Pareceume estraño que ao entrar no gadis da rúa do mercado, a miña rúa, en Ourense, do barrio da Ponte, onde me criei, un segurata me fixera, ao andar na procura de produtos alimenticios, unha placaxe da que nunca me sentira tan mal, nin nos meus tempos de mozo okupa-punki. Sentínme totalmente criminalizado. O tipo sen cortarse un euro seguíame por alá onde eu me movera e ademais marcábame coa mirada. Unha mirada pior que a de algúns policías cos que teño “tratado”.

Isto ocorría algúns días antes (moi importante, aínda que sexa algúns, porque eses algúns significan moito) que comezara toda a movida grande do famoso coronavirus.

Cando cheguei á caixa (non se fixaba en niguén máis) púxose enfrontado a min contra o cristal da porta de saída do supermercado e fitou para min de tal maneira que a historia xa me acabou de incomodar de maneira bárbara. Non semellaba un super, semellaba un cárcere.

Eu tampouco levaba demasiados produtos. Nin sequera había os problemas que houbo despois ou que hai agora; e non os levaba porque tiña que cruzar a ponte vella para ir ao meu barrio novo desde hai trece anos: O Couto. E está claro que non ía ir cargado dunha maneira bruta ata aquí. A miña casa, desde onde estou escribindo isto, confinado.

Cando cheguei xunto a caixeira o fulano deixou a posición e púxose doutro lado fronte miña pero desde un cabezallo do super e continuou coa súa hostilidade. Paguei tragando saliva (o tipo estaba armado) que xa ten bemoles a cousa. Sorrín á caixeira e saín do trullo sen imaxinarme, para nada, que cando escribo isto estaría noutro trullo acompañado da miña colega e as nosas dús gatas e tamén coa chuvia que cae este domingo 15 de marzo de 2020. Que non é domingo de ramos, nin domingo electoral, nin domingo olímpico. É domingo de estado de sitio, sitio distinto como dicían Os Resentidos. Só que nós non estamos na carballeira nin en misa nin na perruquería ou nunha praia de Sanxenxo (eu polo menos) Estamos a velas vir ameazadxs por un virus que ás veces nos ameazan dicindo que é moi dañino. Que é moito pior que unha gripe, ou gripe A ou B ou C. Métennos medo pero din que non nos queren meter medo. Din que se estabiliza o número de contaxiadxs e aumenta o número de mortes para posteriormente comentar que todas as altas vanse altando.

Hoxe vin nun telexornal da miña comunidade ou nación histórica ou país de paisanxs imaxes de Barcelona ao carón da praia. Estaban ateigados os paseos e non se cortaban en mostralo. Había un gosso digo un mosso que precintaba con plástico de precintar a baranda da escaleira á praia e pouco máis. En serio, moitísima xente e alí o pico de infecciosos perdidos é altísimo. Tamén puxeron imaxes de Madrid, esa cidade chea de madrileños e de madrileñas e a reporteira afanábase en comentar que non había ren na porta do sol. Mais cando a cámara facía un percorrido de 180º si había xente. Non tanta como en Barcelona pero si había algunha e non só tres, catro ou cinco persoas. Estamos falando dunha cidade hipercontaxiada e enorme que segundo din ten saturados os ambulatorios e centros de saúde.

Con respecto á policía e demais forzas policiais botaron unhas imaxes publicitarias nalgunha carreteira e autopista pedindo, por fi, á xente que non ande por aí. Ademais dunhas imaxes espectaculares duns drones que berraban algo así como: “prégase que volten aos seus domicilios”. Segundo dixeron as multas son moi moi grandes e ata che pode caer un ano de cárcere pero a xente., polo momento, moita dela, pasa do tema en dous lugares, sobre todo, e do coronavirus e eses lugares son completamente picudos nesta historia.

A reporteira da galega tamén insinuou e seguro que non se lle ocorreu a ela (non a minusvalorizo para nada) que debido “a nosa vulnerabilidade” non só o coronavirus pode ser perigoso para o país.

E pasaron luns, o martes e estamos a mércores. Quinto día de confinamento, segundo din e pasaron moitísimas cousas ou ningunha segundo se mire.

Costa retrotraerse ao comezo da mensaxe “científica”. Isto é o virus é un virus contaxioso pero só un pelo máis pernicioso que o virus da gripe. A partires desta mensaxe existen universos paralelos e paralistos e paratontos.

Onde máis repercusión tivo, inicialmente, foi en Madrid (e segue a ser o maior foco) pero a diferencia de Italia, primeiro foco importante en Europa, onde se confinou a toda a “zona” da Lombardía no estado español non se fixo o mesmo con Madrid. E é que Madrid é moito Madrid. É a capital do reino corrupto e pernicioso de españa. A de viva como berraban nos balconadas de enfronte da nosa casa o outro día despois de aplaudir aos e ás traballadoras sanitarios e podíamolo oír desde a nosa fiestra, onde vivo, en Ourense. Onde hai a día de hoxe trinta e pico casos declarados que non penso que sexan moi colapsantes sobre todo sabendo que a inmensa maioría están nas súas casas. Sen embargo na miña cidade o exército está desde hoxe na rúa aturando a temperatura de case trinta graos deste Ourense tropical no que aínda lle faltan un par de días para a primavera. (Din ou dicían que coa calor o virus palma?) E casualmente pararon a miña compañeira hai un chisco cando foi a por avituallamento a unha tenda de comestibles. Pedíronlle papeis para desmostrar o por que estaba na rúa. Se tiña xustificante laboral etc Non tivo maior problema para voltar para casa por levar un carro cheo de verduras pero advertírona e xa ten brincadeira a cousa.

