Encandea, ensombrece, azul, gris
chuvia ausente e presente
xente presente perto e lonxe
os cinco camiños
as estradas non transitadas
as contraturas e todo é fume nos beizos
auga correndo sen pernas
abrigado ata estar dentro
a lúa oculta e despois permanente
na cachola
o fascismo nas cacholas
o algoritmo nas cacholas
windows nos ollos imberbes
mans en gatas
silencio e ruído
sectas e cogumelos
abonando consignas
que fermentan en ideoloxías
perennes e caducas
cactos no mar
sal nas entrañas
contactos esporádicos
contactos perigosos
alienación de conxuntos de pop
proclamas de extinción extintas
negras no océano
natación sincronizada
preñada de muros
e nós querendo destacar
na carreira de marathon
e dos espectáculos baratos
case coma luces de nadal
de millóns de euros
con flotiñas da escravitude.
Militar
policial
nuclear
pero a natureza conta aínda
de todas as cores sen vernices
a xiada levarache ao xabarín
o teu carro deslízase
ata o túnel
e hai que poñer as longas
para ter altas miras
da boa casta
poboados somos todas
dentro do comercial center
terrazas e razas superiores
de lobos por estepas sen nadal
hai que ser máis consciente
a guitarra soa
evoluir, actualizarse,
seguir, facer amigos,
compartir, facer público
en común atardece
e xa comprendín o da ironía
non era a vida
non tería que haber contrapartida
hai que aceptar a realidade
así sen máis
estás confundido dicían, din
a roupa tendida no chan
a cabana do tío tom
debaixo da ponte
a radio soando
no seu acubillo
o cigarro agardando
no meu cinzeiro
despois de prender o isqueiro
e que emerxa
o fume, a nada
máis que pulmóns
e branquias para
non respirar o mal
enquistado
neste lugar
chamado españa
poboado de autonomías
a extinguir
como as nosas
apeguémonos a algo
como aos brazos en cruz
contra a parede.