros recursos igual de contaminantes, igual de invasivos, colonizadores e esquilmadores da terra e auga que non paran de protestar. Para iso, para conquerilos fan e farán o que lle veña en gana, como xa o están a facer. Con todo, xustifícanse polo virus. Todo paralizado: os afectos, os contactos, a pel, o amor, os alentos, confinados sen expectativas de xuntar os corpos e ser tropel. Prohibido: chantaxe, culpa, represión.

 

Eles non fan nada para enmendar a situación porque convén continúar co curso da economía, a súa economía, devastadora. Pero non queren repartir migalla algunha. Todo o capital estancado nos seus xardíns ou liberado para a grande reforma mundial.

Sen pan non se pode pensar. Con medo pénsase mal, con desconfianza e paranoia vaise cara a loucura. Sen amor só queda a xenreira. Sen o aire só hai afogamento. Sen contacto, aillamento. A autoorganización e a autoxestión son imposibles seguindo os parámetros xenocidas.

 

Téñennos entretidxs (ás máis das veces non queda outra) e así inocúlase, moitas veces, máis veleno. Estamos irritadxs, estamos confinadxs con finura capitalista. Morre a memoria, hai loito, hai cansanzo. Tes que ir ao traballo e do traballo a casa. Quen o ten, quen a ten. Aturar as culpas e desprezos de mandamases políticos/médicos. Como se nos centros de escravitude moderna non houbera contaxios ou a xente fora inmune. Como se nas estacións de esquí a neve actuara de antídoto contra o virus. Como se nos grandes eventos musicais ou doutra índole da ultradereita a bandeira roxigualda fixera de escudo protetor.

 

Queren que sexa así, séguese un patrón, séguese a un patrón, aínda que incorrecto. Aínda que a priori é contraditorio, aínda que a priori rectifica e volta rectificar sabe a receita final e nós non deberíamos probar ese prato porque está envelenado.

 

Deberíamos, penso, sementar, comezar a sementar, para colleitar outras cousas máis saudables e compartilas e trocalas e facer unha grande pota e que o lume dela queimara toda a súa reforma mundial, obsoleta nada máis comezar, tiránica e inútil para salvar á terra, o aire, a auga e todos os elementos para a vida.

Nin sequera eles poderánse salvar senón paran xa!

Profecía

En todo o labirinto

vai moito frío

quedamos nun punto

moi determinado

e tomamos un xeado

dóeche a cabeza

de tanta mascarada

xente con medo

parapetada nas súas casas

algunhas con armas

outras desarmadas

os cabalos e as eguas

de troia fan moi ben

o seu traballo

os camións seguen sucando

as autoestradas

de madrugada

hai xente maior que durme

durme con e sen apnea

anticipándose de mala maneira

con malas maneiras

o amor é escaso

o que hai, moito, é bufonada

galería, escaparate

e moitas bágoas

que ata algunhas son egoístas

non son exemplo de nada

mais observo os ollos

de xente incluso os meus

contradecindo

aos golpes baixos

golpes que agora son continuados

coma espanto abecedario

disme que non é o millor momento

riste da miña adolescencia

da ilusión e a utopía

o teu escepticismo é fascista

a túa intelectualidade elitista

é fascista

logo moitos e moitas sorprenderan

dos trampeiros no capitolio

este é o grande timo

do rock and roll

nunha sopa de apocalipse cutre

de andar por casa

as vacinas xa nolas levan

suministrando

desde hai moitos anos

un grande sistema insán

enfermo e totalitario

que quere no seu último estertor

sacar rédito da súa propia

caída e decadencia

ademais de asasino e carroñeiro

é patético

cando falas cunha persoa

con outras persoas

daste de conta

que maiormente hai bondade

incluso amor

cara a cara

ou ata máscara a máscara

separados

fraccionados

restrinxidos

enlatados

adobados

encamados

televidentes

e ordeados

imos dados

vamos dados

xa viña sendo así

desde os cadros de mando

sexan tronos no pasado

ou cadeiras de coiro

non hai tanto

como cabinas con joistiks

no presente futurible

só hai noxo só hai rabia

só hai paraplexia espanto

sexan os cadros

amorados

azuis, verdes,

roxos ou colorados

negros, rosas ou brancos medicalizados

o mundo que foi creado

é a verdadeira “utopía”

