De cativo sempre dixera que eu fora a Madrid. Seguramente a razón da miña teima era que nalgunha noite desas tivera un soño. Deses que o cres nun momento pero sen embargo, ao pouco, que frotas os ollos e e cando te vas despreguizando, entras na realidade e todo debeu ser unha mala ou boa experiencia onírica.

Pero eu non, porfiaba á miña nai, ao meu pai, ás miñas irmás e ao meu irmán que xa estivera en Madrid e ata daba a descripción de onde estivera, o que fixera etc.

Debía de estar tan teimudo por mor do irmán xemelgo do meu pai e a súa familia que en realidade si vivían en Madrid. Eu estivera en Oviedo, pero durmido na cidade asturiana, pola viaxe que resultara moi esgotadora para a miña curta idade. Íamos na procura da miña irmá pequena xa que alí pasara unhas vacacións con esta xente que comentaba antes: a familia do irmán xemelgo do meu pai. Eles debían ter moitas casas. Eran ricos, e o xemelgo do meu pai fora o que trunfara na familia. Era militar e daba aulas a outros militares.

Pois ben dicía que daba descripcións dos lugares onde estivera en Madrid e mira ti por onde que resultaba que eran moi parecidos aos arredores da casa onde vivía en Ourense. Todo indicaba para a miña familia que me estaba inventando todo, pero en verdade, eu críamo tanto que resultaba totalmente contrario a un conto ou a un soño.

De súpeto, un día, si que aparecín en Madrid. Lembro vagamente ese tempo. Si, lembro do ridículo que pasei no metro. Ía cun amigo que agora é técnico de son e tocou nun grupo de música de Compostela. Un grupo ruidoso e rockanroleiro que ata saiu en xornais, pero iso é outro tema. De igual maneira que é outro tema o que este rapaz me gravara unhas cintas coas que eu descubriría a un dos meus grupos preferidos.

O tema do metro consistira que en plan Paco Martínez Soria e co idioma falado no que estou escribindo soltei un “e isto como é” á par de estar introducindo o ticket do metro ao revés de como había que metelo, co que provoquei unhas cantas gargalladas no persoal da cola. E eu que son un pouco acomplexado pois ruboriceime e quedoume gravada na memoria esa historia.

Dirixíamonos o amigo e máis eu cara Elche (ou Elx), para pasar unha semaniña de vacacións, que se converteu nun auténtico desfase no que o día que máis durmín foron tres horas. Había concertos de grupos que a min me gustaban moito, ademais de outros ingredientes secundarios que converteron eses días dos máis desfasados que lembro (ou case).

Pero falábamos de Madrid. Na capital do Reino pasáramos a noite antes de coller o bus para Alacante, e á volta fixéramos o mesmo, antes de coller o tren para Ourense. Perecorrín varias rúas da xigantesca cidade co meu amigo e acabamos pasando a noite nunha okupa moi famosa de alí. Todo era moi alternativo, como eu desexaba: ser un auténtico alternativo social. Enchíame de emoción e orgullo o estar nun sitio como aquel, que visitaría máis veces antes que a desaloxasen e a derrubasen para facer especulación con ela. Como dicían os okupas 😉

A partires daquela viaxe tiña moitísimas ganas de contarllo todo á peña do meu barrio e quedarme tan pancho e enchido de orgullo. Tanto o de Madrid (que á volta fixemos o mesmo, e ata coméramos no comedor daquel centro social, que era como lle gustaba chamarlle aos okupas) como o da semana no Mediterráneo. O da xente que coñecera, os concertos, os desfases e o alternativo que era.

Esa foi a miña primeira visita ás rúas de Madrid, ao metro, ás pintadas e aquela okupa á que volvería en menos dun ano ou algo así.

Ao cabo dese ano, volvín coa madurez de que xa estivera en Madrid. Esta vez ía con varios colegas do meu barrio e outros de Ourense que formabamos un colectivo con outros e outras de outras cidades galegas nun autobús, que sinceiramente lembrándome del, éntranme uns trousos tremendos. Pasara de todo e do máis variopinto. Primeiro comentar que íamos… si a aquela okupa alternativa, onde uns grupos galegos, que tamén ían no bus pois, ían ofrecer uns concertos alí nela. Pois ben, no bus cheo de punkies varios e outros especímenes soaba a música cañeira a todo meter e algúns e algunhas (menos) debido ás grandes inxestas de alcohol pois botaban a “pota” no chan do bus, os máis moderados en bolsas, e ata penso que algún botoulla ao pobre buseiro que non fai falla moita imaxinación para imaxinar o contento que estaba naquela viaxe, coa música a todo meter, con unha centea de punkis bota potas, cos improperios, co olor a canuto e a tabaco e todo porque nos organizáramos e o alugáramos, para ir aquel centro social, que é como lles gusta chamarlle aos okupas.

