O neno que xoga mal ao fútbol

sábese as alienacións de memoria

dos equipos nos últimos partidos

o neno que xoga mal ao fútbol

suda a camisola ata empapala

o neno que xoga mal ao fútbol

non quere ser porteiro nin árbitro

aínda que ás veces non lle queda outro remedio

o neno que xoga mal ao fútbol

admira a Xan, Manuel e Breogán

son nenos que xogan ben ao fútbol

o neno que xoga mal ao fútbol

tamén admira secretamente a Roberta

é unha nena que tamén xoga ben ao fútbol

o neno que xoga mal ao fútbol

ten un balón relocente e fosforescente

que está cheo de patadas doutros nenos

o neno que xoga mal ao fútbol

practica dando pelotadas nunha parede da súa rúa

o neno que xoga mal ao fútbol

ás veces cando xoga sufócase de tanto correr

o neno que xoga mal ao fútbol

non é que sexa creativo nin soñador

o neno que xoga mal ao fútbol

só quere seguir xogando ao fútbol.