O mundo é tamén un pouco coma min

chove moitísimo ás veces

unhas con torrentes e pedra da tristura

outras resulta máis estática a auga

pódese contemplar e ata sorrir

O mundo é tamén un pouco coma min

desencáixaselle a mandíbula

a gargalladas e os ollos extravíanse cara a noite

caen estrelas na faciana

e con moito glamour danzan

diante de todos os espellos ás madrugadas

O mundo é tamén un pouco coma min

viaxa polo espazo por desertos e alboradas

ten satélites, buracos negros e desesperación

mais existen milleiros de cancións para paliar a sede

que volve forte cando muscula a suor

O mundo é tamén un pouco coma min

ten montañas que se suben e se baixan

árbores caídas, novas e vellas vexetacións

e cancros instalados nos pulmóns de aceiro

tamén cornos de vaca, de cabra, de gata

O mundo é tamén un pouco coma min

verte os residuos aos ríos internos e externos

ten vintemil resacas de viaxes submariñas

mares a caudais, ferrollos a cal e canto

milleiros de persoas na rúa e unha na lúa

O mundo é tamén un pouco coma min

rotando e ollando as eternas faces do amor-odio

O mundo é tamén un pouco coma min

caótico, periodóntico, carioco e guerreiro fondón

O mundo é tamén un pouco coma min

feminino e denso, televisivo e alleo

corredor polo monte no pasado

corredor de bolsa de supermercado no presente

corredor de abismos inconmensurables no futuro

corredor de balas de palla no salvaxe oeste

corredor cara as migas de pan desconxelado

coma un indio nun tipi desanxelado fumando tabaco

O mundo é tamén un pouco coma min

portavións, barca de noz, resfriado,

urogalo e mesetas, pezóns conxelados

flores salvaxes e secas, fresas de plástico

ceo amarelo: fotografías e radiografías

aprensión con loureiro no globo enteiro

O mundo é tamén un pouco coma min

como unha gota, como unha bágoa

coma un lago, como mar de antano

como unha lousa e cemiterio, con lobos e mortes

con apertas titubeantes e desexo de bicos

con lingua sen auga con multitudes deshidratadas

O mundo é tamén un pouco coma min

alerta esperto alerta durmido

sirenas da policía de canto e de cruz

de cara espantallo de arquitecturas impenetrables

de corazóns en macetas, de auga e de regadeira

de ventás indiscretas de cables quilométricos

de ansiedade e de luz paranormal

de beizos ardentes, pintalabios e nicotina

amorados, vinagre e selvas sen hime

O mundo é tamén un pouco coma min

sae o sol así coma quen e vai frío

ás veces inverno ás veces quecemento global

ás veces armamento, vendaval e tormento

o mundo é espacial e especial coma min

ten dous polos, coma min

polo norte de laranxa

polo sur de limón

acha(n)tado polo medio.