O que veño a reivindicar neste escrito é unha morea enorme de bandas musicais vinculadas a movementos políticos que foron tildados de marxinais nas pasadas décadas. Tanto as bandas como os movementos. Falo máis das bandas e das súas músicas extremas ou moi extremas que de por si botaban para atrás a maioría da xente, e agora mesmo considero que aínda é máis acuciante, por iso, seguramente o do seu esquecemento e da pobre visibilización ou revisibilación (e escoita) que se fai delas.

 

 

Falo de bandas maioritariamente de punk e hardcore que é como foron tildadas no seu momento pero que tamén se achegaron a outras derivas máis asumibles ou polo contrario aínda máis estruendosas misturándose co famoso nome de crossover co trash, o grind core… metal en xeral. Mais sempre falo de bandas moi politizadas ou que convivían en espazos politizados ou moi politizados. E falo da inxustiza de que estén relegadas a non ser nomeadas, as penas, nin reivindicadas máis alá que por herdeirxs minoritarixs, non sempre, mais algo descafeinadxs ou por puro exotismo de rareza a sinalar.

 

 

E falo de inxustiza porque esas bandas foron herdeiras dun movemento máis amplo a nivel musical como foi o punk que naceu nos estados unidos e en gran bretaña dunha maneira, aparentemente, rompedora mais que en poucos casos ese rache foi tal e, deseguida, converteuse nun produto musical bastante comercial, nalgúns casos, e noutros xa totalmente comercial. Xa non falemos do post-punk e todas as movidas posteriores que viñeron a desvirtuar todo ese inicio de romper co pasado duns setenta, a nivel musical, xa moi plastas e decadentes.

 

 

Pois as bandas ás que me refiro colleron a testemuña do esencial do punk e o tan cacarexado, hoxe en día, faino ti mesmo fixéreno realmente durante décadas dunha maneira verdadeira e coherente. Apartados da industria musical e sendo voceiros dos movementos aos que pertencían ou nos que estaban involucradxs. Eran máis alá de fanzines e revistas, e poucos libros, a maneira de expresión que tiñan todos os colectivos autónomos, anarquistas, anticapitalistas en xeral.

 

 

Precisábase berrar e saltar e facelo con moita velocidade e peso para mostrar a contundencia da mensaxe, de fondo radical, do anhelo de muda dun sistema capitalista que comezaba a ser cada vez máis salvaxe.

 

 

A maioría desas bandas partían de locais ou casas okupadas de medio globo. Obviamente e basicamente do mundo branco mais estendeuse tamén moi rapidamente por toda sudamérica. En países como Colombia e Brasil o número de iniciativas e de bandas era moi grande.

 

 

Insisto na inxustiza da non reivindicación da música de todas esas bandas xa non só polo feito musical en si mesmo senón porque foron os voceiros duns movementos que realmente, e sen querer apuntar a pretenciosidade, eran fortísimos en moitos países como alemaña, italia, gran bretaña e os estados unidos. Resulta curioso que non se repare en que ante a ausencia de líderes de toda esa cantidade de xente, que ademais estaba en contacto unha coa outra, movéndose por todo o globo, e expandindo ideas, músicas e inquedanzas, e sendo as propias bandas, moitas veces, as que exercían de tal. Pois que hoxe en día non se teña en conta que de aí, deses movementos de décadas e dos seus voceiros, a nivel musical, dunha maneira extrema e radical iniciáronse revoltas, ideas e outros movementos ecoloxistas, animalistas, antimilitaristas, feministas, radios libres, medios de comunicación en xeral. Naceron grupos de apoio mútuo, movementos de barrio, recolleuse a loita lgtbi… conformáronse, ao fin, en numerosos lugares de todo o mundo, e ademais interconectados entre si, un senfin de iniciativas que deron lugar, base e inspiración total a moitos movementos que virían despois, anos despois, e que absorveron ás veces para moi mal o cauce de todo isto.Todo o traballo alternativo de moita xente que tivo moito que ver co movemento hardcore punk moitas das veces. E así hoxe a nivel político hai moitísimas inercias que veñen daquelas épocas. Moitos daqueles suxeitos converteron e convertéronse en algo bastante deformado ou incluso terrible. Eles e todas as ideas e prácticas que se foran conformando décadas atrás.

