Escribe a túa busca por palabra clave e pulsa ENTER

About the Author

minux

Madrid

De cativo sempre dixera que eu fora a Madrid. Seguramente a razón da miña teima era que nalgunha noite desas tivera un soño. Deses que o cres nun momento pero sen embargo, ao pouco, que frotas os ollos e e cando te vas despreguizando, entras na realidade e todo debeu ser unha mala ou boa experiencia onírica.

Pero eu non, porfiaba á miña nai, ao meu pai, ás miñas irmás e ao meu irmán que xa estivera en Madrid e ata daba a descripción de onde estivera, o que fixera etc.

Debía de estar tan teimudo por mor do irmán xemelgo do meu pai e a súa familia que en realidade si vivían en Madrid. Eu estivera en Oviedo, pero durmido na cidade asturiana, pola viaxe que resultara moi esgotadora para a miña curta idade. Íamos na procura da miña irmá pequena xa que alí pasara unhas vacacións con esta xente que comentaba antes: a familia do irmán xemelgo do meu pai. Eles debían ter moitas casas. Eran ricos, e o xemelgo do meu pai fora o que trunfara na familia. Era militar e daba aulas a outros militares.

Pois ben dicía que daba descripcións dos lugares onde estivera en Madrid e mira ti por onde que resultaba que eran moi parecidos aos arredores da casa onde vivía en Ourense. Todo indicaba para a miña familia que me estaba inventando todo, pero en verdade, eu críamo tanto que resultaba totalmente contrario a un conto ou a un soño.

De súpeto, un día, si que aparecín en Madrid. Lembro vagamente ese tempo. Si, lembro do ridículo que pasei no metro. Ía cun amigo que agora é técnico de son e tocou nun grupo de música de Compostela. Un grupo ruidoso e rockanroleiro que ata saiu en xornais, pero iso é outro tema. De igual maneira que é outro tema o que este rapaz me gravara unhas cintas coas que eu descubriría a un dos meus grupos preferidos.

O tema do metro consistira que en plan Paco Martínez Soria e co idioma falado no que estou escribindo soltei un “e isto como é” á par de estar introducindo o ticket do metro ao revés de como había que metelo, co que provoquei unhas cantas gargalladas no persoal da cola. E eu que son un pouco acomplexado pois ruboriceime e quedoume gravada na memoria esa historia.

Dirixíamonos o amigo e máis eu cara Elche (ou Elx), para pasar unha semaniña de vacacións, que se converteu nun auténtico desfase no que o día que máis durmín foron tres horas. Había concertos de grupos que a min me gustaban moito, ademais de outros ingredientes secundarios que converteron eses días dos máis desfasados que lembro (ou case).

Pero falábamos de Madrid. Na capital do Reino pasáramos a noite antes de coller o bus para Alacante, e á volta fixéramos o mesmo, antes de coller o tren para Ourense. Perecorrín varias rúas da xigantesca cidade co meu amigo e acabamos pasando a noite nunha okupa moi famosa de alí. Todo era moi alternativo, como eu desexaba: ser un auténtico alternativo social. Enchíame de emoción e orgullo o estar nun sitio como aquel, que visitaría máis veces antes que a desaloxasen e a derrubasen para facer especulación con ela. Como dicían os okupas 😉

A partires daquela viaxe tiña moitísimas ganas de contarllo todo á peña do meu barrio e quedarme tan pancho e enchido de orgullo. Tanto o de Madrid (que á volta fixemos o mesmo, e ata coméramos no comedor daquel centro social, que era como lle gustaba chamarlle aos okupas) como o da semana no Mediterráneo. O da xente que coñecera, os concertos, os desfases e o alternativo que era.

Esa foi a miña primeira visita ás rúas de Madrid, ao metro, ás pintadas e aquela okupa á que volvería en menos dun ano ou algo así.

Ao cabo dese ano, volvín coa madurez de que xa estivera en Madrid. Esta vez ía con varios colegas do meu barrio e outros de Ourense que formabamos un colectivo con outros e outras de outras cidades galegas nun autobús, que sinceiramente lembrándome del, éntranme uns trousos tremendos. Pasara de todo e do máis variopinto. Primeiro comentar que íamos… si a aquela okupa alternativa, onde uns grupos galegos, que tamén ían no bus pois, ían ofrecer uns concertos alí nela. Pois ben, no bus cheo de punkies varios e outros especímenes soaba a música cañeira a todo meter e algúns e algunhas (menos) debido ás grandes inxestas de alcohol pois botaban a “pota” no chan do bus, os máis moderados en bolsas, e ata penso que algún botoulla ao pobre buseiro que non fai falla moita imaxinación para imaxinar o contento que estaba naquela viaxe, coa música a todo meter, con unha centea de punkis bota potas, cos improperios, co olor a canuto e a tabaco e todo porque nos organizáramos e o alugáramos, para ir aquel centro social, que é como lles gusta chamarlle aos okupas.

Na viaxe eu tamén bebía, pero houbo un momento que o deixei de facer, xa que me entraron unhas ganas tremendas de mexar. Resultaba que cada vez que había paradas, todos saíamos a mexar. Pero a min as mexadas colectivas nunca me gustaron, son algo intimista e non o daba feito. Polo que subía ao autobús coa mesma carga coa que baixaba, e a Madrid dende Ourense hai unhas horiñas. O pior foi cando se me achegou e se sentou ao meu carón aquel rapaz, que sinceiramente, non sei que será del? A última vez que o vín foi na Coruña e andaba bastante ben. Este rapaz, pois era algo desequilibrado (en parte, coma min) e comezou a pasarme ás súas manías persecutorias e eu que son bastante influenciable pois flipei cando me contou que se tirara dun tren porque segundo él había un policía (secreta) que o vinculaba co GRAPO e quería matalo. A min rebentaba a vexiga e a cabeza. Pero todo fora por ir a Madrid por segunda vez.

Cando chegamos a unha gasolineira lanceime en plancha e pecheime no baño e cando saíu o chorriño dixen “todo por Madrid”. E iso que da primeira vez á volta de Elx non pasara unha boa experiencia naquel barrio no que agardei ao meu amigo que fora non sei a onde? Debeu ser a outro extremo de Madrid porque estiven naquel sitio á beira do Manzanares e con pintadas cheas de esvasticas e sospeitosas persoas co pelo rapado transitaran por alí durante horas. Puxérame algo nervioso, ata cando me dixera que el se quedaba na capital do reino e eu tivérame que ir só para Galiza. E que eu tiña uns dezaoito e non estaba acostumado ás aventuras que ano tras ano estarían por vir.

