Rematara o soño e unha etapa que no fondo eran dúas. Os cinco anos máis intensos da miña curta vida e sobre todo o último. Estábamos ababecados e cun grao bastante grande de decadencia enriba. Reuníamonos nas ruínas do que fora a nosa casa, a casa do pobo, fumando canutos e bebendo. Podería contar tantísimas cousas pero contarei só algunhas e delas todas con sabor agri-doce senón agri total.

 

Foi aos poucos dexenerando o tema. Supoño que a moita xente deulle igual ou non o sentiu como o sentía eu pero outra moita sei que si.

 

Un episodio terrible foi a morte e desaparición dos cans pero sobre todo de O´ Kan o mastín que nos deixara a xente de Vigo e que non soubemos coidar. Tivo moitos accidentes pola nosa culpa e o máis terrible foi cando lle pasamos por riba co coche. Eu ía de copiloto e estábamos á porta da okupa. Arrancou o meu colega e non fun capaz de darme de conta da obviedade de que estaba alí tomando o sol a tres metros de nós. Xa estaba fodido pero nós deixámolo completamente inválido. Foi algo terrible para min. Eu que escribira nos baños da okupa “quero ser O´Kan” polo moi ben que se levaba e moito que o acariñaba a rapaza que me gustaba… pois esa frase quedou instalada en min, como digo, terriblemente. Teríamolo que ter sacrificado en pouco tempo mais andábamos con el dun lado a outro poñendóo por riba dunha porta dunha das moitísimas habitación daquel edificio. Era moi tocho e pesaba moito. Despois colleu infeccións. Non sei foi moi lamentable porque eu, parece mentira, quería que seguira vivo e non era máis que sufrimento para o animal. Ao final chegou a razón e un veterinario despois de moito tempo veu sacrificalo e eu fun dos poucos que non o quixo ver. A min sempre me deron medo os cans e nunca me levaba ben con eles ou eles comigo pero con O´Kan cheguei a levarme moi ben e el comigo pero comprendín que un can non pode ser comunitario nin pasar moitas noites sen nós mentras marchábamos para as nosas casiñas.

 

Quedaba xa pouco tempo para que derruíran a okupa e todos nós xa non estábamos activos que digamos, resignados e normalmente poñéndonos ata o cu.

 

Eu estaba malnamorado dunha rapaza á cal ata lle cheguei entrar. Non había moitas rapazas na okupa, sobre todo ao final e ela en concreto tiña, penso eu falando nunha linguaxe “viejuna” demasiados pretendientes. Pero eu sufría moito e todo o que fumaba sentábame mal para, por exemplo, seguir sufrindo máis por iso.

 

Non facía moito tempo ún dos meus millores amigos que estaba longas tempadas fóra estudando e viña pouco pola okupa presentoume a súa irmá e non sei explicar moi ben o que pasou pero foi moi agradable á par que premonitorio. Foi nun dos moitos concertos que se celebraran na okupa. Ao cabo dun tempo ela andaba con outro colega da okupa e viáa moito máis pero, claro, estaba collida e eu obsesionado coa outra no medio do derrube de todo e de todos.

 

A xente da okupa éramos moitos. Todo partira dun núcleo no que eu estaba anos atrás dun barrio moi concreto e fóise sumando co paso dos anos máis e máis xente ata que resumindo okupamos e despois aínda veu máis xente etc

 

Hai centos de batalliñas pero eu céntrome no que me centro.

 

Íamonos ao final arrimándonos con grupiños e se daban circunstancias neses grupiños pois de xuntarse xente moi variopinta de distintas vertentes, non sei como dicilo, a verdade. É dicir que xa non andábamos naqueles tempos o núcleo cohesionado e cadaquén uníase e desuníase con quen lle petaba por tempadas. Nese verán cando todo rematara curiosamente o do coche que atropellara comigo de copiloto a O´Kan, outro colega moi filósofo-friki, o mozo da irmá do meu colega, ela e algún outro e mais eu pois comezamos facer excursións digamos pola provincia á natureza, ríos, pozas etc e fomos formando piña e pasábamolo moi ben. Lembro que lograra desconectar da obsesión por aquela outra rapaza e que me comezaba a chamar moito a atención a irmá do meu colega pero, claro, tiña mozo e eu tan alternativo pero tan digamos cristián ás veces sentíame culpable só de ollala.