non debería haber lugar para ela

e há lugar

creada para destruír

ao planeta ao propio humano

os vosos ideais son

os autenticamente puerís

dá o mesmo, dá igual

que os introduzades

en millóns de cidades bibliotecas

analóxicas ou dixitais

dá o mesmo a vosa linguaxe

e coñecemento do cemento

destrutivo de corpos e mentes

de plantas e animais

a vosa realidade

que creades

os vosos pés na terra

a vosa praticidade

a vosa arquitectura

a vosa tecnoloxía

e as vosas cínicas risas

son o exemplo evidente

da ruína provocada

da inconsciencia

e da rotura

dun mundo que podería

si ser factible

desexable

realmente realista

e non a “utopía”

que lograstes

a auténtica “utopía”

lograda por uns “seres” neste planeta

rematar coa esperanza

rematar co desexo

rematar coa natureza

rematar coa vida

a verdadeira profecía autocumprida.

Indeciencia

Pilatos debeu ser o primeiro científico da era posmoderna ou pseudocontemporánea. Non por ser o primeiro en lavar as mans (aínda que algúns/as seguímolo facendo, o de non lavalas, ao chegar da rúa) senón de facelo simbólicamente cunha actitude oscilatoria dependendo da rosca e da billa. (Ben, daquela non habería este invento).

A ciencia (coa nova normativa da RAG, real academia galega, na Galiza, non estou certo se é cienza ou ciencia) desvívese por saber, investigar, coñecer, furgar, destripar, implantar, sufocar ou enfurecer. A ciencia estuda cientificamente o tema de lavar as mans, o tema da rosca, o tema de Pilatos ou o tema da billa.

 

Non farei eu aquí unha historia da ciencia dende Pilatos ata os nosos días (se son nosos claro) porque non son historiador nin científico. Miña nai diría que o único que son é un atrevido.

 

Por isto mesmo atrévome, dende estas liñas, a xulgar e condenar á “ciencia” a ser recluída nunha pipeta escura ata o día do Armageddon.

 

Os seus cargos son os seguintes: usar fondos públicos e privados (moitos fondos) para as súas prácticas e teóricas baseadas nun suposto “avance” da humanidade, que entre outras cousas vén sendo ficticio. Entre outras non foi nin é consultado ao resto de seres vivos do planeta (polo tanto completamente antiecocrático) nin por suposto ao pobre planeta que só pode emitir exabruptos en forma de lava ou vento etc pola inmundicia destes señores que entre outras desculpas antepoñen un discurso baseado na neutralidade dos seus chamados descubrimentos e omiten obxección ningunha ás aplicacións por parte de gobernos e multinacionais de ditos “descubrimentos”.

 

Condenados non só pola avaricia económica que lles reportan os seus descubrimentos senón por esa avaricia maior que os fai seres obsesivos, ecópatas e psicópatas do “plus ultra” e coa ansiedade do desvivir e a realización de todo o desvivir da humanidade posto en práctica en todos e en cada un dos engrenaxes dun sistema que funciona gracias aos seus “adiantos” industriais, atómicos, nucleares, xenéticos, tecnolóxicos, farmacéuticos e biolóxicos en xeral.

 

Condenados por usar as súas teorías (só demostrables porque non hai outras que demostran o contrario e viceversa etc) ambiguamente a favor de distintos gobernos e “lobbys” de non xa dubidosa, senón dunha reputación repulsiva para con a humanidade e a terra en si.

 

Condenados por facer igual que os futbolistas e “bailarconlamásguapa” sentando bases para a destrución de ecosistemas, seres humanos e o ar necesario para a vida posible e o mundo posible e arelar a imposibilidade da creación ou destrución do universo con ese desexo brutal de converterse nese deus que algúns deles tanto negan pero que desexarían encontrarse con el cara a cara.