Pero continuemos con esta segunda vez, que a lembro moi reivindicativa, con concerto galego contra tal, manifestación pola mañá contra isto… Os postos no rastro e como non, aquela famosa okupa ou centro social.

Xa case me podería considerar como madrileño. Lavapiés, Malasaña, Vallekas etc etc.

Agora comprendía cando o meu amigo Pepe viña Algunha fin de semana da capital de España tan enchido de orgullo. Xa que el por ser orfo de ferroviario pois estudara nun colexio para orfos de ferroviarios en Madrid. Moito vacilaba coas súas “greñas” e cantando cancións de Leño, pero iso tamén é outra historia, bastante divertida, por certo.

Xa non lembro como voltamos para Ourense porque ás veces a memoria xógame malas pasadas, o certo é que voltamos e coido que no mesmo bus e seguramente nun plan bastante semellante a como fóramos.

A terceira vez que fun a Madrid tamén fomos coa mesma disposición que a anterior vez. Lémbrome de que ata lle dera eu unha cinta ao buseiro para que “pinchara” o Borreroak baditu milaka aurpegi de Negu Gorriak.

Íamos a unha marcha contra o paro na que ían confluír milleiros de persoas chegadas do territorio español (emprego español e non do estado español porque parece ser que resulta redundante, pedante e así… non sei) Ben viña moita xente. E veu.

Pateámonos vinte quilómetros en grande manifestación todas as xentes das españas que nos atopamos nas aforas de Madrid (había xente que viña andando desde Valencia). Fora soado o tema, mais eu é a día de hoxe (e xa pasaron aniños) sigo no paro obreiro.

Ao chegares a Madrid completamente rebentados collimos outro bus para volver ás aforas, xa que, se ía celebrar un grande festival de música punk-rock de grupos que nós escoitábamos desde os catorce/quince anos. Nun campo de futbol enchido de terra cinco grupos desfilaron con aparente normalidade descarregando guitarras, baquetazos varios e grandes chorros de voz. Ata que chegou o derradeiro grupo que todos agardábamos e ademais os meus compañeiros e máis eu estabamos ben posicionados para poder seguir o transcurso do evento. Estabamos moi nerviosos por ver aos nosos ídolos de xuventude. De súpeto por arte de birli-birloque aparecimos, levados en volandas, como se levitáramos ao carón da mesa de son. Que todo hai que dicilo estaba no medio, tirando cara atrás do campo de fútbol e o curioso é que nós estábamos case adiante de todo. Un grande po desatouse e decenas e decenas de punkis non paraban de meterse golpes e patadas nesa curiosa danza violenta denominado “pogo” cando sonou a voz do cantante de marras: “No disfrutamos en el paro, ni disfrutamos trabajando”.

Lembro que cando a miña nai oía esta frase, por casualidade cuspida polo meu equipo de música, sempre dicía: “Non fai falla que o xures”, pero isto tamén é outra historia.

O caso é que o festival acabou e fómonos en bus para o centro social famoso. Dividímonos. Uns fomos nun e un par de colegas máis foron noutro bus que saería ao día seguinte en todos os medios informativos habidos e por haber, xa que, ao parar nunha gasolineira, unha manada de punkies baixaron e literalmente arrasaron coa mesma…

Isto contáronmo ao longo de anos porque eu non me enteraba demasiado debido ao estado etílico-paranoico que tiña esa famosa noite.

E como non, do regreso a Ourense non volvo lembrar nada. Que cousas!

Tardaría anos en volver a Madrid… fun a outros sitios esa tempada como Porto, Valladolid, Zaragoza, Xixón… pero a Madrid non volvín nuns cantos aniños.

E por fin voltei a Madrid para coller un avión por primeira vez na miña vida. Era outra forma de estar en Madrid. Durmín nunha casa “decente” antes de irme ao Caribe e cando voltei, tamén durmín noutra casa “decente”. Nada de okupas e ademais íame de turista. O tema era que marchaba para Cuba (unha ilusión grande, a que teño por ir) mais por primeira vez na historia e xusto na semana de vacacións que tiñamos o meu irmán, o irmán da súa muller e máis eu o papa visitaba a illa socialista e non puidemos. Entón de maneira precipitosa e precipitada fomos á República Dominicana pero iso volve ser outra historia. (Curiosa tamén)

Visitei nesa estancia madrileña barrios distintos dos que pateara anos atrás. E vín desde outro ponto de vista á capital das españas. Existían outro tipo de barrios, iso sí, seguían sendo moi grandes. E visitei un aeroporto por primeira vez na miña vida e a verdade é unha lea tremenda. Senón fora pola xente coa que ía, teño que recoñecer, que non só perdería o avión senón dous ou tres seguidos. El Jarama… ai! Non, iso é a novela. Agora me acordo, Barallas, é o nome do aeroporto.

Volveron pasar os aniños e excepcionalmente si lembro o regreso da, ata o momento ultima vez, ao voltar da República Dominicana, lembro que fixen fotos no “autorés” e saíronme en branco e negro (aínda que eran de cor) debido a que todo estaba nevado polo camiño, nada que ver coa República Dominicana. E tamén lembro que fun o baño do autobús e ata me lembro que escoitei música cos “cascos” incorporados no asento. Si, realmente foi a primeira vez que lembraba á volta para a cidade das burgas e da precariedade. Eu traballara algo pero volvía estar no paro.

Pois iso, pasaron uns pouquiños aniños máis e volvín á cidade máis monstrosa do mundo. Volvín de novo co meu irmán que casualmente ía un par de días para alí a facer cousas totalmente distintas ás que eu ía facer. El de viaxe de negocios e eu a ver ao meu marabilloso grupo preferido que son (ou eran?) do Canadá. Un lugar no que estivo emigrado un tío meu e que tampouco queda tan lonxe da República Dominicana nin da illa socialista de Cuba?

Un grupo deses que o meu irmán catalogaría de raro pero que eu flipaba (e flipo) moito con eles.

Quedara cunha xente da Guarda, simplemente coñecida. Afín a min case exclusivamente por fanatismo polo grupo de marras e porque eran (e son) de Galiza e máis concretamente da Guarda. Eu como facía anos que non vía a unha peña así, de xente alternativa, como presupuña que eran eles, e como nos meus tempos máis radicais había un costume moi do “bo rolliño” de bicar ás persoas sen distinción de sexos ou outras variantes pois acheguéime a eles na praza onde quedáramos (En Malasaña) e dinlle uns bicos a unha “compañeira” pero cando me acheguei a un “compañeiro” para proceder a succionar os meus beizos na súa meixela pois comprobei un claro rechazo pola súa banda cun estraño xesto acompañado das palabras: “a min non me biques que non…” Non sei moi ben o que dixo pero puiden percatarme que os tempos tamén cambiaran na xente alternativa como xa anos atrás pronosticara Bob Dylan. Ruboricéime un pouco con tal motivo pero aos poucos foi pasando.

