Jello Biafra nunha voda

amenizando as cuestións

cunha oratoria nupcial

misturando instrumentos e ferramentas

ecos de igrexas e restaurantes de costa

sen costelas nin ananás

supeditando toda a acción nas cordas

vogais, consoantes, guitarras e baixos

baterías de cociña de agasallo para os noivos

engalanados de supertrump para o resto dos días

na pouca saúde e moitísima enfermidade

eu escribínlle o discurso a Jello Biafra

en galego de verdade sen lei nin normativa

e o reverendo fixo spoken word

con garfo, coitelos para peixe e carne e culler

soup is a good food

invitados bailando ao son de too drunk to fuck

celebración dun verán inacabado de comezar

con veliñas sen san xoán

Jello Biafra nunha voda

amenizando as cuestións

pachamama usurpada e minguada

lúa decrecendo tropezóns de paso dobre

visións dobres por alcoles sen cervexa

reverendos facendo reverencias na cola do paro

con sogas no pescozo elegantes

suicidas con protolleiras de desesperación

inflan os globos esquecidos

os nenos van ao xardín

entran en acción no salón

dous irmáns e tres curmáns terroristas

atropellan con motos de auga

aos convidados á función

e Jello Biafra segue declamando o meu discurso

helicópteros óense nas alturas

tantos como gaivotas adultas

os noivos danse á fuga

pero non chegan a ningures

na televisión falan dos rusos

Jello Biafra quere cobrar

pero ninguén lle vai pagar.