Sudakas en motos

repartindo comida

os fins de semana desérticos

obreiros roxos negratas erguendo estadas

para restaurar edificios

vellos da falanxe

obreiros verdes negratas

traballando nas vías

dun ave a madrid

que será difícil coller

aves migratorias

cigoñas aniñando

(abortada a descendencia)

en novos guindastres

en pleno corazón da cidade

desértica e ruinosa

panchitos empurrando

cadeiras de rodas

polas avenidas tamén desérticas

cargando con vellos e vellas

terrazas desérticas tamén

en case todos os barrios

da cidade un sábado

ás once e media da noite

dun mes de xullo

panchitas coidando ás avoas

e aos avós que quedan

despois da deshixenización

como lle chamaran alguns/as

hoxe lin como anda

a patronal desesperada

en pro de man de obra

cualificada para construír na destrucción

quítannos o traballo!

Sen dúbeda

o traballo que ninguén

pode facer porque

ademais non hai ninguén

marcharon

como moitas xeracións

procurando un chanzo máis arriba

os chanzos máis abaixo

están sendo ocupados

que queda?

As terrazas un día pola semana

nos viños como lle chaman

cheas de rapaces e rapazas

oriundas dalgún lado

pero non demasiado abaixo

nin doutro charco

ceando ás mil

chuletóns con patacas fritidas

como pedro sánchez

sen máscaras

cando andaba fodido

mostrando

ao meu modo de ver

a indecencia e privilexio

da súa burguesía.

Polo camiño

tanques de guerra

chimpíns e camións de lixo

camións a mangueirazos cos botellóns

non cos dos chuletóns

noutros barrios continúan abertos

ao regresar

todos os kebabs

algúns vellos prexubilados

apuran medio cubata

ou unha cervexa barata

pasa o carro da local

coas sirenas acesas

mais sen facer ruído

moi poucos carros, algún taxi

moitos grafittis

tapando pintadas

todos e todas coa boca tapada

aínda que hai máis de cen metros

de distancia.

Xente que non sae por medo

xente que non sae por cuartos

saín percorrer a cidade

e polo paseo

bandas de xente

ben uniformada

con traxes caros

non son racistas

sérvenos

os mellores camareiros

que están todas moi boas

aquí desubicado

na propia cidade

que lle oín a unha rapaza

que voltaba cuns amigos

que xa non era a mesma.

Ristras de valados

sinalando a conectividade

do aillado co aillado

prendendo un cigarro

continuar fumando

chegando a unha casa

que nin sequera é miña casa

unha paisaxe estraña

perto das entrañas

dun novo mundo

que non acabou

que non comezou

abrindo todos as bocas

para con dosificador

pódanos caer

unha, dúas, tres gotas

de subsitencia

para continuar

por exemplo

escribindo cousas como esta.

Logo viría

madrid a invadir

en agosto

nós acoplados ao fin

no noso barrio de bárbaros.