SEMPRE SEDE (Poemario, 2002)
O pensador na taza que non quere unha taza
duramente inxire sete tazas e media
como nas cartas non de tarot non de comida española
non coa sorte de ter o sorriso cosidiño
pola vida ben posta neses anuncios
eses que son o debate intelectual maior
nos tempos de literatura marciana
ou de poesía e amor corazón corazón
tamén con esa asignatura nova universitaria
enxendrada nestes tempos que corren
o vouyerismo ilustrado en imaxes
provenientes do exemplo vital polo que suspiramos.
Novas relixións moito máis completas
que desbancan as antergas que non resultan de todo
ou máis ben os seus procedementos.
Dándolle a volta regolpean ao marxinado que ousa
non beber o maná ou non mercar as guirnaldas
machucándolle as súas ideas e praxes arcaicas.
Revolución tecnolóxica para modernizarse…
A base de revestir e actualizar os cacharros
e as pirámides para perpetuar a verdadeira pre-post-sempre-historia.
“Hai que ser verdadeiramente moderno”, dicía o outro.
As distancias son marcadas moitas veces por ún mesmo
non físicamente. Xa nos tentan separar de por si.
Semella que estamos programados para que non nos importe
somos como cascudas cada vez máis resistentes ao insecticida
a base de bacinas de todas as formas e cores
estamos preparados para aturar á intemperie
todo tipo de saqueos non só económicos
por parte de quen en última instancia só lle importa a economía
do subsolo que non habita e que prepara “habitable” para tantos
que soportan as distancias o desamor os saqueos e a non-vida
a base do insecticida que globaliza a todas as cascudas
que non protestan debido á pesadez do arrastre e a cabeza no lixo.
AMEN (sen acento)
Amodiño para cruzar o río
amodiño para regalar bicos
amodiño para regatear obstáculos paseantes
amodiño para repartir versículos e sacras hostias
amodiño, amodiño
amodiño para cruzar a rúa
amodiño para cruzar-te ou crucificarte
amodiño para cruzar cunha cebra polo paso
amodiño para pasar de rallas de adrenalina
amodiño para pasar con paso amodiño
amodiño para botarte a boquexar
este día calquera
para rirte estrepitosamente polas túas razóns
por tusir en mono co mono do traballo
amodiño por agardar polo mono do xantar
amodiño por ter un mono como xefe
o gran xefe-mono non é mono como o mono do zoo
o irmán do mono é un gran-irmán-mono-loxicamente
os globos bambéanse amodiño nas risas dos bebés
e cando a música amodiño entra nos oídos
e trinta e ún curas sopran polo órgano eclesiástico
para emborracharse de viño do arzobispado de dios
amodiño prendo un cigarro e pustuléame a pústula.
TORA-BORA (XXI)
Asubían os pastores barbudos para que se acheguen os cans?
procuran toupeiras con sachos os cans con acento de goma de mastigar?
Venden kleenex nas fronteiras señores británicos con té nos petos?
Será acaso para os nenos que choran da risa por ir de vacacións?
Un señor bigotudo xunto con outros señores entre eles “señor reverencias”
son os mellores lambedores de intestinos grosos do universo universal?
Cantan os cantantes, de onde son?
O seu son tamén cheira a goma de mastigar?
Ademais da cidade universal, non cheira a goma e carne queimada en ningures?
Os bombeiros do universo serán debuxos animados nun futuro presente?
Os filmes ródanse antes ou despois de que os feitos se precipiten fétidos feitos?
Por que pastores barbudos con sede non temen morrer?
Por que señores británico-universais-bigotudos por xantar ata goma de mastigar?
Por que señores noutrora cheiraban a goma queimada e agora queiman máis goma?
Por que eses señores e outros non saben contar, se son ricos e cultos?
Son menos un quilo de pastores barbudos e nenos que choran coa risa
que un quilo de señores con canciños quentes con acento de mastigar goma?
Queren o pastoso líquido por onde pastorean os barbudos, para facer chicle?
“Americano que se estira y que se encoge como las tripas de san jorge”?
Cortei unha tea con esperanza
canto todos os días bastante
esíxese máis.
Opino sinceramente coido
tendo a man normalmente coido
coido que non habería que demostralo
coido que non importa
non fixen a mili (por iso)
debe ser que me cren indisciplinado
secuestraron un día como son
Sábeno eu non sei nada
eu que sei
só sei que teño boa vista
bo olfacto
sei apalpar por tanto amar ou rexeitar
o gusto que me dá
se non fora polo exceso de nicotina.
O mellor aparte das miñas orellas
É o oído auditivo e melómano
malia ás alarmas e ladridos.
Do sexto sentido que dicir, sétimo ten sido
pero non teño décimos. Non xogo
pódese vivir con outras reglas?
Sen escadras nin cartabóns?
Ou debería botar lotite nas comisuras?
Tamén estou aquí ademais que na lúa!
Tras o vento vén máis vento
tras a pedra agóchase o oco
tras a tos pode que nicotina
e tras a cortina humidade e cristal.