E pasar paseimo moi pero que moi ben. Despois de vagar toda a tarde e parte da noite polas rúas de Madrid cunha xente tan moderna pois acabamos nunha sala de concertos tamén moi moderna. Fixémonos fotos cos do grupo e ademáis teño unha cinta de audio co concerto gravado “in situ” (ríome eu da SGAE). No concerto debín perder tres ou catro quilos de tanto “dançar” e ao final ún dos irmáns do grupo asinoume un paquete de tabaco (don´t smoke, púxome o tipo)… quen o diría, eu que sempre estiven en contra desas paridas, ao final con estes non o puiden evitar. (kill your idols?)

E volvo lembrar da volta, ao día seguinte, de novo, co meu irmán e cun compañeiro de traballo del. Meu irmán durmiu nun hotel da hostia. Eu durmín nunha casa de estudantas, unha dela era irmá dun colega de Ourense. A diferenza co hotel do meu irmán estaba en que a casa estaba feita de madeira, era pequena e tiña todo tipo de peros. Parecíanse en que ás rapazas cobrábanlles varios riles e medio o aluguer e supoño que ao meu irmán non, pero á empresa, para a que traballaba, tamén pagaría o seu por ese hotel que por certo visitei uns minutos e á saída mira onde nos fomos atopar con Lord Paco Vázquez, alcalde de La Coruña Cun puro moi grande!

Cando voltei a Ourense atopei moza e precisamente con ela fun por ultima vez a Madrid (que non sei se será a derradeira ou non?)

Fomos no “autorés” íamos a unha feira de arte. Magna feira de arte. Chegamos moi cedo (eu coido que ás seis e media ou así) e non durmíramos nada de nada. Pedimos un taxi para o recinto e despois da “clavada” en comparación de como nos cobraron á volta para o lugar de chegada/partida pois encontrámonos sós entre bastos e modernos edificios. Noite pecha aínda. Xente de diversos países facendo limpeza de pazos de congresos e hoteis (que era do que se compuña aquilo), un carro de seguretas dando voltas mirándonos estrañados.

Ela estaba (a miña moza) un pouco cabreada. Pensábamos que ás nove abriría a magna feira. Como nos sentíamos incómodos alí, comezamos a camiñar e o máis parecido a unha civilización convencional foi o megaquioscobar dunha gasolineira (e aínda pateamos) Alí permanecimos case unha hora (ou máis) e tamén estábamos un pouco incomodos. Había un montón de camioneiros e cañís varios que parecían (algúns) recén saídos dalgunha das partes de Torrente.

Cando voltamos ao recinto estaba clarexando, ao fin. Chegamos e semellaba aberto xa o tinglado. Entramos e me acheguei a un mostrador (serían un pouco máis das nove) Preguntei: cando abre a feira? (literal, saíume así) Entre risas dixéronme que ás doce. Cago na tos!. (Ela máis cabreada aínda)

E fómonos esta vez por outro lado, sen durmir, cara un barrio que non se parecía nada a Lavapiés. Era unha zona residencial alcumada “villarosa” e realmente parecéusenos máis a “Springfield”, a cidade dos “Simpson”, que a outra cousa.

Alí nun parque impoluto, sen resto nen tan sequer de cabichas, fixemos o tempo necesario para voltar á feira de arte que cando por fin visitamos entre o sono, o cansanzo e a brutal saturación de todo tipo de artistadas e a rapidez con que as mirábamos, así como a cantidade de xente chegada de todos os lugares das españas e parte do estranxeiro pois non aturamos moito máis de catro horas. Malcomimos, maldescansamos e fómonos para Madrid Madrid.

Tirados nun parque collimos ás tantas un “autorés” e xuramos non volver aquela maldita feira de mercadoría infame e sobre todo se tiñamos que ir no “autorés”.

O de non ter carro é que vos ten. A min insístenme en que me saque o carné pero nin sequera para volver a Madrid me apetece demasiado.

Hai “menos” tempo fomos a Barcelona.

Ela agora ten carro pero empregámolo para ir de xiras kulturais e fotográficas pola Galiza e parte de Portugal. Pasar o Padornelo non pasamos desde que fomos hai anos a Euskalherria e ao Jerte. O máis perto, este entroido pasado que fomos a Vilariño de Conso. Sempre me están convidando ir a Moguer pero buffff

Moitos veráns imos a Bueu. Ás veces a Coruña e puntualmente a Compostela aínda que non me gusta moito (que lle imos facer)

 

Texto escrito no 2004 e correxido no 2020

Non sei

Pareceume estraño que ao entrar no gadis da rúa do mercado, a miña rúa, en Ourense, do barrio da Ponte, onde me criei, un segurata me fixera, ao andar na procura de produtos alimenticios, unha placaxe da que nunca me sentira tan mal, nin nos meus tempos de mozo okupa-punki. Sentínme totalmente criminalizado. O tipo sen cortarse un euro seguíame por alá onde eu me movera e ademais marcábame coa mirada. Unha mirada pior que a de algúns policías cos que teño “tratado”.

Isto ocorría algúns días antes (moi importante, aínda que sexa algúns, porque eses algúns significan moito) que comezara toda a movida grande do famoso coronavirus.

Cando cheguei á caixa (non se fixaba en niguén máis) púxose enfrontado a min contra o cristal da porta de saída do supermercado e fitou para min de tal maneira que a historia xa me acabou de incomodar de maneira bárbara. Non semellaba un super, semellaba un cárcere.

Eu tampouco levaba demasiados produtos. Nin sequera había os problemas que houbo despois ou que hai agora; e non os levaba porque tiña que cruzar a ponte vella para ir ao meu barrio novo desde hai trece anos: O Couto. E está claro que non ía ir cargado dunha maneira bruta ata aquí. A miña casa, desde onde estou escribindo isto, confinado.

