O único animal deshonesto que hai no planeta é o ser humano

 

Fantaseémos un pouco. Quizais un pouco ou moitísimo, nunca se sabe.

 

Imaxinemos que a covid19 ou esa maldita variante do coronavirus xestouse na Galiza e máis concretamente en Ourense. Si unha pandemia global do mundo mundial xestada na provincia das Burgas.

 

Supoñamos que a teoría que algúns tildan de conspiranoica sobre o deseño nalgún laboratorio na China ou nos EE.UU non é certa e que a teoría que máis se achega a unha posible “verdade” é da que se falou e fala moita xente, incluídos os chinos. Isto é que saltou aos humanos a través do mercado de peixes e mariscos de Wuhan. Cidade brutal alicerce do capitalismo burocrático, industrial e tecnolóxico chino xa desde hai décadas.

 

Nese mercado, como ben se sabe, non hai só peixe e marisco aínda que se chame así. É un xigantesco mercado de todo tipo de comestibles e incomestibles do que millóns de persoas comen. Así pódense atopar entre outras moitas cousas inxentes cantidades de gando de todo tipo e de todo tipo de países, por vivir no mundo globalizado no que vivimos.

 

China non só foi medrando en décadas a marcha de locomotora bala senón que desde a crise do 2008 foi a salvación da civilización occidental gracias ao seu poderío en fabricación, produción de todo tipo de materias primas, capitais e capital humano traballando endiabladamente para que o mundo se sostuvera e fora financiado ata a crise da covid. Porque o mundo capitalista estaba fodido, coxeaba moitísimo. Ía a pique coa crise de 2008 endiante. Esa foi a auténtica crise. O antes e o despois de todo de magna maneira.

 

Leva habido multitude de crises porque o capitalismo é así e ademais precísaas, incluso invéntaas, pero a de 2008 deixou bambeando os alicerces do propio capital e aí xogou un papel determinante e superlativo o que é denominado como xigante asiático. Sacou todas as castañas do lume ao mundo enteiro. Traballou a toda máquina, todos os seus cidadáns traballaron a toda máquina (e traballan). Tanto é así que precisaban e precisan combustible. Mais, sobre todo, combustible alimentario para traballar máis brutalmente. E o millor e brutal combustible alimentario é o cárnico. Fonte animal de proteínas e graxa necesarias e precisas para alimentar a millóns e millóns e millóns de persoas que, moitas delas, na China, chegaron a obesidade (incluídos nenos). Problemática non moi estendida neste xigante antes de todo isto.

 

O combustible básico foi o porco. Porco criado e inflado en macrogranxas de moitas partes do mundo mais, sobre todo, en Europa e en concreto un dos países máis exportadores do pobre animal é o estado español.

Onde cada vez máis e máis vanse abrindo e proliferan estas macrogranxas. Algunhas agochadas para que non se poida ver o seu horror así como agochado o seu transporte pola mesma razón.

 

Pois ben, na Galiza, na provincia na que resido, en Ourense, hai certa cooperativa que xa ten demandado a un bo paisano por denunciar este tipo de explotacións (nunca millor dito) terriblemente contaminantes, a maiores.

Esta cooperativa co beneplácito de todas as administracións ourensás e galegas campa, desde tempos inmemoriables, por todo o territorio ourensán, galego incluso máis alá e desde hai xa bastante adícase a mantelar moreas destas macrogranxas de porcos etc que a súa carne antes facía traballar a moitos galegos, tamén, como combustible para a dureza e o frío. Algúns vellos teñen morriña e ségueno degustando merendas e ceas.

 

Estas auténticas explotacións están acaparando ata a auga de pobos e vilas para o seu mantemento.

 

Mais non, do que falamos actualmente é que todos estes centos de millóns, e algo máis, de porcos ourensáns exportanse maioritariamnte á China e están alimentados, seguramente, por cereal que posiblemente proceda da incendiada e desmantelada selva amazónica. Colleitado con hervicidas e pesticidas etc.

Parece ser que a soia é o cereal co que se lle fan engordar a estes animais. Cereal rico en estróxenos e non moi bo para a saúde en grandes proporcións. O emprego antibiótico nestas explotacións para procurar a “saúde” dos animais é tamén notorio.

Todas as súas deposicións misturadas con produtos químicos levan contaminando un montón de tempo a zona da Limia porque son vertidos inconcebiblemente sen ningún control. Perto dos ríos, do río Limia pero tamén noutros lugares semisoterrados onde non chamen moito a atención. Fíltrase no chan vai aos regatos, ríos. Acaba na que noutrora fora lagoa de Antela (que agora estase a dicir que queren recuperala desde o goberno central nuns anos? ) E toda esta borralla tranfórmase cos propios nutrientes da auga en cineobacterias (ás que se lle teñen denominado como partículas de guerra química).

