Aquela mañá

baixamos ao garaxe

cheo de arañeiras

humidades e gasoleo

collimos o escarabello

e penso que foi el

quen pechou a porta

porque eu non estaba moi ben

penso que había sol

e subimos cara a estación

por Marín ou polas Caldas

na estación baixou

o inspector grbé

chamáballe así porque

estaba afónico

ía recoller un paquete

importante de importancia

eu fumaba no escarabello

e víao todo moi luminoso

arrincamos e chegamos

ás torres do Pino

á gasolineira

e ao pasar todo iso

comezaron a brotar casiñas

favelas dun mundo exterior

todas espalladas grises e de cores

chegáramos a Chile

e de banda sonora soaba

Víctor Jara

o inspector grbé conducía rápido

eu intuía subidas e baixadas

e moitas curvas

consideraba que era un complot

ría pensando na pitufada

nunha especie de montaña rusa

que nos enganaba a todos

comenteille ao inspector grbé

que isto non era serio rindo

e el sorriu como con grande sabedoría

que non me daba de conta

das cousas do mundo.

Un día cando era mozo

fun co inspector grbé

a Zamora a por unha partida

de pementos roxos

que encheron seu camión

e comeu ún enteiro e crú

eu agora penso na comuna antinacionalista zamorana

e en Agustín García Calvo.

Á volta ía durmido

e continuei durmindo moitos anos.

Anos despois conversaba

co inspector grbé pola beira do río

de moitas cousas de índole política

ante os meus ataques ao status quo

el sempre tiña unha contestación

pragmática, conservadora e case refraneira

por moito que me esmeraba

no meu discurso

el seguía lendo o marca

e tomando café descafeinado de sobre.

Anos despois leu o Quijote

cousa que eu aínda non fixen.