As madalenas da paz eran rectangulares
e tiñan moito ovo mais estaban ricas
un día, máis ben un amencer de ovo,
introducín unha no microondas e estoupou
desestruturei a madalena
nun momento no que estaba desestruturado
máis mozo pero desestruturado
agora estou máis vello pero sigo nas mesmas
bastante desestruturado
xa non introduzo madalenas rectangulares
no microondas
ese amencer despois de estoupar a madalena
púxenme no pequeno corredor da nosa casa
que non era casa nosa
a facer uns exercicios moi complexos
estiramentos, pseudoioga, pseudoximnasia
estaba potente. Tiña grande potencia desestruturada
logo funme facendo experto en madalenas
e así sigo
consígoas en moitos sitios distintos
e en moitos barrios distintos.
Hai madalenas máis pequenas e outras máis grandes
algunhas pídoas por número
ás veces oito, outras veces dez e case sempre doce
docena de madalenas que algunha vez ten cachiños
de casca de ovo e mistúrase co cacao
ou entre os meus dentes.
Logo hai outras con moito azucre ao carón de casa,
onde ás veces tamén merco cervexa sen alcohol,
son compactas e cando as partes pola metade
desestrutúranse coma min cando alcanzo
un orgasmo limitado coma home masculino que son.
Noutro barrio consigo bolsas de madalenas
máis pequeniñas e case as comes de dous bocados
cando hai falta de madalenas
comemos por veces pan tostado con marmelada
se hai marmelada, senón sen ela,
aínda que case sempre hai marmelada.
O outro día pasei pola paz e quixen
mercar as madalenas rectangulares
que ás veces aínda as mercaba,
non só na paz senón noutros barrios,
pero comentáronme que non, que xa non había
quen as facía, xubilárase coma min,
e todas as tendas e panaderías
que servían esas madalenas rectangulares
xa non as venderán máis.
Ninguén poderá probar o estoupido
dunha madalena rectangular no microondas.
Eu quizais non faga nunca máis estiramentos
ao amencer no corredor da casa
e a miña desestruturación actual
siga sendo pouca cousa en comparación
coa potencia daquela outra desestruturación
daquel amencer na casa que non era casa nosa.
Hoxe (ou onte) morreu á frontwoman de The Muffs
soaban moi ben. Tiñan potencia
foi isto o que me fixo lembrar
de todas estas historias de madalenas.
Esquecín falar das madalenas dos supermercados
mais non vale a pena.