Mentras agardaba por ela fumei un dos innumerables pitos na fiestra e chamoume a atención un home moi ben vestido duns sesenta anos, pantalón branco, maletín e americana con estampado militar. Non mo invento. Como non me invento que onte subía unhas escaleiras metálicas unha rapaza moi xoven con xersei gris tapando as súas cadeiras e pouco máis con lubas e mascarilla. Zapatillas sen calcetíns lucindo unhas bonitas pernas.

O sábado fomos a por pan e pillei un par de cervexas do frigorífico do establecimiento. Había unha muller, nin xoven, nin maior ao meu carón. Foise ao fondo da tenda (moi pequena) Perto igualmente de nós e forzou unha tos de maneira repetida ata que conqueriu que fora realmente chunga. A dispensadora de pan (daquela sen mascarilla nin lubas) Ollou para o teito e esbozou un xesto un pouco incrédulo e ofrecíalle un vaso de auga.

Tivemos e temos, ás veces, medo. Penso que non sabemos exactamente a que pero o temos. Alarmismos iniciais e seguidos, medios de comunicación, políticos con diploma de coronavirus e baixas que medran na poboación segundo nos van dicindo minuto de xogo e de partido (coma sempre medraron con outras enfermidades contaxiosas (ou non) como a gripe?)

Tamén temos policía, garda civil, locais, autonómicas e exército. Caldo de cultivo para o medo. Estamos confinadxs, vulnerables, amedrentadxs e con moito ruído na cabeza. Chegan novas confusas e contraditorias senón mentiras a todas horas.

E a maiores están temas moi complexos e moi fodidos que aínda dan moito máis medo. Aproveitar o río revolto que revolvín eu! Ganancia de pescadores e cazadores que si poden ir de catro en catro. Case coma Manuel Antonio.

Incendios, verquidos e o que non saberemos que pasará por aí adiante. Explotación e inxustiza, desigualdade, e paranoia. Peche de fronteiras españolas.

Isto é ben curioso, como dí moita xente. En Portugal hai relativamente poucos casos e na Galiza e, claro, en Ourense que raiamos (ademais de estar raiados) cos nosos paisanos veciños témonos que afastar deles pero as madrileñas poden vir para aquí o fin de semana a “escapar” e pasala na nosa comunidade autónoma suspendida contaxiando a todo dios!

A poboación máis vulnerable obviamente é a xente moi maior e/ou con patoloxías severas. E dito de paso, sen menospreciar a súa vida que merece ser vivida como a de calquera hai que ter en conta que a eles e a elas un simple resfriado poderíalles levar á tumba.

Antes fumando outro cigarro vin como saía unha familia enteira (a verdade é que teño unhas vistas privilexiadas) dun portal máis alá do estanque e o parque que nos separa. E un home cun pantalón curto, dúas mulleres e unha anciá introducíanse en dous carros de moi alta gama.

Sen prexuizo mais eu considero que ían camiño do hospital. Pero ao millor a vella non daba positivo no test. Ao millor nin llo facían. Ao millor enfermou doutra cousa, Ao millor existe paranoia na súa familia. De todos xeitos imaxinemos que a levaban ao hospital porque tiña o coronavirus. Ao millor sae desta. Ao millor non.

Quen o ten tamén moi fodido é outra xente que non se pode subir rapidamente en carros de alta gama e ir pitando ao hospital público que pagamos todos e todas.

Hai vellos e vellas sós e soas en casas, aillados e ailladas, sen recursos. Hai xente malvivindo na rúa e non teñen o diploma de coronavirus aínda que teñan aprobado todo o curso.

Logo está a peña que seguiu e sigue chollando e non me refiro só aos e ás profesionais sanitarios. Refírome ademais ao persoal do ramo da alimentación que as está pasando canutas (sen protección) Mentras as grandes corporacións da alimentación ingresan todo o que soltamos dos nosos petos para poder facer a festa en casa. Refírome a coidadores, coidadoras. Refírome tamén, a como é posible que unha porcentaxe maioritaria da poboación estemos impedidos para saír de casa, que sería comprensible senón fora pola contradición e hipocresía de ver o metro de Madrid ateigado de xente para ir aos seus postos de traballo, ese crime contra a humanidade que se convirte en aínda máis crime nestes días.

En que quedamos? Que pare todo xa!