Na viaxe eu tamén bebía, pero houbo un momento que o deixei de facer, xa que me entraron unhas ganas tremendas de mexar. Resultaba que cada vez que había paradas, todos saíamos a mexar. Pero a min as mexadas colectivas nunca me gustaron, son algo intimista e non o daba feito. Polo que subía ao autobús coa mesma carga coa que baixaba, e a Madrid dende Ourense hai unhas horiñas. O pior foi cando se me achegou e se sentou ao meu carón aquel rapaz, que sinceiramente, non sei que será del? A última vez que o vín foi na Coruña e andaba bastante ben. Este rapaz, pois era algo desequilibrado (en parte, coma min) e comezou a pasarme ás súas manías persecutorias e eu que son bastante influenciable pois flipei cando me contou que se tirara dun tren porque segundo él había un policía (secreta) que o vinculaba co GRAPO e quería matalo. A min rebentaba a vexiga e a cabeza. Pero todo fora por ir a Madrid por segunda vez.

Cando chegamos a unha gasolineira lanceime en plancha e pecheime no baño e cando saíu o chorriño dixen “todo por Madrid”. E iso que da primeira vez á volta de Elx non pasara unha boa experiencia naquel barrio no que agardei ao meu amigo que fora non sei a onde? Debeu ser a outro extremo de Madrid porque estiven naquel sitio á beira do Manzanares e con pintadas cheas de esvasticas e sospeitosas persoas co pelo rapado transitaran por alí durante horas. Puxérame algo nervioso, ata cando me dixera que el se quedaba na capital do reino e eu tivérame que ir só para Galiza. E que eu tiña uns dezaoito e non estaba acostumado ás aventuras que ano tras ano estarían por vir.

Pero continuemos con esta segunda vez, que a lembro moi reivindicativa, con concerto galego contra tal, manifestación pola mañá contra isto… Os postos no rastro e como non, aquela famosa okupa ou centro social.

Xa case me podería considerar como madrileño. Lavapiés, Malasaña, Vallekas etc etc.

Agora comprendía cando o meu amigo Pepe viña Algunha fin de semana da capital de España tan enchido de orgullo. Xa que el por ser orfo de ferroviario pois estudara nun colexio para orfos de ferroviarios en Madrid. Moito vacilaba coas súas “greñas” e cantando cancións de Leño, pero iso tamén é outra historia, bastante divertida, por certo.

Xa non lembro como voltamos para Ourense porque ás veces a memoria xógame malas pasadas, o certo é que voltamos e coido que no mesmo bus e seguramente nun plan bastante semellante a como fóramos.

A terceira vez que fun a Madrid tamén fomos coa mesma disposición que a anterior vez. Lémbrome de que ata lle dera eu unha cinta ao buseiro para que “pinchara” o Borreroak baditu milaka aurpegi de Negu Gorriak.

Íamos a unha marcha contra o paro na que ían confluír milleiros de persoas chegadas do territorio español (emprego español e non do estado español porque parece ser que resulta redundante, pedante e así… non sei) Ben viña moita xente. E veu.

Pateámonos vinte quilómetros en grande manifestación todas as xentes das españas que nos atopamos nas aforas de Madrid (había xente que viña andando desde Valencia). Fora soado o tema, mais eu é a día de hoxe (e xa pasaron aniños) sigo no paro obreiro.

Ao chegares a Madrid completamente rebentados collimos outro bus para volver ás aforas, xa que, se ía celebrar un grande festival de música punk-rock de grupos que nós escoitábamos desde os catorce/quince anos. Nun campo de futbol enchido de terra cinco grupos desfilaron con aparente normalidade descarregando guitarras, baquetazos varios e grandes chorros de voz. Ata que chegou o derradeiro grupo que todos agardábamos e ademais os meus compañeiros e máis eu estabamos ben posicionados para poder seguir o transcurso do evento. Estabamos moi nerviosos por ver aos nosos ídolos de xuventude. De súpeto por arte de birli-birloque aparecimos, levados en volandas, como se levitáramos ao carón da mesa de son. Que todo hai que dicilo estaba no medio, tirando cara atrás do campo de fútbol e o curioso é que nós estábamos case adiante de todo. Un grande po desatouse e decenas e decenas de punkis non paraban de meterse golpes e patadas nesa curiosa danza violenta denominado “pogo” cando sonou a voz do cantante de marras: “No disfrutamos en el paro, ni disfrutamos trabajando”.