 

Condenados pola fabricación de armas de destrución ou construción masiva como o mapa do xenoma humano ou a bomba atómica.

Condenados pola manipulación dos elementos, polas pragas, pola mutación constante á que someten este planeta.

Condenados por meternos sistematicamente dentro de estatísticas, “bytes”, porcentaxes e por crerse donos dos nosos destinos mediante a intervención cirúrxica da terra, da auga e das nosas células.

 

Condenados pola contaminación, pola fabricación de armas, pola fabricación de alimentos nocivos para a saúde. Pola permisividade cara os seus mentores sabendo en que tipo de fechorías andan metidos.

 

Condenados por avalar o esquilme natural e vexetal para a fabricación de fármacos que “curan” enfermidades creadas a través dos anos gracias aos seus “descubrimentos”.

Condenados por esquiroles, por “ben mantidos” , por ser xente sen escrúpulos.

Condenados por mentireiros, por perversos, por insensibles e pola fabricación de robots á imaxe e semellanza deles mesmos.

 

Condenados por non consultar antes de facer ás súas “misturas” , por vivir alonxados do pobo, por considerarnos só números.

 

Condenados pola hipocresía e farsa dos seus argumentos con tal de seguir indo a un máis alá irreversible e impepinable.

 

Condenados por ser sustento teórico de asasinos en masa, por ser sustento teórico do capitalismo globalizador e por usar eses estúpidos lentes.

Condenados por trepas, por lambecús, por ser brancos como o frío por ser omnipotentes coma deus.

 

Condenados por impotentes sexualmente, por catalogalizadores, por competitivos entre eles a ver quen gana na batalla onde o resto perdamos.

 

Condenados porque sendo humanos non sodes humanos porque o voso divertimento é extorsionador, explotador e destripador.

Condenados por vivir en burbullas de bolsa, en pipetas de marfin, por provocar a fame e a dor.

 

Condenados por ser elite de psicopatía de contacontos perversos, de manipuladores de almas. Condenados por envasadores, por embaixadores do veleno e por inverter en cemento. Condenados por ultimo á fogueira do inferno que provocades.

 

 

 

(Publicado orixinalmente no xornal Marea Negra nº 12 Galiza marzo-abril 2006)

(Posteriormente publicado no blogue português Incomunidade: http://www.incomunidade.com/v17/art_bl.php?art=369)

Corenta en bastos

Ao meu pai
ao teu pai
ao pai
téñolle que cantar as corenta
as corenta en bastos
e logo contarlle un conto
e que ría
que o merece!

Compromisos

Xa sei que quizais non son intres de soltar este “espiche” pero levo moitos, moitos anos tendo ganas de facelo polo menos da maneira escrita que o vou facer. Estou canso da militancia que vén etimolóxicamente da mesma raíz que “militar” e da mesma maneira estou farto de toda a xente que se pón prendas militares xa sexan físicas ou mentais sobre todo nesta estúpida “guerra” actual que estamos vivindo.

 

Teño estado ao longo dos meus anos en diferentes historias, algunhas dunha maneira máis lateral que outras, e si, tiven épocas de militancia e dinme de conta que se pode loitar cóvado con cóvado coa xente, só ou acompañado, sen ter que “militar”, e digo máis a militancia fosiliza desvirtúa moitísimas loitas. Conforma lugares apretados onde non hai sitio para xente que ten a ousadía de achegarse a ver que pasa con certas cousas ou outras. Moitas das veces está comandada a través de subterfuxios por intereses sindicais ou de partido que deciden que é o que se fai ou non.

