Xa saíron unhas rosas vermellas de corazón, corazón
e no horto apareceron brotes verdes das raíces da terra
os paxaros chían con forza ao comprobar insectos seu alimento
as rás croan no río
aínda que devastada a natureza saca a cabeza fóra do lixo
rexenera e non entende de bolsas que non sexan de auga…
Nin de parquets que non estén conformados en árbore
nin de plusvalías que non sexan en forma de froitas
non entende de depresión senón é monte abaixo
non sabe de rescates, economías e mercado de valores
só sabe de subsistencias e cores diversas
sen logos de partidos sen vestimentas futbolísticas
a natureza verdadeira das cousas
non son os números de fortunas, loterías ou déficits públicos
a natureza está aí silenciosa, existente, sen facer moito ruido
a non ser cando se enfada e ruxe farta xa de pillaxe e polución
a natureza que eu non represento nin cun mal poema verde
esconde a marabilla que perdimos hai xa tantos anos
na porquería que conformamos cos nosos sistemas das nosas vidas
que tan pouco ten que ver con ela que resiste ladeira arriba
no subsolo ou no ceo enriba do mar cun anticiclón estival
a natureza paríunos hai tan pouco no fondo
que vai ser unha mágoa abandoar tan pronto a súa arca
pero non quedará outra
esquilmadores da súa alma. Virus extendidos polas súas cicatrices
non aprendemos de nada e o pase por esta terra abondosa
xa non é proveitosa por voraz e destructora
avocados quedamos sen ser apocalíptico coa boca aberta
a ser sepultados por debaixo dela e a formar de novo
grandes bolsas de ouro negro, ese ao que lle quitamos tanto rendemento.