Lembro que cando a miña nai oía esta frase, por casualidade cuspida polo meu equipo de música, sempre dicía: “Non fai falla que o xures”, pero isto tamén é outra historia.

O caso é que o festival acabou e fómonos en bus para o centro social famoso. Dividímonos. Uns fomos nun e un par de colegas máis foron noutro bus que saería ao día seguinte en todos os medios informativos habidos e por haber, xa que, ao parar nunha gasolineira, unha manada de punkies baixaron e literalmente arrasaron coa mesma…

Isto contáronmo ao longo de anos porque eu non me enteraba demasiado debido ao estado etílico-paranoico que tiña esa famosa noite.

E como non, do regreso a Ourense non volvo lembrar nada. Que cousas!

Tardaría anos en volver a Madrid… fun a outros sitios esa tempada como Porto, Valladolid, Zaragoza, Xixón… pero a Madrid non volvín nuns cantos aniños.

E por fin voltei a Madrid para coller un avión por primeira vez na miña vida. Era outra forma de estar en Madrid. Durmín nunha casa “decente” antes de irme ao Caribe e cando voltei, tamén durmín noutra casa “decente”. Nada de okupas e ademais íame de turista. O tema era que marchaba para Cuba (unha ilusión grande, a que teño por ir) mais por primeira vez na historia e xusto na semana de vacacións que tiñamos o meu irmán, o irmán da súa muller e máis eu o papa visitaba a illa socialista e non puidemos. Entón de maneira precipitosa e precipitada fomos á República Dominicana pero iso volve ser outra historia. (Curiosa tamén)

Visitei nesa estancia madrileña barrios distintos dos que pateara anos atrás. E vín desde outro ponto de vista á capital das españas. Existían outro tipo de barrios, iso sí, seguían sendo moi grandes. E visitei un aeroporto por primeira vez na miña vida e a verdade é unha lea tremenda. Senón fora pola xente coa que ía, teño que recoñecer, que non só perdería o avión senón dous ou tres seguidos. El Jarama… ai! Non, iso é a novela. Agora me acordo, Barallas, é o nome do aeroporto.

Volveron pasar os aniños e excepcionalmente si lembro o regreso da, ata o momento ultima vez, ao voltar da República Dominicana, lembro que fixen fotos no “autorés” e saíronme en branco e negro (aínda que eran de cor) debido a que todo estaba nevado polo camiño, nada que ver coa República Dominicana. E tamén lembro que fun o baño do autobús e ata me lembro que escoitei música cos “cascos” incorporados no asento. Si, realmente foi a primeira vez que lembraba á volta para a cidade das burgas e da precariedade. Eu traballara algo pero volvía estar no paro.

Pois iso, pasaron uns pouquiños aniños máis e volvín á cidade máis monstrosa do mundo. Volvín de novo co meu irmán que casualmente ía un par de días para alí a facer cousas totalmente distintas ás que eu ía facer. El de viaxe de negocios e eu a ver ao meu marabilloso grupo preferido que son (ou eran?) do Canadá. Un lugar no que estivo emigrado un tío meu e que tampouco queda tan lonxe da República Dominicana nin da illa socialista de Cuba?

Un grupo deses que o meu irmán catalogaría de raro pero que eu flipaba (e flipo) moito con eles.

Quedara cunha xente da Guarda, simplemente coñecida. Afín a min case exclusivamente por fanatismo polo grupo de marras e porque eran (e son) de Galiza e máis concretamente da Guarda. Eu como facía anos que non vía a unha peña así, de xente alternativa, como presupuña que eran eles, e como nos meus tempos máis radicais había un costume moi do “bo rolliño” de bicar ás persoas sen distinción de sexos ou outras variantes pois acheguéime a eles na praza onde quedáramos (En Malasaña) e dinlle uns bicos a unha “compañeira” pero cando me acheguei a un “compañeiro” para proceder a succionar os meus beizos na súa meixela pois comprobei un claro rechazo pola súa banda cun estraño xesto acompañado das palabras: “a min non me biques que non…” Non sei moi ben o que dixo pero puiden percatarme que os tempos tamén cambiaran na xente alternativa como xa anos atrás pronosticara Bob Dylan. Ruboricéime un pouco con tal motivo pero aos poucos foi pasando.