 

Os encoros, como o das Conchas, que o outro día lin con estupefacción e ata risa, por non chorar, como se lle vendía o lugar, para un anuncio de nefltitx, ou como se diga, como fonte de auga minero-medicinal.

 

Da mesma maneira que se vende o encoro de Cachamuiña (a poucos quilómetros de Ourense). E de onde parte a auga que bebemos a maioría do ano os cidadáns ourensáns. Véndena como paradigma da auga e Ourense como provincia da auga e termalismo. Facendo un parque e monumentos institucionais recentes sobre o tema en cuestión neste encoro.

Está case todo o ano inzado de cineobacterias igual que o río que tanscorre apresado ou sen apresar. O río Loña.

 

E así multitude de ríos e encoros ourensáns, polo menos, están cheos de contaminación e así a auga que bebemos está hipertratadísima con cloros e outros compoñentes químicos que penso non deben ser moi saudables.

 

Auga tratada por unha empresa que hai máis de dous anos que expirou o seu contrato no concello de Ourense e que ao que se adica, aínda, a día de hoxe é botar lixivia a todo meter polas rúas de Ourense ás noites. Vén de ser premiada, con non sei que premio, supoño que pola súa laboura desinfectante e branqueante que ata deixa desgastadas as beirarrúas. Ademais de entorpecer o paso dos viandantes por toda a cidade. (O lixo acumulado polos cinturóns arredor de Ourense está, iso si, dunha maneira semellante a como estará unha macrogranxa)

 

Fraga dixo hai anos aquilo de “Galiza, o país dos mil ríos” dicimos (moita xente o dirá) “Galiza o país dos mil ríos contaminados que ademais van ao mar).

Mar como o mediterráneo ou o mar menor cheo de xurros polo mesmo motivo e que rematou cos peixes todos. Todos!

 

Este é o problema. A carne, a industria cárnica. Ademais foco de coronavirus nas súas plantas como se puido e pode observar en toda a pandemia. Noutras granxas como as dos visóns a historia é xa moi moi recorrente. Incríblemente recorrente.

 

A industria cos animais, ademais de ser aberrante (así o vexo) sae moi cara. E logo rínse da xente que optamos por non facer consumo, como se os animais foran produtos, e nos opoñemos a todo isto. Os animais nosos irmáns. A chulería procárnica brutal, insensible e patriarcal.

 

Pero voltemos á fantasía e ao mercado de Wuhan onde están desembarcados millóns e millóns de animais ou “produtos animais”.

 

Imaxinemos que eses porcos chegaron da Galiza e máis concretamente da provincia de Ourense e imaxinemos que o salto viral foi producido por un animal salvaxe que ben en Ourense ou ben en Wuhan contaminou ao animal porco.

Imaxinemos “a china” que lles tocou aos chinos ao comer para poder seguir traballando a toda máquina un cacho de porco ourensán e despois non parar de contaxiar dun persoal a outro persoal. Imaxinemos en definitiva que o covid19 foi propiciado por unha macrogranxa no corazón da provincia galega de Ourense. E imaxinemos, ou millor dito, pensemos… Por que seguimos facendo as mesmas cousas que ao comezo da pandemia? Por que o mundo non aprendeu e non se dá conta do terrible de sacrificar animais ademais nun sensentido (se é que hai algún sentido en facelo). Como non se percata a xente do terrible da contaminación e non se activa para non permitir que todo isto ocorra?. Como á xente non ten ningún vestixio de troco e loita para mitigar o que xa está enriba nosa desde hai anos. Isto é o cambio climático! Como ao persoal non lle comeza a renxer xa este sistema capitalista dunha vez e a maquillaxe fascista para que prevaleza? Por que se quere seguer a facer o de sempre? E síntense orgullosos!

 

A día de hoxe seguen e seguen proliferando macrogranxas cada vez máis grandes no estado español. Os chinos en en xeral a humanidade máis obesa. Polo menos a civilización occidental etc (falo de síntoma. Non son gordofóbico. Son gordo). Cantas proteínas animais precisa un funcionario?

 

Os ríos seguen a contaminarse. As emisións non cesan, o turismo repunta e queren que repunte (queren o de sempre). As condicións laborais son de pena, a tecnoloxía non procura salvarnos senón controlarnos e seguer a facernos aínda máis esclavos.

 

Virán e virán coronavirus e desastres (todo forma parte dun filme bastante chungo. Se Guy Debord erguera a cachola).

Porque non se quere aprender ou o impiden por todos os medios (de comunicación…).

 

Agora mesmo millóns e millóns de animais están sendo transportados para o seu sacrificio polas estradas e autoestradas, ferrocarril, avións, barcos… de todo o mundo.

 

Todo o mundo inventou ou inventa as súas teorías sobre o fenómeno covid. Eu tamén quería inventarme unha.