 

Na miña experiencia teño visto chegar a “militantes” que eran o non vai máis e achegarme a apoiar no que puiden durante décadas. Moitos e moitas duraban uns poucos anos ou nin iso e piraban, desaparecían, esfumábanse. A algúns/has puiden observalxs para onde foran e outros e outras perdínlles a pista. Algúns e algunhas dos que puiden seguirlles a pista fíxome moita gracia onde acabaron. Era xente e é xente que marca directrices que quere implicacións a máis non poder sen suporse que cadaquén implícase e colabora no que pode e no que quere e que non todo o mundo ten que ser coma eles ou elas. Formaron e forman auténticas seitas nas que en moitos momentos nos que xente que se quere achegar a facer algo, senón son coñecidos ou se hai uns prexuízos (porque hai toneladas de prexuízos) esa xente é ollada con desconfianza ou con ningunha empatía, non vaia ser que viñera algún día alguén que quixera darlle algún outro tipo de perspectiva a esas “loitas”. E non, iso non podería ser. Non fai falla ter un poder sistémico para aferrarse a privilexios, poltronas e xerarquías.

 

Pola miña experiencia, miña e doutra xente que quixo, en moitos anos pasados e presentes, achegar a estes mundos da militancia, xa sexa política, cultural, social etc tiveron ou tiven (e non quixen) que seguir os modus operandis ou pautas marcadas e enmarcadas e predominantes que había e hai que aceptar se queres ser ún/ha máis da seita conveniente.

 

Se unha persoa ten unha maneira de pensar ou de actuar medianamente libre, contestataria e non traga con todos estes parámetros pois resulta que non encaixa con estes contextos, grupos, colectivos etc.

 

É o mesmo guíon que o sistémico, que o establecido. Así desta maneira espantan a moita, moita xente. Non se dan conta da cantidade de xente que espantan que poderían empatizar con moitas loitas pero non plantexadas nin constriñidas polas súas moralinas e as súas medallas, os seus “logros” e as súas experiencias e títulos nobiliaros do militantemente correcto. Desta maneira non se dan conta de que hai moitísima xente, moita máis da que pensan que estarían dispostas e dispostos a loitar, da forma que fora, por moitísimos motivos. A “masa” popular sería moito maior se toda esta xente deixara de actuar sermoneando, creando disciplinas e ortodoxias que non teñen ningún fundamento máis que para seguir sendo eles e elas os e as que leven a voz cantante, non vaia ser que alguén lles puider arrebatar esa posición de privilexio e dalgunha maneira de dominación.

 

Vivimos épocas convulsas e é realmente difícil a mobilización da xente en xeral ademais a partires destas situacións. Esixe unha maneira empática e flexible de entender o compromiso, os compromisos ou os non compromisos. Non pode ser que os teus compromisos ou o teu compromiso é o de matrícula de honra e o día a día, terrible día a día para todas, non valga para nada soamente porque ti estás nunha organización e as outras persoas non están. Poderíaste preguntar o por que non están? Ou se realmente quéreno ou teñen que estar? Pódese loitar de moitas maneiras.

 

O que teño moi claro é que con olladas desafiantes e moralinas resecas cando hai xente que se pón ao teu carón (ao seu propio carón, tamén) puntualmente non se fai máis que espantar e voltar a espantar. Cal é a verdadeira “moral”, a verdadeira vontade de actuar ante moitas, moitas cousas que están realmente mal? Cada vez máis. Moitas… Non só as que soan máis!

 

Ese actuar depende de alianzas pero esas alianzas que conforman compromisos penso que deben de ser dun metal moi flexible, nada ríxido. Saber que hai xente que ten que sentar ás veces, outra que “milita” de maneiras que descoñeces e toda a xente que estaría disposta a arrimarse se a maneira de organizarse, precisamente, mudara, ao menos un pouquiño. Xa está ben de crerse a hostia por isto ou por aquilo e pensar dunha vez por todas o por que os movimentos sociais e culturais están soamente copados polas e polos de sempre que só rotan cando pasan os anos desperdigándose ao longo dos mesmos unha morea de xente que non quixo seguir porque non lle atopaba senso ningún.

 

Precisamente polos tempos nos que estamos e aos tempos que vamos é preciso unha remuda total dos plantexamentos e dos pensamentos recalcitrantes, por un lado, ou supostamente modernos polo outro porque considero que xa nada vai ter ningún sentido de como foi ata o de agora.

