Non eu non quero ser esa persoa unida por un cordón umbilical aos supostos nutrientes cos que nos “agasalla” ese ente enredante e global, neuronal, funcional que anexiona a todas as nosas almas nun todo simulando e situándonos por riba desa montaña máxica que é a nosa cadeira ou o noso sofá, as nosas mans. A nosa cadeira de rodas ou o noso tacatá andante diante da pantalla co líquido amniótico rebordando das esquinas e comodidades.

 

Inutilizando parte do noso cerebro e estimulando bestialmente outras para un rendimento efectivo, unha produción satisfatoria que acumule ou reverta dados aos pasos de todos os ollos. Eses dados e ollos tamén nolos miramos fronte a fronte nas cadeiras dos bares aínda que non teñan rodas e/ou deixáramos o cordón umbilical na casa ou na rúa.

 

As risas por outros líquidos e sustancias amnióticas fortalecen a idea dunha suposta identidade coa que cremos fortalecernos, evadirnos ata abrir de novo os ollos secos de case non palpebrar enchufados á computación da nosa vida, da nosa música, da nosa poesía, da nosa arte, da nosa política, da nosa cultura. Compartindo con multinacionais e outras redes de espionaxe os nosos hemisferios esquerdo e dereito, as nosas glándulas salivares, o noso sexo, as nosas sombras ata que apagamos para soñar en virtual sen case padal que levarnos á boca. Sen destino vacacional que non esté tramitado e dirixido por dispositivos que en troques de mobilizarnos nos inmobilizan. Así estamos en todas partes e en ningunha ao mesmo tempo e ese mesmo tempo está sendo usurpado online e con premeditación e alevosía polos vampiros e os seus acumuladores de enerxía vital que rouban e nos devolven en forma de saturación e ruído provocado por eles e por nós neles e neles en nós. A voz humana nun mesmo raio que electrifica o eterno nadal.

 

Iso non é unificador porque desnaturalizan e compartimentan, estancan aos individuos enredados nunha madexa fluorescente que non permite o achegamento en liberdade ao outro. É a sofisticación máis absoluta da escravitude iso que chaman progreso tecnolóxico. Todas as variantes supostamente beneficiosas son somentes o canto da moeda para atraparnos neste capital luminoso e negro. Insertados nos enclaves necesarios somos sometidos a un bucle incesante de tests sobre as nosas xeografías mentais. Somos sometidos incesantamente a probas de dor e resistencia, tests de intelixencia, de emocións, probas virtuais que desenvolven o mal real ás nosas almas e corpos de verdade. Sometidos á sobreinformación máis aberrante, ao sobrecoñecemento de cousas inservibles para nós humanos vulnerables, sometidos a torturas emocionais e á competitividade máis terrible en aras de someternos os úns aos outros para o bo ver do grande ollo que axita, tamiza e selecciona todo aquilo que o pode facer máis grande e poderoso.

 

provoca todos os fluxos virtuais e reais. Deslocaliza, localiza, atrapa e vomita cara nós novamente. O traballo asalariado xa non é tan importante. O noso salario son outras cousas que adoitamos facer nosas crendo que nos benefician. pulsamos para “eles” “prememos” para “eles” “gustamos” para “eles” e seguimos vivos porque así o queren eles. Somos a materia prima, somos a fonte de enerxía de todas as enormes fontes de alimentación do sistema mundial.

 

Non podo crer en nada disto, non podo crer que se simule esta terrible lei con conexións máis ou menos místicas de enlazamentos enerxéticos e supletorios dunha que debería ser a esencia humana. E se esta esencia existe e está sendo inoculada nas máquinas absorventes da turbina maligna non teño nin idea de como rebordarnos en lava do volcán durmido e fuxir quizais desta maneira tan abrupta, explosiva cara outros firmamentos dunha galaxia nova que quera conformar novos relevos e cartografías onde a vida sexa vida e non enferma e putrefacta vida sorbida por enfermos vampiros ávidos de eternidade infernal.