Xa sei que quizais non son intres de soltar este “espiche” pero levo moitos, moitos anos tendo ganas de facelo polo menos da maneira escrita que o vou facer. Estou canso da militancia que vén etimolóxicamente da mesma raíz que “militar” e da mesma maneira estou farto de toda a xente que se pón prendas militares xa sexan físicas ou mentais sobre todo nesta estúpida “guerra” actual que estamos vivindo.

 

Teño estado ao longo dos meus anos en diferentes historias, algunhas dunha maneira máis lateral que outras, e si, tiven épocas de militancia e dinme de conta que se pode loitar cóvado con cóvado coa xente, só ou acompañado, sen ter que “militar”, e digo máis a militancia fosiliza desvirtúa moitísimas loitas. Conforma lugares apretados onde non hai sitio para xente que ten a ousadía de achegarse a ver que pasa con certas cousas ou outras. Moitas das veces está comandada a través de subterfuxios por intereses sindicais ou de partido que deciden que é o que se fai ou non.

 

Na miña experiencia teño visto chegar a “militantes” que eran o non vai máis e achegarme a apoiar no que puiden durante décadas. Moitos e moitas duraban uns poucos anos ou nin iso e piraban, desaparecían, esfumábanse. A algúns/has puiden observalxs para onde foran e outros e outras perdínlles a pista. Algúns e algunhas dos que puiden seguirlles a pista fíxome moita gracia onde acabaron. Era xente e é xente que marca directrices que quere implicacións a máis non poder sen suporse que cadaquén implícase e colabora no que pode e no que quere e que non todo o mundo ten que ser coma eles ou elas. Formaron e forman auténticas seitas nas que en moitos momentos nos que xente que se quere achegar a facer algo, senón son coñecidos ou se hai uns prexuízos (porque hai toneladas de prexuízos) esa xente é ollada con desconfianza ou con ningunha empatía, non vaia ser que viñera algún día alguén que quixera darlle algún outro tipo de perspectiva a esas “loitas”. E non, iso non podería ser. Non fai falla ter un poder sistémico para aferrarse a privilexios, poltronas e xerarquías.

 

Pola miña experiencia, miña e doutra xente que quixo, en moitos anos pasados e presentes, achegar a estes mundos da militancia, xa sexa política, cultural, social etc tiveron ou tiven (e non quixen) que seguir os modus operandis ou pautas marcadas e enmarcadas e predominantes que había e hai que aceptar se queres ser ún/ha máis da seita conveniente.

 

Se unha persoa ten unha maneira de pensar ou de actuar medianamente libre, contestataria e non traga con todos estes parámetros pois resulta que non encaixa con estes contextos, grupos, colectivos etc.

 

É o mesmo guíon que o sistémico, que o establecido. Así desta maneira espantan a moita, moita xente. Non se dan conta da cantidade de xente que espantan que poderían empatizar con moitas loitas pero non plantexadas nin constriñidas polas súas moralinas e as súas medallas, os seus “logros” e as súas experiencias e títulos nobiliaros do militantemente correcto. Desta maneira non se dan conta de que hai moitísima xente, moita máis da que pensan que estarían dispostas e dispostos a loitar, da forma que fora, por moitísimos motivos. A “masa” popular sería moito maior se toda esta xente deixara de actuar sermoneando, creando disciplinas e ortodoxias que non teñen ningún fundamento máis que para seguir sendo eles e elas os e as que leven a voz cantante, non vaia ser que alguén lles puider arrebatar esa posición de privilexio e dalgunha maneira de dominación.

 

Vivimos épocas convulsas e é realmente difícil a mobilización da xente en xeral ademais a partires destas situacións. Esixe unha maneira empática e flexible de entender o compromiso, os compromisos ou os non compromisos. Non pode ser que os teus compromisos ou o teu compromiso é o de matrícula de honra e o día a día, terrible día a día para todas, non valga para nada soamente porque ti estás nunha organización e as outras persoas non están. Poderíaste preguntar o por que non están? Ou se realmente quéreno ou teñen que estar? Pódese loitar de moitas maneiras.

 

O que teño moi claro é que con olladas desafiantes e moralinas resecas cando hai xente que se pón ao teu carón (ao seu propio carón, tamén) puntualmente non se fai máis que espantar e voltar a espantar. Cal é a verdadeira “moral”, a verdadeira vontade de actuar ante moitas, moitas cousas que están realmente mal? Cada vez máis. Moitas… Non só as que soan máis!

 

Ese actuar depende de alianzas pero esas alianzas que conforman compromisos penso que deben de ser dun metal moi flexible, nada ríxido. Saber que hai xente que ten que sentar ás veces, outra que “milita” de maneiras que descoñeces e toda a xente que estaría disposta a arrimarse se a maneira de organizarse, precisamente, mudara, ao menos un pouquiño. Xa está ben de crerse a hostia por isto ou por aquilo e pensar dunha vez por todas o por que os movimentos sociais e culturais están soamente copados polas e polos de sempre que só rotan cando pasan os anos desperdigándose ao longo dos mesmos unha morea de xente que non quixo seguir porque non lle atopaba senso ningún.

 

Precisamente polos tempos nos que estamos e aos tempos que vamos é preciso unha remuda total dos plantexamentos e dos pensamentos recalcitrantes, por un lado, ou supostamente modernos polo outro porque considero que xa nada vai ter ningún sentido de como foi ata o de agora.

 

Xuntarnos ou non pero conectarnos e sobre todo conxugarnos, cando poidamos, e botar ese lastre decimonónico “militante” para conquerir que o pobo unido, como está pasando en certos lares, tamén o poida estar por estes.

 

Veñen tempos que deberemos resistir pero veñen tempos tamén para non dicirlle a ninguén como debe resisitir. Nin presionar polas túas causas aos demais coma inquerindo impostos revolucionarios. Particularmente eu tamén estou farto de que me digan que vote ou a quen debo votar.

 

Penso que é o tempo de poñerse a falar cando apeteza falar e de saír a tomar o ar cando se poida para conspirar ou simplemente para respirar. Se diso saen “cousas” será xenial.

 

https://chaodafeira.com/wp-content/uploads/2020/10/cad117-ana_mumbuca.pdf