Pilatos debeu ser o primeiro científico da era posmoderna ou pseudocontemporánea. Non por ser o primeiro en lavar as mans (aínda que algúns/as seguímolo facendo, o de non lavalas, ao chegar da rúa) senón de facelo simbólicamente cunha actitude oscilatoria dependendo da rosca e da billa. (Ben, daquela non habería este invento).

A ciencia (coa nova normativa da RAG, real academia galega, na Galiza, non estou certo se é cienza ou ciencia) desvívese por saber, investigar, coñecer, furgar, destripar, implantar, sufocar ou enfurecer. A ciencia estuda cientificamente o tema de lavar as mans, o tema da rosca, o tema de Pilatos ou o tema da billa.

 

Non farei eu aquí unha historia da ciencia dende Pilatos ata os nosos días (se son nosos claro) porque non son historiador nin científico. Miña nai diría que o único que son é un atrevido.

 

Por isto mesmo atrévome, dende estas liñas, a xulgar e condenar á “ciencia” a ser recluída nunha pipeta escura ata o día do Armageddon.

 

Os seus cargos son os seguintes: usar fondos públicos e privados (moitos fondos) para as súas prácticas e teóricas baseadas nun suposto “avance” da humanidade, que entre outras cousas vén sendo ficticio. Entre outras non foi nin é consultado ao resto de seres vivos do planeta (polo tanto completamente antiecocrático) nin por suposto ao pobre planeta que só pode emitir exabruptos en forma de lava ou vento etc pola inmundicia destes señores que entre outras desculpas antepoñen un discurso baseado na neutralidade dos seus chamados descubrimentos e omiten obxección ningunha ás aplicacións por parte de gobernos e multinacionais de ditos “descubrimentos”.

 

Condenados non só pola avaricia económica que lles reportan os seus descubrimentos senón por esa avaricia maior que os fai seres obsesivos, ecópatas e psicópatas do “plus ultra” e coa ansiedade do desvivir e a realización de todo o desvivir da humanidade posto en práctica en todos e en cada un dos engrenaxes dun sistema que funciona gracias aos seus “adiantos” industriais, atómicos, nucleares, xenéticos, tecnolóxicos, farmacéuticos e biolóxicos en xeral.

 

Condenados por usar as súas teorías (só demostrables porque non hai outras que demostran o contrario e viceversa etc) ambiguamente a favor de distintos gobernos e “lobbys” de non xa dubidosa, senón dunha reputación repulsiva para con a humanidade e a terra en si.

 

Condenados por facer igual que os futbolistas e “bailarconlamásguapa” sentando bases para a destrución de ecosistemas, seres humanos e o ar necesario para a vida posible e o mundo posible e arelar a imposibilidade da creación ou destrución do universo con ese desexo brutal de converterse nese deus que algúns deles tanto negan pero que desexarían encontrarse con el cara a cara.

 

Condenados pola fabricación de armas de destrución ou construción masiva como o mapa do xenoma humano ou a bomba atómica.

Condenados pola manipulación dos elementos, polas pragas, pola mutación constante á que someten este planeta.

Condenados por meternos sistematicamente dentro de estatísticas, “bytes”, porcentaxes e por crerse donos dos nosos destinos mediante a intervención cirúrxica da terra, da auga e das nosas células.

 

Condenados pola contaminación, pola fabricación de armas, pola fabricación de alimentos nocivos para a saúde. Pola permisividade cara os seus mentores sabendo en que tipo de fechorías andan metidos.

 

Condenados por avalar o esquilme natural e vexetal para a fabricación de fármacos que “curan” enfermidades creadas a través dos anos gracias aos seus “descubrimentos”.

Condenados por esquiroles, por “ben mantidos” , por ser xente sen escrúpulos.

Condenados por mentireiros, por perversos, por insensibles e pola fabricación de robots á imaxe e semellanza deles mesmos.

 

Condenados por non consultar antes de facer ás súas “misturas” , por vivir alonxados do pobo, por considerarnos só números.

 

Condenados pola hipocresía e farsa dos seus argumentos con tal de seguir indo a un máis alá irreversible e impepinable.

 

Condenados por ser sustento teórico de asasinos en masa, por ser sustento teórico do capitalismo globalizador e por usar eses estúpidos lentes.

Condenados por trepas, por lambecús, por ser brancos como o frío por ser omnipotentes coma deus.

 

Condenados por impotentes sexualmente, por catalogalizadores, por competitivos entre eles a ver quen gana na batalla onde o resto perdamos.

 

Condenados porque sendo humanos non sodes humanos porque o voso divertimento é extorsionador, explotador e destripador.

Condenados por vivir en burbullas de bolsa, en pipetas de marfin, por provocar a fame e a dor.

 

Condenados por ser elite de psicopatía de contacontos perversos, de manipuladores de almas. Condenados por envasadores, por embaixadores do veleno e por inverter en cemento. Condenados por ultimo á fogueira do inferno que provocades.

 

 

 

(Publicado orixinalmente no xornal Marea Negra nº 12 Galiza marzo-abril 2006)

(Posteriormente publicado no blogue português Incomunidade: http://www.incomunidade.com/v17/art_bl.php?art=369)