 

Xuntarnos ou non pero conectarnos e sobre todo conxugarnos, cando poidamos, e botar ese lastre decimonónico “militante” para conquerir que o pobo unido, como está pasando en certos lares, tamén o poida estar por estes.

 

Veñen tempos que deberemos resistir pero veñen tempos tamén para non dicirlle a ninguén como debe resisitir. Nin presionar polas túas causas aos demais coma inquerindo impostos revolucionarios. Particularmente eu tamén estou farto de que me digan que vote ou a quen debo votar.

 

Penso que é o tempo de poñerse a falar cando apeteza falar e de saír a tomar o ar cando se poida para conspirar ou simplemente para respirar. Se diso saen “cousas” será xenial.

 

https://chaodafeira.com/wp-content/uploads/2020/10/cad117-ana_mumbuca.pdf

Varullo

O que veño a reivindicar neste escrito é unha morea enorme de bandas musicais vinculadas a movementos políticos que foron tildados de marxinais nas pasadas décadas. Tanto as bandas como os movementos. Falo máis das bandas e das súas músicas extremas ou moi extremas que de por si botaban para atrás a maioría da xente, e agora mesmo considero que aínda é máis acuciante, por iso, seguramente o do seu esquecemento e da pobre visibilización ou revisibilación (e escoita) que se fai delas.

 

 

Falo de bandas maioritariamente de punk e hardcore que é como foron tildadas no seu momento pero que tamén se achegaron a outras derivas máis asumibles ou polo contrario aínda máis estruendosas misturándose co famoso nome de crossover co trash, o grind core… metal en xeral. Mais sempre falo de bandas moi politizadas ou que convivían en espazos politizados ou moi politizados. E falo da inxustiza de que estén relegadas a non ser nomeadas, as penas, nin reivindicadas máis alá que por herdeirxs minoritarixs, non sempre, mais algo descafeinadxs ou por puro exotismo de rareza a sinalar.

 

 

E falo de inxustiza porque esas bandas foron herdeiras dun movemento máis amplo a nivel musical como foi o punk que naceu nos estados unidos e en gran bretaña dunha maneira, aparentemente, rompedora mais que en poucos casos ese rache foi tal e, deseguida, converteuse nun produto musical bastante comercial, nalgúns casos, e noutros xa totalmente comercial. Xa non falemos do post-punk e todas as movidas posteriores que viñeron a desvirtuar todo ese inicio de romper co pasado duns setenta, a nivel musical, xa moi plastas e decadentes.

 

 

Pois as bandas ás que me refiro colleron a testemuña do esencial do punk e o tan cacarexado, hoxe en día, faino ti mesmo fixéreno realmente durante décadas dunha maneira verdadeira e coherente. Apartados da industria musical e sendo voceiros dos movementos aos que pertencían ou nos que estaban involucradxs. Eran máis alá de fanzines e revistas, e poucos libros, a maneira de expresión que tiñan todos os colectivos autónomos, anarquistas, anticapitalistas en xeral.

 

 

Precisábase berrar e saltar e facelo con moita velocidade e peso para mostrar a contundencia da mensaxe, de fondo radical, do anhelo de muda dun sistema capitalista que comezaba a ser cada vez máis salvaxe.

 

 

A maioría desas bandas partían de locais ou casas okupadas de medio globo. Obviamente e basicamente do mundo branco mais estendeuse tamén moi rapidamente por toda sudamérica. En países como Colombia e Brasil o número de iniciativas e de bandas era moi grande.