Cando cheguei xunto a caixeira o fulano deixou a posición e púxose doutro lado fronte miña pero desde un cabezallo do super e continuou coa súa hostilidade. Paguei tragando saliva (o tipo estaba armado) que xa ten bemoles a cousa. Sorrín á caixeira e saín do trullo sen imaxinarme, para nada, que cando escribo isto estaría noutro trullo acompañado da miña colega e as nosas dús gatas e tamén coa chuvia que cae este domingo 15 de marzo de 2020. Que non é domingo de ramos, nin domingo electoral, nin domingo olímpico. É domingo de estado de sitio, sitio distinto como dicían Os Resentidos. Só que nós non estamos na carballeira nin en misa nin na perruquería ou nunha praia de Sanxenxo (eu polo menos) Estamos a velas vir ameazadxs por un virus que ás veces nos ameazan dicindo que é moi dañino. Que é moito pior que unha gripe, ou gripe A ou B ou C. Métennos medo pero din que non nos queren meter medo. Din que se estabiliza o número de contaxiadxs e aumenta o número de mortes para posteriormente comentar que todas as altas vanse altando.

Hoxe vin nun telexornal da miña comunidade ou nación histórica ou país de paisanxs imaxes de Barcelona ao carón da praia. Estaban ateigados os paseos e non se cortaban en mostralo. Había un gosso digo un mosso que precintaba con plástico de precintar a baranda da escaleira á praia e pouco máis. En serio, moitísima xente e alí o pico de infecciosos perdidos é altísimo. Tamén puxeron imaxes de Madrid, esa cidade chea de madrileños e de madrileñas e a reporteira afanábase en comentar que non había ren na porta do sol. Mais cando a cámara facía un percorrido de 180º si había xente. Non tanta como en Barcelona pero si había algunha e non só tres, catro ou cinco persoas. Estamos falando dunha cidade hipercontaxiada e enorme que segundo din ten saturados os ambulatorios e centros de saúde.

Con respecto á policía e demais forzas policiais botaron unhas imaxes publicitarias nalgunha carreteira e autopista pedindo, por fi, á xente que non ande por aí. Ademais dunhas imaxes espectaculares duns drones que berraban algo así como: “prégase que volten aos seus domicilios”. Segundo dixeron as multas son moi moi grandes e ata che pode caer un ano de cárcere pero a xente., polo momento, moita dela, pasa do tema en dous lugares, sobre todo, e do coronavirus e eses lugares son completamente picudos nesta historia.

A reporteira da galega tamén insinuou e seguro que non se lle ocorreu a ela (non a minusvalorizo para nada) que debido “a nosa vulnerabilidade” non só o coronavirus pode ser perigoso para o país.

E pasaron luns, o martes e estamos a mércores. Quinto día de confinamento, segundo din e pasaron moitísimas cousas ou ningunha segundo se mire.

Costa retrotraerse ao comezo da mensaxe “científica”. Isto é o virus é un virus contaxioso pero só un pelo máis pernicioso que o virus da gripe. A partires desta mensaxe existen universos paralelos e paralistos e paratontos.

Onde máis repercusión tivo, inicialmente, foi en Madrid (e segue a ser o maior foco) pero a diferencia de Italia, primeiro foco importante en Europa, onde se confinou a toda a “zona” da Lombardía no estado español non se fixo o mesmo con Madrid. E é que Madrid é moito Madrid. É a capital do reino corrupto e pernicioso de españa. A de viva como berraban nos balconadas de enfronte da nosa casa o outro día despois de aplaudir aos e ás traballadoras sanitarios e podíamolo oír desde a nosa fiestra, onde vivo, en Ourense. Onde hai a día de hoxe trinta e pico casos declarados que non penso que sexan moi colapsantes sobre todo sabendo que a inmensa maioría están nas súas casas. Sen embargo na miña cidade o exército está desde hoxe na rúa aturando a temperatura de case trinta graos deste Ourense tropical no que aínda lle faltan un par de días para a primavera. (Din ou dicían que coa calor o virus palma?) E casualmente pararon a miña compañeira hai un chisco cando foi a por avituallamento a unha tenda de comestibles. Pedíronlle papeis para desmostrar o por que estaba na rúa. Se tiña xustificante laboral etc Non tivo maior problema para voltar para casa por levar un carro cheo de verduras pero advertírona e xa ten brincadeira a cousa.

Mentras agardaba por ela fumei un dos innumerables pitos na fiestra e chamoume a atención un home moi ben vestido duns sesenta anos, pantalón branco, maletín e americana con estampado militar. Non mo invento. Como non me invento que onte subía unhas escaleiras metálicas unha rapaza moi xoven con xersei gris tapando as súas cadeiras e pouco máis con lubas e mascarilla. Zapatillas sen calcetíns lucindo unhas bonitas pernas.

O sábado fomos a por pan e pillei un par de cervexas do frigorífico do establecimiento. Había unha muller, nin xoven, nin maior ao meu carón. Foise ao fondo da tenda (moi pequena) Perto igualmente de nós e forzou unha tos de maneira repetida ata que conqueriu que fora realmente chunga. A dispensadora de pan (daquela sen mascarilla nin lubas) Ollou para o teito e esbozou un xesto un pouco incrédulo e ofrecíalle un vaso de auga.

Tivemos e temos, ás veces, medo. Penso que non sabemos exactamente a que pero o temos. Alarmismos iniciais e seguidos, medios de comunicación, políticos con diploma de coronavirus e baixas que medran na poboación segundo nos van dicindo minuto de xogo e de partido (coma sempre medraron con outras enfermidades contaxiosas (ou non) como a gripe?)

Tamén temos policía, garda civil, locais, autonómicas e exército. Caldo de cultivo para o medo. Estamos confinadxs, vulnerables, amedrentadxs e con moito ruído na cabeza. Chegan novas confusas e contraditorias senón mentiras a todas horas.

E a maiores están temas moi complexos e moi fodidos que aínda dan moito máis medo. Aproveitar o río revolto que revolvín eu! Ganancia de pescadores e cazadores que si poden ir de catro en catro. Case coma Manuel Antonio.

Incendios, verquidos e o que non saberemos que pasará por aí adiante. Explotación e inxustiza, desigualdade, e paranoia. Peche de fronteiras españolas.

Isto é ben curioso, como dí moita xente. En Portugal hai relativamente poucos casos e na Galiza e, claro, en Ourense que raiamos (ademais de estar raiados) cos nosos paisanos veciños témonos que afastar deles pero as madrileñas poden vir para aquí o fin de semana a “escapar” e pasala na nosa comunidade autónoma suspendida contaxiando a todo dios!

A poboación máis vulnerable obviamente é a xente moi maior e/ou con patoloxías severas. E dito de paso, sen menospreciar a súa vida que merece ser vivida como a de calquera hai que ter en conta que a eles e a elas un simple resfriado poderíalles levar á tumba.

Antes fumando outro cigarro vin como saía unha familia enteira (a verdade é que teño unhas vistas privilexiadas) dun portal máis alá do estanque e o parque que nos separa. E un home cun pantalón curto, dúas mulleres e unha anciá introducíanse en dous carros de moi alta gama.