E pasar paseimo moi pero que moi ben. Despois de vagar toda a tarde e parte da noite polas rúas de Madrid cunha xente tan moderna pois acabamos nunha sala de concertos tamén moi moderna. Fixémonos fotos cos do grupo e ademáis teño unha cinta de audio co concerto gravado “in situ” (ríome eu da SGAE). No concerto debín perder tres ou catro quilos de tanto “dançar” e ao final ún dos irmáns do grupo asinoume un paquete de tabaco (don´t smoke, púxome o tipo)… quen o diría, eu que sempre estiven en contra desas paridas, ao final con estes non o puiden evitar. (kill your idols?)

E volvo lembrar da volta, ao día seguinte, de novo, co meu irmán e cun compañeiro de traballo del. Meu irmán durmiu nun hotel da hostia. Eu durmín nunha casa de estudantas, unha dela era irmá dun colega de Ourense. A diferenza co hotel do meu irmán estaba en que a casa estaba feita de madeira, era pequena e tiña todo tipo de peros. Parecíanse en que ás rapazas cobrábanlles varios riles e medio o aluguer e supoño que ao meu irmán non, pero á empresa, para a que traballaba, tamén pagaría o seu por ese hotel que por certo visitei uns minutos e á saída mira onde nos fomos atopar con Lord Paco Vázquez, alcalde de La Coruña Cun puro moi grande!

Cando voltei a Ourense atopei moza e precisamente con ela fun por ultima vez a Madrid (que non sei se será a derradeira ou non?)

Fomos no “autorés” íamos a unha feira de arte. Magna feira de arte. Chegamos moi cedo (eu coido que ás seis e media ou así) e non durmíramos nada de nada. Pedimos un taxi para o recinto e despois da “clavada” en comparación de como nos cobraron á volta para o lugar de chegada/partida pois encontrámonos sós entre bastos e modernos edificios. Noite pecha aínda. Xente de diversos países facendo limpeza de pazos de congresos e hoteis (que era do que se compuña aquilo), un carro de seguretas dando voltas mirándonos estrañados.

Ela estaba (a miña moza) un pouco cabreada. Pensábamos que ás nove abriría a magna feira. Como nos sentíamos incómodos alí, comezamos a camiñar e o máis parecido a unha civilización convencional foi o megaquioscobar dunha gasolineira (e aínda pateamos) Alí permanecimos case unha hora (ou máis) e tamén estábamos un pouco incomodos. Había un montón de camioneiros e cañís varios que parecían (algúns) recén saídos dalgunha das partes de Torrente.

Cando voltamos ao recinto estaba clarexando, ao fin. Chegamos e semellaba aberto xa o tinglado. Entramos e me acheguei a un mostrador (serían un pouco máis das nove) Preguntei: cando abre a feira? (literal, saíume así) Entre risas dixéronme que ás doce. Cago na tos!. (Ela máis cabreada aínda)

E fómonos esta vez por outro lado, sen durmir, cara un barrio que non se parecía nada a Lavapiés. Era unha zona residencial alcumada “villarosa” e realmente parecéusenos máis a “Springfield”, a cidade dos “Simpson”, que a outra cousa.

Alí nun parque impoluto, sen resto nen tan sequer de cabichas, fixemos o tempo necesario para voltar á feira de arte que cando por fin visitamos entre o sono, o cansanzo e a brutal saturación de todo tipo de artistadas e a rapidez con que as mirábamos, así como a cantidade de xente chegada de todos os lugares das españas e parte do estranxeiro pois non aturamos moito máis de catro horas. Malcomimos, maldescansamos e fómonos para Madrid Madrid.

Tirados nun parque collimos ás tantas un “autorés” e xuramos non volver aquela maldita feira de mercadoría infame e sobre todo se tiñamos que ir no “autorés”.

O de non ter carro é que vos ten. A min insístenme en que me saque o carné pero nin sequera para volver a Madrid me apetece demasiado.

Hai “menos” tempo fomos a Barcelona.

Ela agora ten carro pero empregámolo para ir de xiras kulturais e fotográficas pola Galiza e parte de Portugal. Pasar o Padornelo non pasamos desde que fomos hai anos a Euskalherria e ao Jerte. O máis perto, este entroido pasado que fomos a Vilariño de Conso. Sempre me están convidando ir a Moguer pero buffff

Moitos veráns imos a Bueu. Ás veces a Coruña e puntualmente a Compostela aínda que non me gusta moito (que lle imos facer)

 

Texto escrito no 2004 e correxido no 2020