Os espellos son uns “rebotaos”
aínda que che poñen as dúas meixelas
reflectadas nos bicos das ansias,
aínda que distorsionan os momentos reais
enganan a vista de paxaro
vése mellor a alta e baixa limia.
Tardamos en facer ruído
tentamos non danar
separámonos con coidado
e xuntámonos igual
habitualmente lográmolo
pero ás veces sen querer
querendo evitalo
facémonos dano
cos dentes cando amamos
coas veas cando choramos
odiándonos de mentira,
queréndonos de verdade!
E a estupidez non se cura
o prezo é moi grande.
E máis cómodo aforrar
e gastar hipocrisía
falsidade
crueldade
prexuizos
e felices por fóra
rir moito coas gracias
e desgracias dos demais
para ao final do día
sentir o oco e o veleno
no alento do desvivir.
O amor ocúltase
tápase-disfrázase
mortifícase
e case
non usamos
usamos desafogues
rañamos cabezas
rallamos a cabeza
e facemos moito ruído para que ollen o que non somos
tapamos-pechamos
cando sentimos represión mal empregada liberación mal entendida.
Teño escoitado moita teorías
de vida, de morte
de práxe, teóricos!
Hai cousas que recollo
e emprego
outras por suposto
non me convencen
pero na saturación de todas
que parecen lóxicas
e certas
agóchase a incerteza
e non soluciona nada a lóxica
por iso que ás veces
desafino e non entendo
non atino ao camiñar
e sorpréndeme o ardor
quizais porque preocúpame
demasiado
todo e demasiado quero
abarcar todo e nada abarco.
Din que curas violan
nos xornais din que violan
e o din agora
levan séculos facéndoo
sen pixas, con biblias
inquisicións mentais
productoras de desarraigos
e enfermidades
insuperables
que é o que corta a risa?
E produce comechón
ese deus-nai
que pasea contigo
e presencia teus actos
lembrándoche
cos seus ollos e eco
a necesidade de padecer
violando a túa mente
e producindo o temor
autótono, de por vida
polos séculos dos séculos
amén!
Está moi perto e moi lonxe
iso que chaman felicidade.
Perto nos momentos de risa
nas comidas e nos aloumiños.
Lonxe nos despachos
onde día tras día
encárganse de administrala
se é preciso
ou de quitala sen permiso
proporcionándocha a prazos
sen interés ou con el
coa lotaría
a televisión
o deporte rei
de copas tamén ás veces
és feliz
senón tamén ata
inventan drogas
do seguro ou inseguras
que cha darán
ou quitarán.
Perto, ao observar, fóra do cemento,
dentro do sorriso inquedo
de alguén a quen queres.
Cinza, coches
e berran
murmuracións de helicópteros
murmuracións de seres
seres humanos diríamos
ou non, ou diríamos ás veces
ou sí?
Pombas e campás
caladas
ás veces
outras
seguen berrando
e miañan
coma a gata
que se estira
que non coñece
máis que
comida-aloumiños-durmida
afiar unllas-xogar-bebida
e soños inalcanzables
de fuxir
a onde cantan os paxariños.
Non ven con esas gafas
que ao pasares
por alí hai máis que eles
só ven
clonacións de platós
e pasarelas de televisión
só ven o que ven
e non queren ver (si que poden)
porque lastima
ver e posteriores.
Curvatura de-descenso
ascende o ar ao meu cerebro,
un arácnido navega e flota
polo mar das cóbregas interxeneracionais.
Desgastarei se fora preciso as dáctilas
pola viaxe que realizan mañás e noites.
Tan hidratadas soluciónanse que esvaran
ao coller obxectos, sen mencionar os tremores
e suores dos dentes, de tanto mostrarse,
nos ascensos e descensos pola praia
chea de sal, area, auga e chiringuiño.
Arde por todos os puntos cardinais
e se non tes cardenais por riba, por baixo, etc
é porque teño beizos, non só dentes,
para succionar e accionar
a batería do meu amor.
Xenreira que se forma nas tripas
cando ves sangue e destrución
ao redor, en todos os lugares.
Medrando con pedras nas mans
con metal nas mans
con metais non preciosos na cabeza
non comprendendo por que non hai paz
para a túa cabeza, para a túa familia
para a túa irmá e para os teus amigos.
morrendo amigos, morrendo familia
morrendo a infancia, morrendo as ilusións
arelando a vinganza
(paradoxa)
forxándote un porvir como enemigo á
estrella mortuoria de goliath.
Por que non vas a escola?
Por que non tes casa?
Ou se a tes
Onde está o faiado?
Non podes subir a el
só podes mastigar a terra que non che pertence
e a raiba que che provocan
chorar sangue e entrañas.
Non comprendes e odias, odias, odias.
O teu futuro pode ser a morte por unha bala
ou podes procurar ti mesmo a morte e a bala
desesperadamente por arelar
Sinxelamente
a razón do teu fogar
do teu sitio no mundo.
Acaso é un delito
ser palestin@ e… nen@?