o meu avó foi xornalista, libreiro, quiosqueiro, escritor, preso e mestre
mais arrebatáronlle a mestría despois de estar condenado a morte
a súa filla maior fíxose mestra e arrebatáronlle a mestría…
un grande terratenente da zona de valdeorras
ela era da súa propiedade e américa como se chamaba a miña tía
non puido nunca liberarse nin viaxar a europa como maría barbeito
a miña tía chamábame king kong cando eu era neno
tentou fuxir varias veces do lugar onde estaba confinada
pero eran uns tempos nos que a súa traxectoria profesional
non podía desafiar o confinamento das labouras do fogar
coma as de millóns de mulleres instruídas polas normas
das seccións femininas de falanxes que se elevaban tapando o sol
a miña nai non foi mestra nin o meu tío nin a miña outra tia
a miña nai tivo que servir nunha casa allea ao quedar preñada
ao parir, a súa primeira filla, tivo que permanecer case catro anos nesa casa
os meus pais xa estaban en ourense
o irmán maior do meu pai casou coa filla doutro terratenente
o mesmo que prohibiu ao meu avó materno dar as aulas nas aldeas
despois de saír preso
el estaba enfermo
miña avoa traballou ata rebentar e a súa filla, maior que a miña nai,
pero menor que américa serviu en todas as casas dos ricos do lugar
miña nai tivo cinco fillos
tres fillas
dous fillos
antes de comezar a perder a memoria dicía que non quería ter tido ningún
os meus pais falaron e falan o galego
educáronme en español, entre aspas
desde hai xa moitos anos falo o galego con eles
a miña lingua materna é a esquizofrenia
a miña tia américa morreu e a miña nai díxomo na rúa do mercado,
na ponte, en ourense, cando voltaba dun festival celebrado en cáceres
no ano 97, o mítico womad
o meu avó estivera en cuba
exercendo, entre outros, de xornalista
o meu avó tiña un quiosco-libraría nos xardíns do bispo cesáreo
fronte a alameda en ourense
onde se reunían os de ateo, unha asociación de mestres
laicos e republicanos da cidade
saiu nunha lámina do xornal local por excelencia
ao carón do quiosco estaba a estatua de concepción arenal
agora está noutro lugar
o quiosco foi queimado ao comezar a guerra civil
e hai unha lenda que di que as cinzas foron depositadas
na porta da casa familiar
miña nai era unha cativiña cando meu avó pasou tres anos na cadea
condeando a morte
miña nai foi unha confinada
miña tia américa foi unha confinada
millóns de mulleres fóronse confinando
nun país onde pensar era moi perigoso
ao meu avó confinárono
e todo foron cárceres
e algúns son nostálxicos dos cárceres
e negan as execucións e os confinamentos
e non queren desenterrar os ósos
duros de rillar
maría barbeito quería unha educación
para que a miña tia américa nunca fora confinada
para que a miña nai nunca fora confianada
o meu avó deulles unha educación
para que a miña tia américa nunca fora confinada
para que a miña nai nunca fora confinada
unha miña irmá foi mestra
hai pouco que se xubilou
non a miña irmá pequena, non a irmá maior que quedou anos na aldea,
foi mestra case toda a vida en a coruña
onde reside
cando non está en ourense
ou na casa da aldea, confinada,
onde hai unha pésima conexión a internet
si viaxou a europa e a américa
pero quixo ter fillos mais non puido
non por nada divino
foi entón nai da miña nai
quizais algo do meu pai
aínda moi maior, a día de hoxe, meu pai case cóidase só
non hai moitos anos no xornal local de ourense
saía unha nova que me deixou fora de min
o que fora marido, o terratenente, da miña tia américa
despois de morto deixou nun galpón agochadas granadas
e otras armas que quedaron oxidadas e cheas de po
tiña medo que baixaran “os da guerrilla”
tiña medo que rescataran a américa
da súa cruel conquista.