As substancias que nos administramos ou sónnos administradas veñen maioritarísimamente da administración do control, o terror e a morte. Desde a comida, as bebidas ou as drogas e outras substancia,s xa sexan estas legais ou non, teñen o poder de trasladar ás nosas vidas os sometementos, as cadeas, as dependencias, os ritmos etc do sistema escravista no que malvivimos.
Así ao deixar en mans do mesmo a apropiación da produción dos alimentos que son xestados e creados para o estrepitoso consumo global estamos deixando que a man de ferro infecte a nosa saúde, xa que todos eses productos ademais de ser totalmente antagónicos co desenvolvemento natural das cousas e do mundo son antiecolóxicos, devastadores e perniciosos por e para a súa produción son altamente perxudiciais para a nosa saúde que non nos importa perder por chantaxes tan estendidos e totalizantes como a propia produción deses mesmos alimentos e outros produtos. É dicir polo traballo de homes e mulleres que ao adicar a súa vida a esta tarefa diaria non poden ter demasiadas opcións de escolla para decantarse por unha autoadministración doutro tipo de alternativas nutricionais para a súa saúde que implicarían tempo e esforzo do que non dispoñen debido ao insertamento destes individuos na máquina e a inercia e a escravitude da mesma.
Os alimentos son perniciosos, a maioría da xente o sabe ou pode chegar a sabelo pero cumpren a función que cumpren e xeneran enfermidades das que se beneficia totalmente outra industria que é a industria farmacéutica e médica para combater todos os males da sociedade enferma na que vivimos e padecemos en grande parte pola inxesta de todos os alimentos que producimos para o sistema que fai de nós enfermos.
Non explicarei aquí cales son as causas da nocividade dos alimentos que consumimos porque isto non é un artigo científico nin eu o son, ademais esas causas son incontables, de moitas e diversas formas. Todos sabemos cando entramos nun supermercado, no lugar do mundo que habitamos que todos os productos que aí se atopan non son para nada nin sans nin beneficiosos para os nosos corpos e mentes senón todo o contrario.
Existe tamén unha cultura, a día de hoxe, de consumo de bebidas moitas delas alcohólicas e de comida que se nun tempo supuxo a creación de lugares comúns para compartir ideas, charlas, risas, disfrute e afectos positivos, hoxe por hoxe, na maior parte dos casos, todo isto foi deturpado pola introdución sistemática de “ruído” en todos os sentidos. Isto é un exceso brutal na inxesta de todos os elementos que se antes eran unha excusa para a xuntanza e o encontro, agora son un fin en si mesmo, onde o que prima é a aglutinación consumista e excesiva. Alcoholismo a todos os niveis ata en idades moi temperás, consumo de productos alimenticios de novo asociados a unha industria, desta volta non só a alimentaria senón á dun ocio que está regulado e controlado polo capital que dictamina os fins de semana e outras excepcións como os intres de desafogue da masa que estivo anestesiada e atada durante a semana laboral.
Todo isto ten a función social de dar “un respiro” do traballo e a explotación diaria, e sen que deixemos de consumir, da nosa precarización, desemprego e demais tempos. Porque o bo do asunto é que aínda que aparentemente nalgúns intres non producimos (que si o facemos) os tempos, o tempo é marcado polo capital escravizante que determina o noso ocio e diversión marcándonos as pautas de cando temos que encher a barriga de comida e alcohol en comuñón cos nosos semellantes e cando en privado, ou cando non.
O papel fundamental para moitos sectores co que quere delimitar o sistema son tamén as drogas. De todo tipo que nos evaden e/ou mitigan (ou simulan mitigar) a nosa dor pola existencia deste mundo totalizador e totalizante.
Por razóns moi diversas as consumimos xa sexa na procura dun ocio do que xa falei cando me refería ao alcohol etc. De maneira individual ou compartida ou xa sexa para aturar ou continuar cunha dependencia ou adicción. Procuramos saírnos así das rutinas establecidas máis o que en realidade ocorre é que seguimos os ritmos que o propio sistema nos impón e consumimos esas substancias, que ademáis moitas delas están adulteradas, para escapar sen facelo, para rir sen conseguilo e para aturar a axenda que nos marca día a día a senrazón desta morte en vida. O emprego experimental que poderían ter as drogas, se é que algún día o tiveron (dentro do noso sistema), ou sexa a apropiación do pobo delas para estes menesteres convertíuse deseguida en experimentos do propio sistema con todos nós deixándonos a ilusión diaria dun confrontamento social ao consumilas ou dunha forma de vida diferente da do resto da poboación nunha especie de fundamento identitario alternativo cando en realidade a función que ocupa e que ten ocupado é a de mitigar moitos aspectos contestatarios de certos sectores poboacionais e sobre todo, como a de outras substancias o consumo e produción capitalista neste caso en “negro”. Un dos máis grandes negocios do planeta terra.
A xente enferma tanto física como psicolóxicamente, moitas razóns de isto son as substancias de todo tipo, e se acaban consumindo, a maiores, moitas drogas legais que como comentaba aí atrás son o sustento das industrias médicas e farmacéuticas.
Esas enfermidades foron creadas, moitas delas, por mor da administración da morte que nos goberna e moita xente que cae no “campo de batalla” lle resulta xa moi difícil deixar de consumilas ao igual que as ilegais e outras legais como o azúcar, o café, o tabaco etc etc.
A través destas substancias a industria farmacéutica, que é outro dos maiores negocios do planeta terra, pode ter controlada a unha poboación susceptible e sensible, normalmente molesta, por non entrar moitas veces polo aro, ao ser en moitos casos xente non moi produtiva para o sistema, non moi moldeable, en definitiva xente que ao ser anulada a moitos niveis, gracias en parte a esta química, resulta moito menos molesta e coma sempre se lle saca un rendimento económico substancial. Os despoxos sociais que imos caendo nesta administración encargada de subministrar un dos maiores velenos que se coñecen conformamos, con respecto ao mecanismo de control que é a substancia, o pior dos chanzos dirixidos ao inferno nesta sociedade enferma e que fai enfermar.
Outras substancias terribles están nos materiais que nos venden/colocan: Roupa, calzado, mobles, construcións, envases que conteñen as outras substancias xa de por si dañinas. E como non no ar e na auga que respiramos e bebemos completamente contaminadas de máis substancias enfermizas e que nos fan enfermar…
Absolutamente toda substancia “controlada” ten a mesma raíz. É esta é a de establecer o sometemento da poboación nun eterno bucle que sosteña a podremia que nos venden como millor dos mundos.
As ataduras, cadeas e dependencias son múltiples e diversas neste sistema onde todo comeza na cachola de cada un mais a través desa substancia que é o sangue deste “corpus” lógranse realmente resultados inmellorables para todos os propósitos deste sistema que se mostra infalible en todos os aspectos. Ata no de enfrontarse aos que non simpatizamos demasiado con él.