 

Foron moitas excursións e como digo moi divertidas pero nelas falábamos de cousas moi profundas. Moitas cousas das que eu nunca falara. Eu só falaba permanentemente de política e actividades anarquistas ou música punk. Para resumir dicir que un día fomos máis alá e nos embarcamos nunha viaxe naquel cochiño ata a costa na fronteira entre Coruña e Lugo e descubrínme nunha praia, nun lugar do máis máxico que nunca estivera. Estábamos no Barqueiro, na praia de Esteiro e era a fin de semana das perseidas que ían ser as máis alucinantes de todo o século XX e así o foron. Tirados na praia ás dúas da madrugada centos e digo ben, centos de estrelas caían ante os nosos ollos nese negro no fondo resprandecente.

 

Filosofamos antes diso e despois e namoreime dunha maneira que nunca experimentara porque ademais fun correspondido. Tiven, iso si, que ter unha charla pola tarde co suposto mozo da irmá do meu colega por se a el lle ocorría algo ao respecto, se estaría doído. En fin se daba a bendición. En fin eu estaba todo culpabilizado por se lle ía quitar a moza e ao final díxome que realmente non había exactamente nada entre eles e que non lle importaba nada senón ao contrario o que nos enrolláramos e así o fixemos.

 

Revolqueime esa noite con ela na praia, biqueina, abraceina e amei coma nunca o fixera na miña vida. Era a primeira vez para min pero non houbo sexo. O sexo viría despois en pouco tempo e moitas veces pero iso é outra historia.

 

Quería poñer en situación o momento de desconexión cos antigos colegas (non de todo, pero iso) derrube da okupa e decadencia de moitos colegas repasados. Eu con moza facendo cousas que nunca fixera e aprendendo e falando de cousas que nunca falara.

 

Mais a sémola da outra rapaza incríblemente aínda que pequena seguía na miña cabeza. A miña familia pasaba de min. Eu abandoara os estudos de tripitidor. Todo ese ano da okupa só fora os tres primeiros meses a clase. O meu futuro era todo para min unha incertidume e seguía, non tanto como os meus colegas, bebendo e fumando porros. Era malvexetariano facía un ano, e algunhas das compañas puntuais que tiña, digamo,s que non eran moi sáns nin con moi boas intencións e non falo dos meus colegas de toda a vida.

 

Estaba moi namorado. Fun a casa da miña moza (do pai da miña moza que non estaba) unha fin de semana e fixen o amor por primeira vez na miña vida e así o seguimos facendo unha grande tempada. Viña ata o meu barrio e chamaba por teléfono. A miña nai a primeira vez que colleu o teléfono díxome que me chamaba un neno.

 

Pero resumindo a cousa torceuse nunha viaxe de moitos de nós no cal viña ela e máis xente a Ribadavia. Alí totalmente ebrios deixámola tirada a ela e a un colega de toda a vida ás tantas da madrugada e o resto completamente flipados fomos á casa do colega do coche a seguir desparramando. Penso que igual erguínme do salón onde estábamos todos para ir ao baño e alí vin, nunha habitación, como o colega do coche e a rapaza que me gustaba, antes, estaban tombados na cama dándose “o lote” e é inexplicable a sensación de loucura, de celos, de frustración e de incomprensión de que iso estivera pasando. Non comprendía como esa rapaza podería estar facendo aquilo con el. Eu o consideraba bruto, de poucas luces, desparramado. (síntoo) Non sei é moi difícil explicalo e sei que non debería sentir o que sentía nese intre e menos da maneira, non sei, case psicótica que o sentía. Aquilo marcaríame moito e os sentimentos de culpabilidade por ter deixado colgados e sobre todo colgada a miña moza en Ribadavia o mesmo do mesmo. Penso que nese intre comezou a miña viaxe aos infernos que me marcaría para toda a vida.

 

Ela perdonoume, ela queríame moitísimo e malia o que se poda pensar despois de escribir o episodio anterior eu amábaa con todas as miñas forzas tamén. Era algo único e especial. Era a persoa que me espertara e empatizara comigo dunha maneira que ninguén o fixera. Era o meu amor.