E tamén estaría ben que a xente se responsabilizara dos seus actos para que non tivera que existir a policía e o exército. E non falo da xente que vagamundea por aí por unhas razóns horribles e precarias, sexan cales sexan, senón que falo dos e das superlistos/as e reputados e reputadas cidadáns e cidadás que están por riba de todo e fan o que lles da a gana toda. Esa xente á que non para a policía ou o exército xa sexa a pé ou en carro porque saben o “santo y seña”

Por outro lado que grande ocasión de copiar aos chinesas e pechar españa e facela grande, libre e enferma e que grande ocasión a de pechar europe e facer aínda máis enfermos e enfermas aos ás refuxiados/as. Pechar fronteiras e ademais de sanear virus sanearemos economías con anverso e reverso. Isto é, medidas superprogres e supostamente beneficiosas para o pobo mais que se agocha tras o reverso? Os ricos siguen mandando… Mandarán? A ultradereita segue a subir… Subirá ao máis alto?

Fálase de dúas variantes para despois do que moita xente denomina experimento. O ecofascismo postliberal ou que á xente se lle dé por rebelarse e por apostar por outro mundo, se isto é posible, que reviva e faga morrer a este totalmente enfermo. Que enfermou por comerse todo o mundo humano e non humano. Toda a natureza. Logrando a devastación e profanándoa a ela e a todos os animais e vexetais. E esa natureza non para de devolverlla en forma de desastres como o que estamos vivindo.

O territorio está ocupado por humanos e os seus accesorios. A natureza salvaxe (a que queda) Está en contacto máis que nunca con nós e ademais non paramos de aberrar en cousas tan primordiais como a alimentación para nós e para os animais.

Claro que hai que sacar leccións de todo isto e aprendelas mais isto xa ten ocorrido no pasado e non se acaba de aprender senón que se vai a máis.

Hai interese real en que o mundo sexa completamente diferente? Sen que iso conleve o control, a represión, o fascismo etc?

Mentras estamos en casa, nos nosos fogares, eu estou escribindo isto que podería telo escrito ou escribir algo semellante en calquera outro momento pero, claro, escríboo agora.

Escribo agora como recoñezo que me dou conta de certas cousas xusto agora malia pensar de maneira semellante coma sempre teño pensado.

Vou enumerar unhas cantas molestias porque son un pouco malhumorado. Xa sei que eu molesto e podo molestar a moita xente. Pero cito o que me molesta a min:

Moléstame enormemente a soberbia dun sector de xente que pensa que o sabe todo. Sobre todo no ámbito da “esquerda”… Moléstame ese clasismo sectáreo progre que fala moitas veces do apoio mútuo e cousa en común e non estende os saberese os pareceres de moitas informacións e cousas. Formando unha especie de élite xa sexa intelectual coma militante que só se abre ao mundo a través de carnés ou dunha maneira, por outro lado, hiperintelectual que é moitísimas veces indescifrable para a maioría da xente. (E falan en nome do pobo!)

Tamén me molesta o vítimismo por estar (moitísima xente de nós) cómodamente instalados co bandullo cheo de comida e de bebida. Escoitando a nosa música preferida e vendo as nosas series favoritas.

Non quero eu facerme eu a vítima pero póñome de exemplo. Sei que hai moitísima xente presa e confinada de verdade entre eles as presas independentistas galegas, sen querer excluír ao resto, mais eu pasei dous meses e medio nun manicomio onde fun torturado vilmente e esta situación que estamos pasando aínda que sexa todas as cousas que sabemos que é non é nada comparado co que conto. Non llo desexo a ninguén (ben, agás excepcións)

Sei que para un “neurodiverso” non é saudable esta confinación, de feito, agardo que non, mais podería perder a cabeza. Pero desde logo teño as pantuflas postas, estou pasando isto co meu i-mac e están comigo dúas gatas e unha compañeira humana que me fan, valga a redundancia, moita compaña e penso que eu a elas.

Por último moléstame (insisto son así de malhumorado) A xente que se toma isto de maneira frívola. Entendo que por saúde mental e por evasión debemos bailar, rir etc mentras poidamos. Pero tomarse esta historia a “cachondeo” non me parece a máis axeitada cando hai moita, moita peña que o está pasando moi mal por distintos motivos. Aquí na Galiza e noutros lares do mundo mundial.

Ademais o que salga, se sae, algo de aquí non está nada claro. Penso que depende en grande medida de nós e do mundo que queramos facer e que “nos deixen facer”

Últimas noticias: o pico segue subindo, hai quen di que estamos a piques de chegar ao máis alto.

O número de contaxiadxs aumentou notablemente. Moita xente foi na procura do seu diploma. Por desgraza hai xente que morre de verdade. De todo tipo de cousas.

 

(Quero adicarlle este escrito, sen que serva de precedente, ao meu pai; un home maior cunhas ideas bastante retrógradas pero cun sentimento de liberdade moi alto e que foi interceptado onte, mércores 18 de marzo de 2020 pola policía cando paseaba ao seu can, na praia fluvial de Oira, en Ourense, onde non había practicamente ninguén e foi tratado de malas maneiras. Fotografáronlle o carné e entre berros ameazárono con multalo)