 

 

Insisto na inxustiza da non reivindicación da música de todas esas bandas xa non só polo feito musical en si mesmo senón porque foron os voceiros duns movementos que realmente, e sen querer apuntar a pretenciosidade, eran fortísimos en moitos países como alemaña, italia, gran bretaña e os estados unidos. Resulta curioso que non se repare en que ante a ausencia de líderes de toda esa cantidade de xente, que ademais estaba en contacto unha coa outra, movéndose por todo o globo, e expandindo ideas, músicas e inquedanzas, e sendo as propias bandas, moitas veces, as que exercían de tal. Pois que hoxe en día non se teña en conta que de aí, deses movementos de décadas e dos seus voceiros, a nivel musical, dunha maneira extrema e radical iniciáronse revoltas, ideas e outros movementos ecoloxistas, animalistas, antimilitaristas, feministas, radios libres, medios de comunicación en xeral. Naceron grupos de apoio mútuo, movementos de barrio, recolleuse a loita lgtbi… conformáronse, ao fin, en numerosos lugares de todo o mundo, e ademais interconectados entre si, un senfin de iniciativas que deron lugar, base e inspiración total a moitos movementos que virían despois, anos despois, e que absorveron ás veces para moi mal o cauce de todo isto.Todo o traballo alternativo de moita xente que tivo moito que ver co movemento hardcore punk moitas das veces. E así hoxe a nivel político hai moitísimas inercias que veñen daquelas épocas. Moitos daqueles suxeitos converteron e convertéronse en algo bastante deformado ou incluso terrible. Eles e todas as ideas e prácticas que se foran conformando décadas atrás.

 

 

Todo evolúe, está claro, pero hai evolucións e evolucións. E hai tamén quen se mantén no que considera válido e práctico. Así houbo grupos que experimentaron e fixeron músicas máis complexas e ás veces menos políticas (mais moitos deles sen perder a súa esencia alternativa) cousa da que se beneficiaron moitas bandas, que ao igual que a nivel político, vampirizaron unha maneira de ser e estar no musical, incluso no político, desvirtuando todo o que realmente querían amosar esas bandas e eses movementos.

 

 

Hoxe son tempos de música máis calma, de técnica e erudición. Resulta curioso porque, desde o meu punto de vista, o mundo está para volver berrar ata quedar afónicxs.

 

 

Rescátanse cousas dos cincuenta, dos sesenta, dos setenta, rescátase the clash ou ao post punk. Incluso rescátanse músicas que foron inspiradas polas bandas hardcore punk mais amplamente non se quere afondar en toda aquela historia (algunha aínda resiste) tanto a nivel musical e cultural como a nivel político. Quizais se descubra que foron moitísimos tetos que deron de mamar a moita moita xente que agora fai cousas a todos os niveis xa mencionados.

 

 

O de aquelas épocas foi un pre-internet. As cartas e os paquetes, os fanzines, os discos ían dun lado para outro. As bandas e os colectivos de igual maneira. Para que non o viviu non o pode entender. E dígoo sen ánimo de chulería nin nostalxia. Simplemente observo que houbo moita xente que lle sacou moito partido a iso e, penso, nunca millor dito.

 

 

Na Galiza houbo movida tamén. Houbo cousas, colectivos, bandas (poucas pero moi boas) Curiosamente a diferenza de Catalunya as bandas galegas, maioritariamente, decantáronse por empregar o idioma da nosa terra. E iso que falamos de comezos dos noventa. No caso catalán viñan moi fartxs da nova canço e alí estaban as mellores bandas do estado e cantaban maioritariamente en español. Na Galiza daquela viñeron tocar bandas moi boas e comprometidas a nivel internacional. Moitas menos, iso si, que noutros puntos do estado. Sobre todo en Euskalherria.

 

 

O que ocorreu na Galiza despois foi que se conformou un produto querendo emular un pouco, quizais, ao rock radical basco e se fixo un efecto burbulla, desde o meu punto de vista, onde o que primou e prima absolutamente é a loita pola lingua (non digo que non sexa importante) e certa cultura sobre calquera outra cousa. Perdeuse o contacto coa esencia do faino ti mesmx e o que se importa a nivel musical, máis alá da Galiza, son bandas, normalmente, que viven situacións semellantes nas súas nacións, á problemática galega. Hai unha liña e un dogma a seguir. E semella que non é algo horizontal.