 

A partires dese momento eu case non quero andar normalmente coa peña toda e comezamos a reducirnos nós os dous. Chegaba setembro e falábamos, falábamos moito. Eu non paraba de falar. Da miña vida, dos colegas, das actividades, da okupa, do pasado, das paranoias. Contáballe todo e despotricaba de todo. Estaba queimado de cousas que quizais me sorprendía estar queimado. Foi a miña psicóloga. É moi complicado explicar o bombardeo e o chorreo que lle soltaba e ela con toda a comprensión escoitábame e entendíame pero ao mesmo tempo facíame ver que moitas das miñas historias ou algunhas eran moi subxectivas ou incluso paranoicas.

 

Volvendo resumir, a derradeira semana con ela, ela xa só viña ao meu barrio. Eu en casa facía cousas un pouco estranas. Escribía sentenzas ou aforismos, algúns con moito veleno. Rebuscaba en papeis, libros e revistas, asociaba cousas dunha maneira xa algo patolóxica. Isto na intimidade. E non durmía demasiado. Despois espúñalle todo polas tardes a ela na parte de atrás do parque da Ponte. Chegando cantar cancións e a medio representar en plan performativo moitas historias. E atreveríame a dicir delirios meus. Ela trataba de cortarme e foi así, lembro, máis ou menos unha semana o mesmo rollo polas tardes. Despois ía para casa e a seguir mergullándome en non sei que toda a noite. Xa non bebía nin fumaba pero daba igual. Comía pouco e en casa, penso, non se enteraban de nada.

 

E chegou o día. Era un 9 ou 10 de setembro. Vestínme cunhas mallas moi rotas pola entreperna, un chandal de parte de arriba de cando tiña uns quince anos. Puxen unha chapa de cervexa estrela galicia cun imperdible e collín unha armónica vella que andaba por casa. A miña nai víume e medio pelexou comigo para que non saíra así pero foi imposible. Era pola tarde e xa a partires de aí só lembro detalles, “fogonazos”. Sei que cheguei ao parque das mercedes porque sabía que a peña podería estar alí bebendo litros e fumando petas e sei que unha das primeiras persoas que me atopei foi o filósofo-friki co que tanto falara en Barqueiro na praia de Esteiro e sei que me dixo que non entendera nada. Tamén sei que ao subir, ao parque, comecei poñer a parir a todo becho vivinte recalcando todos os defectos de cadaquén. Ou sexa poñendo a caldo a todo o mundo. Todos debían estar estupefactos e a miña verborrea debía ser incesante. Anos despois un deses colegas comentaríame que no fondo tiña toda a razón do mundo.

 

Penso que houbo xente que me quixo parar ou deter que avisaron a moita peña. Ata algún pai dun dos meus colegas. Pireime e comecei a deambular. A miña pose era de supermán tanto física como psíquicamente. Facendo movementos como se controlara artes marciais. Cantaba cancións punk aleccionadoras e críame, claro está, máis que o amo do mundo. Unha especie de “supervengador de la pradera.”

 

Sempre tiven o “flash” na miña cabeza que voltei, iso si que o fixen, voltei ao barrio pero subido ao bordo de pedra da ponte vella. Cousa que anos antes vira facer a un colega flipadísimo da nosa pandilla do barrio. Todo o mundo andaba á procura de min. Atopeime perto de casa cun vello amigo que estaba currando na capital do reino daquela e sei que tentou advertirme con moi pouco psicoloxía e púxeno de verán. Ao chegar ao portal porque curiosamente regresei ao fogar, estaban alí as rapazas da okupa. Coido que querían que subira dunha vez pero eu ao velas xa non quería subir. Ao final convencéronme e non sei se ata a miña moza, se estaba, quedou abaixo incríbemente. Subiron as outras e alí estaban en plan surrealista elas, a miña nai e sei que había alguén máis da miña familia pero xa non lembro. Eu comecei a machacar á rapaza que me gustara anteriormente. Púxena a caldo e supoño que non sabería onde meterse. A súa irmá e o resto trataban de advertirme que todo o que eu dicía non era así mais eu estaba ata violento. Marcharon e se me pechou a porta. Chimpei coa gaiola dos páxaros que sempre odiara contra o chan da terraza. A miña nai ofreceume un postre lácteo que a min sempre me gustara e lanceino ao outro extremo da terraza (que é bastante grande) e foi parar a un patio de luces. Parece ser que rompeu un cristal e aínda por riba viñeron chamar para protestar. Na terraza hai unha separación que dá a outra terraza máis pequeniña. Pois saltei malia que o meu irmán que chegara tentou impedilo. Desde alí hai moita altura cara abaixo e a miña familia e todos os veciños dos pisos de arriba que estaban contemplando o show pensaban que me ía tirar. Ao final recuei. Volvín e berrando, facendo artes marciais por toda a terraza e todo o mundo flipando moitísimo. Así mo imaxino. Tentei escapar pola porta da casa que estaba pechada. Non sei se ía quitar as miñas chaves ou non. Non lembro. Tiven unha pelexa co meu irmán e dun cabezazo partínlle o beizo e comezou a sangrar.