Sen prexuizo mais eu considero que ían camiño do hospital. Pero ao millor a vella non daba positivo no test. Ao millor nin llo facían. Ao millor enfermou doutra cousa, Ao millor existe paranoia na súa familia. De todos xeitos imaxinemos que a levaban ao hospital porque tiña o coronavirus. Ao millor sae desta. Ao millor non.

Quen o ten tamén moi fodido é outra xente que non se pode subir rapidamente en carros de alta gama e ir pitando ao hospital público que pagamos todos e todas.

Hai vellos e vellas sós e soas en casas, aillados e ailladas, sen recursos. Hai xente malvivindo na rúa e non teñen o diploma de coronavirus aínda que teñan aprobado todo o curso.

Logo está a peña que seguiu e sigue chollando e non me refiro só aos e ás profesionais sanitarios. Refírome ademais ao persoal do ramo da alimentación que as está pasando canutas (sen protección) Mentras as grandes corporacións da alimentación ingresan todo o que soltamos dos nosos petos para poder facer a festa en casa. Refírome a coidadores, coidadoras. Refírome tamén, a como é posible que unha porcentaxe maioritaria da poboación estemos impedidos para saír de casa, que sería comprensible senón fora pola contradición e hipocresía de ver o metro de Madrid ateigado de xente para ir aos seus postos de traballo, ese crime contra a humanidade que se convirte en aínda máis crime nestes días.

En que quedamos? Que pare todo xa!

E tamén estaría ben que a xente se responsabilizara dos seus actos para que non tivera que existir a policía e o exército. E non falo da xente que vagamundea por aí por unhas razóns horribles e precarias, sexan cales sexan, senón que falo dos e das superlistos/as e reputados e reputadas cidadáns e cidadás que están por riba de todo e fan o que lles da a gana toda. Esa xente á que non para a policía ou o exército xa sexa a pé ou en carro porque saben o “santo y seña”

Por outro lado que grande ocasión de copiar aos chinesas e pechar españa e facela grande, libre e enferma e que grande ocasión a de pechar europe e facer aínda máis enfermos e enfermas aos ás refuxiados/as. Pechar fronteiras e ademais de sanear virus sanearemos economías con anverso e reverso. Isto é, medidas superprogres e supostamente beneficiosas para o pobo mais que se agocha tras o reverso? Os ricos siguen mandando… Mandarán? A ultradereita segue a subir… Subirá ao máis alto?

Fálase de dúas variantes para despois do que moita xente denomina experimento. O ecofascismo postliberal ou que á xente se lle dé por rebelarse e por apostar por outro mundo, se isto é posible, que reviva e faga morrer a este totalmente enfermo. Que enfermou por comerse todo o mundo humano e non humano. Toda a natureza. Logrando a devastación e profanándoa a ela e a todos os animais e vexetais. E esa natureza non para de devolverlla en forma de desastres como o que estamos vivindo.

O territorio está ocupado por humanos e os seus accesorios. A natureza salvaxe (a que queda) Está en contacto máis que nunca con nós e ademais non paramos de aberrar en cousas tan primordiais como a alimentación para nós e para os animais.

Claro que hai que sacar leccións de todo isto e aprendelas mais isto xa ten ocorrido no pasado e non se acaba de aprender senón que se vai a máis.

Hai interese real en que o mundo sexa completamente diferente? Sen que iso conleve o control, a represión, o fascismo etc?

Mentras estamos en casa, nos nosos fogares, eu estou escribindo isto que podería telo escrito ou escribir algo semellante en calquera outro momento pero, claro, escríboo agora.

Escribo agora como recoñezo que me dou conta de certas cousas xusto agora malia pensar de maneira semellante coma sempre teño pensado.

Vou enumerar unhas cantas molestias porque son un pouco malhumorado. Xa sei que eu molesto e podo molestar a moita xente. Pero cito o que me molesta a min:

Moléstame enormemente a soberbia dun sector de xente que pensa que o sabe todo. Sobre todo no ámbito da “esquerda”… Moléstame ese clasismo sectáreo progre que fala moitas veces do apoio mútuo e cousa en común e non estende os saberese os pareceres de moitas informacións e cousas. Formando unha especie de élite xa sexa intelectual coma militante que só se abre ao mundo a través de carnés ou dunha maneira, por outro lado, hiperintelectual que é moitísimas veces indescifrable para a maioría da xente. (E falan en nome do pobo!)

Tamén me molesta o vítimismo por estar (moitísima xente de nós) cómodamente instalados co bandullo cheo de comida e de bebida. Escoitando a nosa música preferida e vendo as nosas series favoritas.

Non quero eu facerme eu a vítima pero póñome de exemplo. Sei que hai moitísima xente presa e confinada de verdade entre eles as presas independentistas galegas, sen querer excluír ao resto, mais eu pasei dous meses e medio nun manicomio onde fun torturado vilmente e esta situación que estamos pasando aínda que sexa todas as cousas que sabemos que é non é nada comparado co que conto. Non llo desexo a ninguén (ben, agás excepcións)

Sei que para un “neurodiverso” non é saudable esta confinación, de feito, agardo que non, mais podería perder a cabeza. Pero desde logo teño as pantuflas postas, estou pasando isto co meu i-mac e están comigo dúas gatas e unha compañeira humana que me fan, valga a redundancia, moita compaña e penso que eu a elas.

Por último moléstame (insisto son así de malhumorado) A xente que se toma isto de maneira frívola. Entendo que por saúde mental e por evasión debemos bailar, rir etc mentras poidamos. Pero tomarse esta historia a “cachondeo” non me parece a máis axeitada cando hai moita, moita peña que o está pasando moi mal por distintos motivos. Aquí na Galiza e noutros lares do mundo mundial.

Ademais o que salga, se sae, algo de aquí non está nada claro. Penso que depende en grande medida de nós e do mundo que queramos facer e que “nos deixen facer”

Últimas noticias: o pico segue subindo, hai quen di que estamos a piques de chegar ao máis alto.

O número de contaxiadxs aumentou notablemente. Moita xente foi na procura do seu diploma. Por desgraza hai xente que morre de verdade. De todo tipo de cousas.