 

 

O papel que xoga a tecnoloxía, por moito que queramos verlle perspectivas positivas, desactivou e desactiva boa parte do magma espontáneo que se daba en lugares onde ata o aburrimento producía un magma propicio para iniciar cousas realmente interesantes no corpo a corpo.

 

 

Para finalizar o meu escrito falarei, en parte, en boca dalgunha muller, porque puiden ler estas opinións. Lin que este(s) contextos, esta(s) esceas eran machistas e sexistas coma en moitos outros lugares e contextos. Mais algo facía mudar esa condición cando en comparación con outros moitos movementos a muller era capaz moitas das veces de expresarse, de mostrarse, de participar no faino ti mesma. Como público, involucrada, actuando etc. Abre unha fronte a muller a través do movemento hardcore punk que ademais creará unha ruptura maior co riot girrrl e sentará as bases de moitas hisorias a nivel feminista, lgtbi…

 

 

En definitiva, desde o meu escrito, todo este mundo contestatario e ruidoso que emerxeu a finais dos setenta e que se robusteceu nos oitenta e noventa ten sido el e os movementos que estaban detrás, a nivel político, negados e renegados e atópanse nun extraño limbo porque moitas, moitas historias pasadas e presentes teñen mamado deles e delas pero non hai quen os e as recoñeza nin reivindique senón é como exotismo ou a nivel minoritario. Nuns tempos nos que quizais precisábamos volver montar varullo.

 

 

 

(Nota: Sobra dicir que a reivindicación destes tipos de música non exclúe o meu amor por todo tipo dela, de diferentes estilos, sexan comprometidos ou non a nivel político.)

Parálise

Estou paralizado

redes sociais

tabaco

máscaras

berros e abusos

sen saídas

presionado

aillado

calor

comida

sen saídas

agardando

non sei que

de verdade

incomprendido

sentindo

a hipocresía

redes sociais

tabaco

estou paralizado

Satanás o inferno é demasiado doce

Imaxínate estar no paraíso

cos froitos máis deliciosos ao teu redor

imaxínate estar no paraíso

e que non sexa fiscal

fervenzas árbores milenarias

bolboretas xigantes

peixes de cores voando

verde e azul frescor

e algo de calor

para poder ganduxar e durmir

pola noite nas praias

ollando as estrelas

que caen salpicando

na face

imaxínate estar no paraíso

cheo de animais salvaxes

de todas as cores e tamaños

montañas nevaradas e plantas enormes

imaxínate estar no paraíso

no horizonte o roxo

paxaros e paxaros voando

sons deliciosos para as orellas

escoitantdo nas lagoas e lagos

ríos e mares

a lúa medrando

imaxínate estar no paraíso

desprovisto de estradas

só camiños que levan

a ningures para perderse

e só atopar mel de flores

vento malva

enormes oasis con poucos desertos

imaxínate estar no paraíso

mais… Un intre!

Xa o estamos que carallo!

Só que atados de mans e pés

por capital e estado

por relacións deturpadas

por guerras humanas

xa o estamos

pero esquecémolo

só cuspimos cara os lados

arriba e abaixo

encadeados a nosa mente

lavada polo deterxente da malicia

e despois ensuciados

polo traballo a destallo

pola competitividade brutal

e pola enfermidade real

que verquen sobre os nosos corpos

os mexos da barbarie farmacopea

do poder e da mentira

da ira que nos provocan

e que nos queren así

iracundos atrapados acendidos

neste inferno que podería ser

un paraíso que é

imaxínate estar no paraíso

no que estamos

sen escadras nin cartabóns

sen distancias policiais

sen arrestos domiciliarios

en bárbaros edificios

de bárbaras cidades

imaxínate que non queremos superavit

nin queremos deber nada

por ter nacido neste paraíso

imaxínate que non nos temos

que apretar cinturóns ningúns

porque imos espidos

imaxínate tirar a televisión ao río

como derradeiro acto anti-ecolóxico

imaxínate estar no paraíso

na natureza

compartindo a liberdade de respirar

neste planeta terra.

Satanás o inferno é demasiado doce

vén ao noso quedas convidado.