 

En fin parece ser que chamaron algún facultativo psiquiátrico e que veu verme e aconsellou o internamento en Toén. Mais a miña nai que sabía que eu odiaba ese sitio (tamén había precedentes familiares que pasaran por alí) e por iso no momento optaron por non facelo. Déronme algo e durmín. Á mañá espertei co timbre da porta e chegou miña nai a miña habitación. Eu estaba moito máis suave tanto que cando me dixo que quen timbrara fora un “pobre” boteime a chorar. Xa non lembro nada máis ata que unha panda de machos alfa da familia e subcontratas á mañá seguinte, non o teño moi claro, o 11 de setembro do 93 dirixíronse comigo camiño Santiago ao centro psiquiátrico A Robleda. Lugar completamente infame. Esta xente que me levaba ben amarradiño porque non se debe esquecer que eu era supermán eran o meu irmán, un amigo moi cachas do meu irmán, un meu cuñado, e o que daquela era marido dunha curmá miña. Xente forte.

 

Esta curmá miña, enfermeira (falei recentemente con ela e desmentíume rotundamente e convincentemente que ela non tivo nada que ver no asunto. Andaba preñada e parece ser que cando deu a luz foi cando me levaron ao lugar de marras que nin ela nin o seu marido coñecían) en contubernio coa miña irmá (parece ser) digamos do medio foron as que tiveran a brillante idea para que me conduciran ata alí para que lles sablearan os cartos a miña familia e para que me sablearan a miña alma a min os psicópatas batabrancas.

 

Fun ingresado e aí comezou o verdadeiro inferno durante dous meses que me marcaría de por vida e así estou marcado en numerosas facetas da miña vida. Digo isto ou escribo isto agora que teño corenta e cinco anos (cando publico isto teño 47) e que recoñezo que hai cousas que teñen ido millor que outras moitas por moita vontade e esforzo propio. Pero realmente aquela experiencia foi completamente terrible, espeluznante e non só me marcou a min. Marcou a miña familia e amigos e vou salpicando con ela a moita xente que me atopo no meu camiño. Desgraciadamente.

 

Vou comezar polo que considero máis forte. Anos despois esta irmá miña comentoume que lle preguntaran se daría, a familia, o seu permiso para practicarme electroshocks. Ela díxome que non lle deran o permiso mais eu naquel inferno con aqueles psicópatas no que só lembro flashes, momentos terribles etc dentro dunha tremenda escuridade si fun consciente de estar sometido a dor intensísima acoplado en lugares onde percibía maquinaria. Non sei como explicalo. Lembro ruídos como de serras mecánicas e lembro que pensaba que me ían cortar todos os ósos en cachos. Si, penso que puiden estar perfectamente sometido a electroshocks. Lembro a miña baba.

 

Sei, e isto é completamente así que o primeiro que me fixeron foi inducirme nun coma durante unha semana ou máis e que eu ao espertar do negro da morte vía a moitos batabrancas e com ún se achegaba e pegábame un pinchazo no brazo e caía rendido de novo.

 

Sei que os primeiros quince días non lle permitiron, por moito que o intentaron, a ninguén da miña familia o poder verme. E que cando viñeron, por fin, os meus pais, estaba tan brutalmente grogui, despois de quince días, que non os recoñecía. Estaba tan delgado que parece ser que a miña nai comentaba que a miña cara semellaba a dun cabalo.

 

Eu penso que dentro da miña debilidade, sufrimento etc negábame a comer desde quizais unha historia reivindicativa en plan folga de fame ou así. Pero o incríble é que non estaba exactamente consciente. Medio cos ollos pechados e totalmente drogado lembro como tentaban darme iogur e eu negábame físicamente. Pegaban con forza coa culler nos meus dentes. Ao final accedín porque ía morrer de fame e non podía máis.

