Corren tempos horripilantes para a humanidade e non só tamén para os animais e o planeta enteiro. O peor de todo é que se albiscan tempos aínda máis ruíns para o futuro polo menos para un vindeiro futuro.
Caeron as caretas e agora o que prima é a lei do máis forte flagrantemente sen cortapisas. O capitalismo fascista no seu máximo auxe.
As democracias liberais e os estados do benestar en occidente deron paso a comezos dos oitenta a un neoliberalismo atroz que se foi consolidando e facendo máis extremo segundo pasaban as décadas. A caída da Unión Soviética e o fin do modelo de guerra fría tal e como se concebía desde despois da segunda guerra mundial chega ao seu fin e iso catapulta aínda máis a ese turbocapitalismo que non ten oposición para seguir crecendo sen mesura ningunha. Todos os países do mundo no mesmo xogo arrollador…
Despois dunha pandemia mundial que nos deixou atolondrados a maioría da xente do común e unha guerra emprendida por Rusia no corazón de Europa que iniciou a nivel bélico unha nova era agora mesmo as cousas non poden estar, como dicía, peor.
A ultradereita a nivel global coma un grande cancro non para de avanzar. En multitude de países está gobernando incluído, como non, os Estados Unidos de América e son modelo a seguir para continuar así en moitos outros países do mundo.
Avecíñanse unhas eleccións xerais no Estado Español onde cabe e moito as posibilidades de que a mesma teña un papel preponderante nos comicios.
Despois da invasión de Ucrania veu o xenocidio de Israel en Gaza do que non se fala xa moito pero que nos deixou totalmente tocados, esa retransmisión en directo de algo tan terrible, da vil masacre para o pobo palestino que é quen a sofre. Case tres anos e segue a morte e a destrución, non só en Gaza senón tamén na Cisxordania.
Nestes intres e despois dun golpe de estado propiciado polos Estados Unidos en Venezuela o que significa ter o petroleo deste país a súa disposición Cuba está condenada polo mesmo estado golpista á penuria e ao desabastecemento xa que se nutría basicamente dese petróleo venezolano. Comezou unha guerra brutal con Irán por parte dos EEUU e Israel que está creando un polvorín en todo o Oriente próximo e que podería poñer en marcha tamén aos países europeos que sempre acaban facéndolle as beiras aos imperialistas norteamericanos. Todo pinta moi mal. O estado enaxenado de Israel precisaba dun enaxenado como Trump que ademais está desesperado.
Fame e guerras, de novo, en África. Onde neocolonizadores de todas as cores se disputan no continente todo tipo de recursos para, sobre todo, fins tecnolóxicos que din salvarán ao mundo pero que o que están a facer é mortificalo. Catro magnates, señores das plataformas que nos idiotizan totalmente levándonos case a enaxenación, son os donos do noso futuro. E non lles vai importar se enfermamos ou morremos. Ao igual que ás industrias farmacéuticas.
Agora mesmo hai múltitude de guerras e conflitos armados no mundo. Europa quere rearmarse tamén. Chantaxean vilmente os mandamases coa vulnerabilidade neste sentido e sobre posibles ataques…
Os ricos cada vez máis ricos. Os poderosos cada vez máis poderosos. Bancos e enerxéticas, multinacionais e plataformas dixitais enchidas de beneficios e a xente do común sen poder chegar, unha grande maioría, a fin de mes pola cesta da compra e polos brutais prezos da vivenda.
Con este panorama o caldo de cultivo propicio é, como comentaba, para que a dereita e a extrema dereita fagan dos seus discursos antifeministas, antilgtbi, antiinmigración etc atraíntes para un persoal confundido, violentado e disconforme de todo o que ocorre ao seu redor. A xente está queimada pero está claro que a solución non pode ser o suicidio nilhista fascista.
Nestes tempos estanse a debater ideas desde o ámbito da que noutrora fora xente antagonista a todo este sistema imperante como pode ser defender institucións que un día foron negadas por conservadoras, sistémicas, capitalistas, autoritarias etc o que dá mostra de ata onde e como están as cousas a día de hoxe.
Hai xente que fala dunha grande depresión global que nos afecta a todos e que se debería desertar dalgunha maneira deste mundo en declive. O que non está moi claras son as receitas para o mesmo.
O que si está moi claro é que as cousas pintan moi feas mais a xente, en xeral, está, penso eu moi desmobilizada. Eu considero que as chaves que se ofertan hoxe en día a nivel alternativo están moitas delas desfasadas e non chegan máis alá da militancia convencional. Outra xente segue a vivir nunha festa contínua crendo que o máis terrible nunca caerá sobre eles. Xente que lle quere ver o lado positivo a unha época do máis escuro da existencia humana malia o brilli brilli imperante. Malia o plástico e o megapíxel.
Outros falan dun colapso que non chega nunca porque o capital quere seguir medrando infinitamente. Cousa que por outra parte está claro que non será posible. O mundo xa sabemos que é finito. E o de ir a marte é de risa.
E ante este percal que se pode facer cando o malismo e a maldade imperan por doquier? Cando a contaminación deses mesmos males inundan incluso as xentes que antes eran de ben (e non se me confundan). Hai realmente poucas alternativas para seguir pensando e loitando neste mundo descorazonador onde o amor está sepultado nunha foxa común.
Descubímonos a nós mesmos, os que nunca caeríamos en certas inercias, pois metidos de cheo por mor dunha arañeira que non dá trégua a nada nin a ninguén. Ata os máis listos caen polos buracos todos…
Toca quizais como dicían alguén o repregamento? Toca hibernar? Agardar a que pasen estes malos tempos que aínda poden ser peores para tecer un plan ou plans? Ou polo contrario hai que saír, aínda desposuídos, a combater ata o final e morrer (ou vivir) coas botas postas?
Algo haberá que facer iso desde logo… o que? Sinceiramente non o sei…
Alfonso Rodríguez.