Todo é un timo
o timo da estampiña
en forma de billete
hai que procuralo
alcanzalo
o timo son os cartos
os timadores téñeno
e tímannos para
ter máis
máis diñeiro
que ademais fabrican
e poñen en circulación
en forma de anzois
e nós nadamos e mergullamos
e imos á superficie
e afundímonos
pola procura
con todos eses movementos
de todos nós
axítanse e revólvense
ríos e mares
as nosas fortalezas
e as nosas debilidades
de onde sacan partido
enerxía vital para
ter acceso ao espectáculo do timo
e todos e todas participamos
do timo da mentira
de ríos e mares inventados
cos nosos disfraces de peixes
uns máis grandes e outros
máis pequenos
competimos entre nós. Comémonos
e caemos nas redes cansos
e somos pescados somos peixe
en latas de conserva
destribuídos polo planeta
para as súas festas privadas
amósannos con luces na auga
de moitas cores ese mar
inventado no que estamos mergullados
con algas, plancto, arrecifes de coral
todo de plástico
e confúndennos coas nosas prioridades
a máis radical sería desfacernos
do traxe de escamas
e darnos de conta de que non somos peixes
non existen eses mares e ríos
prateados de aluminio
que nos fan soldar e des-soldar
que non queremos ir á guerra
contra outros “peixes” e que
queremos que entren nas nosas augas
as que queiran entrar
sempre coas súas lanchas policiais
pescando aquí e alá
e o mar quéntase
e xa non podemos respirar
derreten o xeo que conservamos
para non podernos subir a el
e vislumbrar a súa maqueta
de rañaceos absurda e patética
todo é un timo e unha mentira
metéronnos desde hai anos
por riba nas súas piscifactorías
e aí navegamos e nadamos
cos ollos abertos e vermellos
procurando nin paz nin descanso
non estamos mortos estamos cribados
de espanto créndonos peixes
con tres segundos de memoria
con ese tempo non nos podemos dicir nada
máis alá de si ou non
sistema binario augado e afogado
seguen botando copos de mala comida
nos nosos tanques de peixe
seguimos engordando de mentira
morrendo panza arriba
por onde camiñan cos seus zapatos lustrosos
estamos convertidos en peixes
de moitas clases case todas baixas
algunhas ata abisais
atopámonos cos cables no fondo do océano
e non os comprendemos
dentro deles van millóns de estampiñas
da virxe do carme
eles comendo caviar
e nós sen parar de desovar
quedamos exhaustos
e logo fabrican o pienso comida
de pésima calidade
todo é mentira.