 

Despois de todo ese tempo de terme morto comezaron a deixarme a soas nun cuarto completamente escuro. Completamente. Eu ía como podía tanteando ata a porta metalizada e comezaba a dar ostias nela porque quería luz, porque quería saír de alí. Chegaban e con violencia levábanme ata a cama e atábanme con correas. Eu non sei como facía pero con paciencia ou con impaciencia e forza, aínda que resulte estraño, liberábame delas e volvía a dar hostias na porta e volvíase repetir a operación. Volvíanme atar con máis forza. De verdade que algunha que outra vez volvía soltarme.

 

Outra razón bastante obvia para querer saír desa cela de castigo sería simplemente a de querer mexar. Estes non se comunicaban máis que violentamente eu estaba como estaba. Un día mexei precisamente na porta e houbo moita violencia comigo. É moi curioso dentro do desconcerto do terror todo e de que a miña cabeza era un caos un día ou unha noite dinme de conta que baixo a cama había unha bacenilla e mexei alí. Os enfermeiros que eran do máis terribel que ún se puidera imaxinar felicitáronme con puteos e risos que era o que facían maiormente no contacto que tiña con eles. Ás veces o puteo chegaba as mans cando á par cantábanme unha canción dándome bofetadas na miña cara.

 

O último ano antes de entrar neste sitio infame eu xa fumaba algún cigarro e desde os quince fumaba porros. Pois neste antro dabanlle tabaco a todo o mundo menos a min porque dicían que eu non fumaba. O dispensaba un vello que para min era o pior dos tolos todos que había alí. Empurrábame cando llo solicitaba e berraba enfurecido. Case non intercedían nas relacións que se daban entre os, digamos enfermos, A min un tipo no patio unha vez agarroume e apretoume o pescozo fortemente e xa crín que non a contaría.

 

Despois estaban os empurróns ás duchas de auga fría. Había señores que non paraban de berrar e de chorar era unha auténtica tortura.

 

Os comentarios de que tardaría moito en saír de alí e que non estaba nada ben eran repetidos e repetidos.

 

Eu era vexetariano e lembro despois de ser redirixido nunha mesa todos sentados para comer. Había cocido en un prato había chourizos. Non o puiden resistir, tiña fame. Educado e culturizado e saborizado coa dieta omnívora case toda a miña vida pinchei un chourizo e dous psiquiatras déronse co ombreiro ún co outro e díxolle ún ao outro: “mira, mira, como lle gusta o chourizo, entre sorrisos e algún riso”

 

Unha das cousas que me fixo resistir neste sitio noxento foron certas alucinacións auditivas que me daban esperanza e valor para saír daquela. Lembro dúas voces en concreto mais dame pudor comentar quen eran. Unha das voces foi a que me dixera ou alucinei eu que a bacenilla estaba baixo a cama.

 

Foron máis de dous meses e tiveron que pasar moitísimas cousas que son incapaz de lembrar para nada debido ao estado no que estaba e ao estado no que me deixaron. Foron máis de dous meses pero puideron ser moitos máis. Aínda por riba quitáronlle moitísima pasta a miña familia e eu á vez quedei resentido con ela de por vida, para que nos imos enganar.

 

Cando me sacaron era para ir unha fin de semana a casa e voltar pero a miña familia xa non quixo facer tal cousa porque deberon de darse conta do erro cometido. Digamos que me rescataron.

 

Estiven un par de semanas en casa e desparramei algún que outro día pero pronto dentro do zombi que era polas medicacións brutais, pois estiven moito millor.

 

O psiquiatra-gran xefe do tugurio aquel, un tipo con lentes e calvo con pinta de cura quíxome volver ver pero desta vez nunha consulta privada e púxome un cacharro na cabeza case media hora sen parar de dicir que era incríble. Non sei o que era incríble… cando voltei para casa estiven uns días mal pola experiencia. Daquela dicían que tiña esquizofrenia. Máis adiante outros psiquiatras cos que teño tratado (todos) diagnosticáronme outra cousa.

 

Cando aquela terrible experiencia rematou xunteime coa miña moza e choramos moito escoitando unha canción. Seguimos xuntos dous anos e medio máis.

 

Todo isto marcoume moitísimo. Tanto que non me desprendo…