Lamento que consideres que me lamento
non teño fillos nin fillas
e non consumo drogas ilegais
dóeme o corpo e a mente
de camiñar e de parar demasiado
estímulo-represión
non sei atopar, normalmente,
liñas de fuga que me transporten ao espazo
interestelar, ou tan sequera a unha estrela
a cama está tan fría cando te metes nela
quéntase máis tarde cos pesadelos
non conduzo e non quero que me conduzan
e aínda que estou tamén contra delas
está chea de igrexas a miña mente
non quero ser valente o que quero é ser libre
niso son totalmente feminista
consumo cárceres en comprimidos
lamento que consideres que me lamento
tamén hai cousas que me inspiran
o olor a té dunha tenda de roupa de luxe
na rúa Bedoya
ou outro olor máis na avenida de Zamora
chegando a Mariñamansa, arrecendo a tabaco de pipa,
a garza no Barbaña ao carón da nosa casa
ir fumar un cigarro á ventá
e observar como corre un can
para atoparse cun home que viña camiñando
na dirección oposta e acabar os dous
enrolándose na rúa con aloumiños, risa e amor
despois vén chegando unha muller e párase
o home érguese e o can e a parella
continúan cara a dirección contrariado
percibo outra dimensión aquí escribindo
como cando hoxe tamén na ventá
no primeiro cigarro da mañá
observei un home enfundado en mono azul
e con chaleco reflectante verde fosforito
subiu ao columpio máis grande do parque
de enfronte onde está o tobogán espectacular
e subiu a esa inmensa rede e comezou
a saltar e a saltar sen parar
ata baixar, púxose a carrapucha
comezou camiñar e ollou para atrás
cara os edificios onde estaba eu
xa sen fumar inhalando algo de frío
seguindo cos ollos ao home do mono azul
que foi sentar a un banco moi alonxado
despois do estanque e quedou alí un montón
de tempo logo chegaron dous operarios con
indumenta fosforita mais non tiñan nada
que ver con aquel, estes rañaban nos tuvos
das farolas quitando papeis con soños
laborais cheos de números de teléfono
pasaron outros operarios, como os do lixo,
recollendo votos por todos os currunchos
lamento que consideres que me lamento.