 

 

Todo evolúe, está claro, pero hai evolucións e evolucións. E hai tamén quen se mantén no que considera válido e práctico. Así houbo grupos que experimentaron e fixeron músicas máis complexas e ás veces menos políticas (mais moitos deles sen perder a súa esencia alternativa) cousa da que se beneficiaron moitas bandas, que ao igual que a nivel político, vampirizaron unha maneira de ser e estar no musical, incluso no político, desvirtuando todo o que realmente querían amosar esas bandas e eses movementos.

 

 

Hoxe son tempos de música máis calma, de técnica e erudición. Resulta curioso porque, desde o meu punto de vista, o mundo está para volver berrar ata quedar afónicxs.

 

 

Rescátanse cousas dos cincuenta, dos sesenta, dos setenta, rescátase the clash ou ao post punk. Incluso rescátanse músicas que foron inspiradas polas bandas hardcore punk mais amplamente non se quere afondar en toda aquela historia (algunha aínda resiste) tanto a nivel musical e cultural como a nivel político. Quizais se descubra que foron moitísimos tetos que deron de mamar a moita moita xente que agora fai cousas a todos os niveis xa mencionados.

 

 

O de aquelas épocas foi un pre-internet. As cartas e os paquetes, os fanzines, os discos ían dun lado para outro. As bandas e os colectivos de igual maneira. Para que non o viviu non o pode entender. E dígoo sen ánimo de chulería nin nostalxia. Simplemente observo que houbo moita xente que lle sacou moito partido a iso e, penso, nunca millor dito.

 

 

Na Galiza houbo movida tamén. Houbo cousas, colectivos, bandas (poucas pero moi boas) Curiosamente a diferenza de Catalunya as bandas galegas, maioritariamente, decantáronse por empregar o idioma da nosa terra. E iso que falamos de comezos dos noventa. No caso catalán viñan moi fartxs da nova canço e alí estaban as mellores bandas do estado e cantaban maioritariamente en español. Na Galiza daquela viñeron tocar bandas moi boas e comprometidas a nivel internacional. Moitas menos, iso si, que noutros puntos do estado. Sobre todo en Euskalherria.

 

 

O que ocorreu na Galiza despois foi que se conformou un produto querendo emular un pouco, quizais, ao rock radical basco e se fixo un efecto burbulla, desde o meu punto de vista, onde o que primou e prima absolutamente é a loita pola lingua (non digo que non sexa importante) e certa cultura sobre calquera outra cousa. Perdeuse o contacto coa esencia do faino ti mesmx e o que se importa a nivel musical, máis alá da Galiza, son bandas, normalmente, que viven situacións semellantes nas súas nacións, á problemática galega. Hai unha liña e un dogma a seguir. E semella que non é algo horizontal.

 

 

O papel que xoga a tecnoloxía, por moito que queramos verlle perspectivas positivas, desactivou e desactiva boa parte do magma espontáneo que se daba en lugares onde ata o aburrimento producía un magma propicio para iniciar cousas realmente interesantes no corpo a corpo.

 

 

Para finalizar o meu escrito falarei, en parte, en boca dalgunha muller, porque puiden ler estas opinións. Lin que este(s) contextos, esta(s) esceas eran machistas e sexistas coma en moitos outros lugares e contextos. Mais algo facía mudar esa condición cando en comparación con outros moitos movementos a muller era capaz moitas das veces de expresarse, de mostrarse, de participar no faino ti mesma. Como público, involucrada, actuando etc. Abre unha fronte a muller a través do movemento hardcore punk que ademais creará unha ruptura maior co riot girrrl e sentará as bases de moitas hisorias a nivel feminista, lgtbi…

 

 

En definitiva, desde o meu escrito, todo este mundo contestatario e ruidoso que emerxeu a finais dos setenta e que se robusteceu nos oitenta e noventa ten sido el e os movementos que estaban detrás, a nivel político, negados e renegados e atópanse nun extraño limbo porque moitas, moitas historias pasadas e presentes teñen mamado deles e delas pero non hai quen os e as recoñeza nin reivindique senón é como exotismo ou a nivel minoritario. Nuns tempos nos que quizais precisábamos volver montar varullo.

 

 

 

(Nota: Sobra dicir que a reivindicación destes tipos de música non exclúe o meu amor por todo tipo dela, de diferentes estilos, sexan comprometidos ou non a nivel político.)