 

(Quero adicarlle este escrito, sen que serva de precedente, ao meu pai; un home maior cunhas ideas bastante retrógradas pero cun sentimento de liberdade moi alto e que foi interceptado onte, mércores 18 de marzo de 2020 pola policía cando paseaba ao seu can, na praia fluvial de Oira, en Ourense, onde non había practicamente ninguén e foi tratado de malas maneiras. Fotografáronlle o carné e entre berros ameazárono con multalo)

O mundo

O mundo é tamén un pouco coma min

chove moitísimo ás veces

unhas con torrentes e pedra da tristura

outras resulta máis estática a auga

pódese contemplar e ata sorrir

O mundo é tamén un pouco coma min

desencáixaselle a mandíbula

a gargalladas e os ollos extravíanse cara a noite

caen estrelas na faciana

e con moito glamour danzan

diante de todos os espellos ás madrugadas

O mundo é tamén un pouco coma min

viaxa polo espazo por desertos e alboradas

ten satélites, buracos negros e desesperación

mais existen milleiros de cancións para paliar a sede

que volve forte cando muscula a suor

O mundo é tamén un pouco coma min

ten montañas que se suben e se baixan

árbores caídas, novas e vellas vexetacións

e cancros instalados nos pulmóns de aceiro

tamén cornos de vaca, de cabra, de gata

O mundo é tamén un pouco coma min

verte os residuos aos ríos internos e externos

ten vintemil resacas de viaxes submariñas

mares a caudais, ferrollos a cal e canto

milleiros de persoas na rúa e unha na lúa

O mundo é tamén un pouco coma min

rotando e ollando as eternas faces do amor-odio

O mundo é tamén un pouco coma min

caótico, periodóntico, carioco e guerreiro fondón

O mundo é tamén un pouco coma min

feminino e denso, televisivo e alleo

corredor polo monte no pasado

corredor de bolsa de supermercado no presente

corredor de abismos inconmensurables no futuro

corredor de balas de palla no salvaxe oeste

corredor cara as migas de pan desconxelado

coma un indio nun tipi desanxelado fumando tabaco

O mundo é tamén un pouco coma min

portavións, barca de noz, resfriado,

urogalo e mesetas, pezóns conxelados

flores salvaxes e secas, fresas de plástico

ceo amarelo: fotografías e radiografías

aprensión con loureiro no globo enteiro

O mundo é tamén un pouco coma min

como unha gota, como unha bágoa

coma un lago, como mar de antano

como unha lousa e cemiterio, con lobos e mortes

con apertas titubeantes e desexo de bicos

con lingua sen auga con multitudes deshidratadas

O mundo é tamén un pouco coma min

alerta esperto alerta durmido

sirenas da policía de canto e de cruz

de cara espantallo de arquitecturas impenetrables

de corazóns en macetas, de auga e de regadeira

de ventás indiscretas de cables quilométricos

de ansiedade e de luz paranormal

de beizos ardentes, pintalabios e nicotina

amorados, vinagre e selvas sen hime

O mundo é tamén un pouco coma min

sae o sol así coma quen e vai frío

ás veces inverno ás veces quecemento global

ás veces armamento, vendaval e tormento

o mundo é espacial e especial coma min

ten dous polos, coma min

polo norte de laranxa

polo sur de limón

acha(n)tado polo medio.

Instituto armado

Pero penso que forma parte da orquestra

Infundir medo co instituto armado

Consentido, necesario

Poñer desorde revoltar as augas

Ganancias polo menos a curto prazo

Frío intenso nadal en familia

Cristos en belén

O xeo derrétese de rabia

Os instigadores pagaráno coa subida do mar

Sálvese quen poida

Mais aquí non se salva nin dios…

Loita

A vida é unha loita contra a morte

mais chegan mortes a ti

e xente con morte aínda que esté viva

encólleste e tentas durmir

sentindo o cansanzo da vida contra a morte

ríndeste, aínda que sexa, temporalmente

na loita contra a morte

e nese non poder nin potencia

senón cansanzo e depresión

morres un pouco e poderías morrer algo máis

mais ao contrario ocorre que te nutres

da túa médula e das túas celulas

canceríxenas e non canceríxenas

e un día resucitas ou morres

ou morres e resucitas

ou nin morres nin resucitas

dúchaste, esvaras mais non caes

quedou nun susto

e susto esperto da durmida de fondo

para saír ao xardín ou á galaxia

e gravitar e interestelar abofé

o que non se pode esixir é que

sen contar con idades, con ósos,

estacións e sensibilidades ún/ha

debe loitar ou celebrar a roxa vida

cando por veces as moraduras do corpo

e do cerebro precisan ser reparadas

a carreira de obstáculos é fodida

quizais sentarnos e non competir

sería algo a valorar

non dese valor económico

non dese valor dxs máis valentes

por ter tríceps máis desenvolvidos

e os peitos cheos de aire.

A vida é unha loita contra a morte

e xs mortxs en vida coas súas mortes

e estrelas de morte

xs vivxs temos corda mais ás veces

vai máis amodo ou para e hai

que estar un tempo dando e dando

vida de novo para vivir

é esencial estar vivo para loitar

é esencial lograr a paz para vivir

a vida non ten sete como os gatxs

ou catro como os vídeo xogos

non somos máquinas

somos carne, óso e ás veces temos sono

precisamos recuperar coller aire e respirar

non se pode incitar a competir a que máis

non se poden fotografar as chagas

nin sinalar co dedo ao caído, ao enfermo,

ao feble, ao diferente ou simplemente ao preguiceiro

non militamos en ningún exército

non queremos galón senón é de viño

pero ti continúas aquel vai máis alá

quedándonos máis acó e voando por alí

todxs temos algo que facer e que dicir

cando toca e cando non silencio

cando non ruído pero que non moleste

ao que está ferido.

Para dar respostas terémonos que preguntar antes

sobre as nosas fortalezas e debilidades.

A vida é unha loita contra a morte

que non pode estar exhenta de amor

auténtica inxección para poder rescatar

do mal da morte a moitxs damnificadxs

que queren camiñar e liberarse

do xugo tanático do valor capital

do xugo patriarcal que afoga

co traballo metido nas veas e nas carreteiras

ollando para o computador

aínda en forma de loita contra a morte

que se transforma en morte

ollando para o martelo

que golpeará os dedos con dor

que se paliará con alcohol de sometemento

ollando para o mocho

músculos tatuados de morte

televisión no horizonte

para poder desconectar

xs fillxs chorando un home ardendo

vinte persoas na rúa protestando

policía gravando e anotando

xente pasando un viva españa exclamado

xente mercando luces de nadal acesas

case todo o ano.

A vida é unha loita contra a morte

sumidxs no caos escapando

cara a natureza devastando

consumindo eventos e abecedarios

e rotos e rotas tirámonos

nunha cama con pouco sexo

con pouco eros con pouca vida

ao día seguinte pasámonos novas,

cromos, exhaltacións e exhabruptos

portada unha rede de redes

cada quen co seu mundo ou mundos

amosando a brillantina e os filtros

necesarios para asombrar á veciñanza

unímonos non de verdade

senón de mentira tentando

abortar malas conciencias

que nos fan moito dano

e o monstro de verdade segue

creando guerras, desfeitas, asasinatos.

