camiñei por entre charcos e lama
baixo a chuvia
moito vento
o río pleno
paxaros voando baixo
vin un miñato
case non me crucei con xente
apenas tres ou catro persoas
dúas delas correndo
tiña que saír de aquí
desta comodidade incómoda
hai xente desprazándose
cara fogares destruídos
o mal quere desprazalos moi lonxe
o mal que dicía que se esgotaba
vai relanzar máis mal
mais outros males van contra ese mal
males máis económicos
que compiten e competirán
camiñei por entre charcos e lama
e non esvarei
e cando cheguei a casa
estaba quentiña
e ducheime con auga aínda máis quente
que sorte teño que sorte temos
poder estar escoitando música
e que o único inconveniente
é que me doa o lombo
que me doe de non moverme
de non saír
á procura de algo
porque xa teño todo
amor incluso
mais hai dores na cabeza
e na alma
quizais non se poden explicar ben
de onde veñen
e de onde vén o medo
que teño que temos
á escuridade
á treboada
hai moita xente que ten frío
hai moita xente que ten fame
hai moita xente que traballa
moitísimas horas
explotada por catro faragullas
e hai tamén moita soedade
e moita humidade malsá
non, non todo o mundo
está ben neste mundo
un mundo que dominan
os de sempre
os ricos
e case sempre
fan o que queren
son un tanto por cento
moi pequeno da poboación
pero téñennos domesticados
para que teñamos medo
para que os sirvamos a eles
e téñennos agarrados
porque estamos cómodos algúns
nas nosas gaiolas de ouro
con distraccións a mansalva
coas tecnodistraccións
etc
hoxe fun pasear
entre a chuvia e o vento
era incómodo
mais moito máis incómodo
brutalmente incómodo
naufragar nunha patera
querendo vir
a este mundo cómodo
ou ser expulsado do paraíso
unha vez que o probaches
esposado e cuspido para afora
a guerra resulta tamén
moi incómoda
ou a sede e a fame
hai quen a pasa
e pasan máis cousas
indignantes
pero estamos moitos
abducidos pola calor
dos nosos fogares
e non queremos
movernos para que non pasen
e pasan por riba de nós
e de todos os demais
que non están quentiños
nin nunha gaiola de ouro
deberíamos berrar
escribir ou o que sexa
por todo isto
ou deberíamos estarnos
caladiños porque
temos mantas e calefacción
aínda que nola cobren
a prezos desorbitados
son moitos os dilemas
son moitas as dúbedas
deberíamos reclamar
máis dereitos para moita xente
pero tamén para nós, non?
hoxe saín pola porta
non aturaba o insoportable
que estaban os meus gatos
porque nas redes rímonos moito con eles
pero ás veces son insoportables
porque están pechados coma nós
na gaiola de ouro
e non poden saír
a sentir o vento e a chuvia
non poden pisar nos charcos
ademais, penso que non lles gusta
vin un gato negro na miña saída
estaba nunha finca moi atento
a ver que cazaba
non tiña pienso diario
coma os gatos de casa
ou como nós os da auga quentiña
auga quentiña, pienso diario
en forma de comida, bebida,
tecnoloxía…
así estamos uns, outros e os demais
uns querendo ser coma nós
outros expulsados, asasinados
outros que me quede como estou
e os ricos son os que parten
e reparten para si
as mellores partes
o planeta quéixase
pero a eles dalles igual
e nós estamos no sofá
con manta e peli
menudos pequenos mundos
enchidos de suicidios
non se sabe ás veces o por que
traballo traballo traballo
produce produce produce
teño os pés quentes
de camiñar
e teño un teito, pan
e ademais non traballo
pero teño un remanente
todos os finais de mes
merecidamente?
un día torturáronme
ben, máis dun día
e ademais coticei
porque traballei
e como enfermei
e me enfermaron
penso que desde pequeno
pois teño ese remanente
hai xente que non ten
esta sorte
pero tampouco foi torturada
é todo tan complexo e relativo
hoxe non esvarei coa lama
e saltei os charcos
e agora estou sentado
escribindo, matinando
quizais infantilmente
sobre se o mundo
no que vivimos
é un bo mundo
ou un mal mundo
e se todos o pasamos ben ou mal
se temos dereito ou non
a queixarnos
neste hemisferio
ou se polo contrario
é moi preciso e necesario
porque están rematando
matando o ar
o planeta, á xente
e nós e as nosas pantallas
non nos deberían abducir
moito máis
para que nos movéramos
das nosas posicións
porque todo está pintando
bastante mal
malia os postres malia a cea
de todos os días.