A vida é unha loita contra a morte

hoxe farto eu mañá ti estás farta

ti vas eu non vou

médicos, psiquiatras, medicación

obsesións, celos, desamor

a morte dos teus, a morte dos seus

rezando ás agachadas…

Outrxs adictxs á esfera social

outrxs adictxs á soedade

outrxs adictxs á bola de cristal

hai que facer moitas cousas

hai que contar que estivemos aquí

que fun alí e acó

xente facéndos selfies

con cócteles molotov

xente cuspindo desde as fiestras

á rúa e dicimos que chove

mais queremos loitar contra a morte

no fondo iso queremos.

A loita cansa por veces

somos sancionadxs por rotxs por descosidxs

mais precisamos escribir

e como dí a poeta na casa non sae

todo está cheo de nós

e nós non saímos por aí

non se nos dá

temos que escapar do cárcere interior

no exterior hai olladas que dan medo

e algún que outro empurrón

mais cando as pernas se van soltando

e un pé diante doutro vai andando

ata suar longo e profundo…

A vida é unha loita conta a morte

ata que morres e vas ao ceo

ou non é así?

Off America

Dous xovenes amantes
bícanse intensamente
baixo a chuvia
mentras camiñan
chuvia intensa que non importa
un deportista fosforito
con pantalóns curtos
fai estiramentos sen cobertor ningún
nun banco de madeira máis alá
de súpeto todo o que penso e sinto
vese eclipsado por outro xoven
cuberto cun paraugas estampado
dos united states of america

Cataplasmas

Plasmar

con sangue

cos seus glóbulos

e globos roxos

e rosas

coas súas plaquetas

insertadas nas arterias

e nas veas

carreteiras do corpo

que ao chegar

ao cerebro circulan

dando voltas e voltas

pegando grandes golpes

contra as sens

que palpitan

cuspindo ata as cervicais

médulas de ardor que provoco

na miña gorxa e

glándulas mamarias

de espeso sangue

que se negan a verter

sobre a mesa

os cristais e as feridas

no papel

coma se fora impoluto

coma se fora branco

sen vida

a punta debe crebar

espandirse a tintura

dos quebradeiros

de cabeza

os berros

as sombras

a xenreira

o suor

e o amor

hardcore

saliva

percusións

percutindo

as sílabas

tatexas.

Madalenas

As madalenas da paz eran rectangulares

e tiñan moito ovo mais estaban ricas

un día, máis ben un amencer de ovo,

introducín unha no microondas e estoupou

desestruturei a madalena

nun momento no que estaba desestruturado

máis mozo pero desestruturado

agora estou máis vello pero sigo nas mesmas

bastante desestruturado

xa non introduzo madalenas rectangulares

no microondas

ese amencer despois de estoupar a madalena

púxenme no pequeno corredor da nosa casa

que non era casa nosa

a facer uns exercicios moi complexos

estiramentos, pseudoioga, pseudoximnasia

estaba potente. Tiña grande potencia desestruturada

logo funme facendo experto en madalenas

e así sigo

consígoas en moitos sitios distintos

e en moitos barrios distintos.

Hai madalenas máis pequenas e outras máis grandes

algunhas pídoas por número

ás veces oito, outras veces dez e case sempre doce

docena de madalenas que algunha vez ten cachiños

de casca de ovo e mistúrase co cacao

ou entre os meus dentes.

Logo hai outras con moito azucre ao carón de casa,

onde ás veces tamén merco cervexa sen alcohol,

son compactas e cando as partes pola metade

desestrutúranse coma min cando alcanzo

un orgasmo limitado coma home masculino que son.

Noutro barrio consigo bolsas de madalenas

máis pequeniñas e case as comes de dous bocados

cando hai falta de madalenas

comemos por veces pan tostado con marmelada

se hai marmelada, senón sen ela,

aínda que case sempre hai marmelada.

O outro día pasei pola paz e quixen

mercar as madalenas rectangulares

que ás veces aínda as mercaba,

non só na paz senón noutros barrios,

pero comentáronme que non, que xa non había

quen as facía, xubilárase coma min,

e todas as tendas e panaderías

que servían esas madalenas rectangulares

xa non as venderán máis.

Ninguén poderá probar o estoupido

dunha madalena rectangular no microondas.

Eu quizais non faga nunca máis estiramentos

ao amencer no corredor da casa

e a miña desestruturación actual

siga sendo pouca cousa en comparación

coa potencia daquela outra desestruturación

daquel amencer na casa que non era casa nosa.

Hoxe (ou onte) morreu á frontwoman de The Muffs

soaban moi ben. Tiñan potencia

foi isto o que me fixo lembrar

de todas estas historias de madalenas.

Esquecín falar das madalenas dos supermercados

mais non vale a pena.

Edificios

Teño diante de min edificios

detrás deles hai máis edificios

e detrás destes outros

moitos máis e así sucesivamente

forman auténticos muros colosais

nos que estamos internxs

entre eles hai vías

para que camiñemos nas mesmas

direccións e enderezos

e lévannos aos mesmos lugares

arrodeados de muros de edificios

liñas eléctricas e antenas

bordéannos péganse a eles

vaise transportando a información

de todxs xs internos que vivimos

neses muros que conforman edificios

sons de sirena da policía

e ambulancias indícannos

que non podemos rebasar os límites

conformados por eses edificios

e as súas normas decididas

en outros edificios hiperprotexidos.

podemos facer, ás veces, escapadas

á natureza devastada

ou a outras cidades

cheas de muros-edificios

adornadas con luces e grilandas

nas vías das cidades

ao pé dos edificios

completamos o decorado de cemento

xs viandantes

introducidos en vehículos

cadaquén, normalmente, vai ao seu

sen importarlle máis alá do

seu núcleo, da súa secta

o que fan ou deixan de facer

xs demais. a non ser que

incumpran as normas ou rebasen

os límites preconfigurados

nos edificios hiperprotexidos

esas normas apróbanse

e se desaproban impostadamente

para poder mobilizar ao fluxo

da produción que a metade da

poboación crea en edificios

hiperprotexidos non habitables

senón laborables. é dicir

destinados á produción e ao traballo

que realizan xs cidadáns/ás que

viven nos muro-edificios que

teñen que pagar para poder habitar

ese traballo é xestionado por

moi poucxs cidadáns/ás

que acaparan o capital

quedando con unha suma brutal de

outrxs cidadás/áns que non teñen

case para pan

estes non se poden escapar

nin a natureza devastada, normalmente,

nin a outras cidades feitas de

edificios-muro para poder

contemplar o espectacular das luces

as grilandas e a comida a esgalla.

durante todo o ano xs viandantes

circulan ata os edificios para producir

outrxs circulan sen rumbo

ou en círculos centrífugos ou centrípetos

moitxs cidadás/áns están internos nos

seus muros ollando para os muros

dunha pantalla ou para os muros

de varias pantallas.

cáseque todxs xs cidadás/áns desde hai

uns cantos anos saéulles un apéndice

no seu corpo. é un apéndice móbil

ás veces está na man esquerda

outras na dereita, no peto do pantalón

ou da chaqueta ou do bolso.

no muro-edificio no propio compartimento

x cidadá/án pousa ás veces este apéndice

dalle algo de descanso. o problema é que

x cidadá/án cada vez descansa menos.

é explotado polxs poucxs cidadás/áns

que acaparan o capital. ou senón

autoexplótase as si mesmx.

camiña rápido x viandante porque

pensa que chega tarde e algunhas veces

non o agarda nada nin ninguén.

x cidadá/án-internx que non sae de casa

por non poder producir mira

polo cristal do muro e observa

xs viandantes, observa o sol

ou a chuvia e retorna á pantalla.

hai viandantes que o son sempre

non teñen muro onde internarse

todos os seus muros son externos

durme na vía, nun banco ou na comisaría.

para poder compensar este mal vivir

xs internxs, viandantes e demais explotadxs

por dentro e por fóra alíanse, como dicía,

con outrxs viandantes e internxs

intérnanse xuntxs, van pola vía xuntxs

ou consumen xuntxs que é a forma máis

plausible dunha suposta felicidade que teñen.

hai que darlle saída á produción que

elxs mesmxs xeneran e así en pequenos instantes

con outrxs viandantes ou internxs dos muros-edificios

sorrín, rín etc

algúns/algunhas son capaces de crear mundos propios

nesa vida intramuros e desa maneira

mitigan sufrimentos e xenreiras

que case sempre cuspen cara si mesmas

ou os seus semellantes.

os muros medran e hai moita xente

doutros mundos que queren vivir

dentro deles non queren estar doutro lado

onde hai guerras e miseria creada polo mundo dos muros

son xs piores escravxs ás/aos que se lles rouba todo o material

para contruír os edificios e o capital

os límites e as normas dxs que rexen

os edificios hiperptrotexidos impiden

que podan internarse nas nosas cidades maiormente.

dentro do noso mundo-muro-edificio

aínda que queren convencer dos adiantos

en materia de muro todo lembra a muros pasados

e así estamos.

na terra media con alzados e plantas

cada vez menos naturais

cada vez máis de plástico

só fai falla que inventen coa súa tecnoloxía punteira

as plantas de plástico carnívoras

sería toda unha revolución

que seguro anunciarían dentro

dos muros internos na televisión,

no móbil ou no computador.

Sempre sede (2002)

SEMPRE SEDE (Poemario, 2002)

O pensador na taza que non quere unha taza
duramente inxire sete tazas e media
como nas cartas non de tarot non de comida española
non coa sorte de ter o sorriso cosidiño
pola vida ben posta neses anuncios
eses que son o debate intelectual maior
nos tempos de literatura marciana
ou de poesía e amor corazón corazón
tamén con esa asignatura nova universitaria
enxendrada nestes tempos que corren
o vouyerismo ilustrado en imaxes
provenientes do exemplo vital polo que suspiramos.
Novas relixións moito máis completas
que desbancan as antergas que non resultan de todo
ou máis ben os seus procedementos.
Dándolle a volta regolpean ao marxinado que ousa
non beber o maná ou non mercar as guirnaldas
machucándolle as súas ideas e praxes arcaicas.
Revolución tecnolóxica para modernizarse…
A base de revestir e actualizar os cacharros
e as pirámides para perpetuar a verdadeira pre-post-sempre-historia.
“Hai que ser verdadeiramente moderno”, dicía o outro.

 

As distancias son marcadas moitas veces por ún mesmo
non físicamente. Xa nos tentan separar de por si.
Semella que estamos programados para que non nos importe
somos como cascudas cada vez máis resistentes ao insecticida
a base de bacinas de todas as formas e cores
estamos preparados para aturar á intemperie
todo tipo de saqueos non só económicos
por parte de quen en última instancia só lle importa a economía
do subsolo que non habita e que prepara “habitable” para tantos
que soportan as distancias o desamor os saqueos e a non-vida
a base do insecticida que globaliza a todas as cascudas
que non protestan debido á pesadez do arrastre e a cabeza no lixo.

 

AMEN (sen acento)
Amodiño para cruzar o río
amodiño para regalar bicos
amodiño para regatear obstáculos paseantes
amodiño para repartir versículos e sacras hostias
amodiño, amodiño
amodiño para cruzar a rúa
amodiño para cruzar-te ou crucificarte
amodiño para cruzar cunha cebra polo paso
amodiño para pasar de rallas de adrenalina
amodiño para pasar con paso amodiño
amodiño para botarte a boquexar
este día calquera
para rirte estrepitosamente polas túas razóns
por tusir en mono co mono do traballo
amodiño por agardar polo mono do xantar
amodiño por ter un mono como xefe
o gran xefe-mono non é mono como o mono do zoo
o irmán do mono é un gran-irmán-mono-loxicamente
os globos bambéanse amodiño nas risas dos bebés
e cando a música amodiño entra nos oídos
e trinta e ún curas sopran polo órgano eclesiástico
para emborracharse de viño do arzobispado de dios
amodiño prendo un cigarro e pustuléame a pústula.

 

TORA-BORA (XXI)
Asubían os pastores barbudos para que se acheguen os cans?
procuran toupeiras con sachos os cans con acento de goma de mastigar?
Venden kleenex nas fronteiras señores británicos con té nos petos?
Será acaso para os nenos que choran da risa por ir de vacacións?
Un señor bigotudo xunto con outros señores entre eles “señor reverencias”
son os mellores lambedores de intestinos grosos do universo universal?
Cantan os cantantes, de onde son?
O seu son tamén cheira a goma de mastigar?
Ademais da cidade universal, non cheira a goma e carne queimada en ningures?
Os bombeiros do universo serán debuxos animados nun futuro presente?
Os filmes ródanse antes ou despois de que os feitos se precipiten fétidos feitos?
Por que pastores barbudos con sede non temen morrer?
Por que señores británico-universais-bigotudos por xantar ata goma de mastigar?
Por que señores noutrora cheiraban a goma queimada e agora queiman máis goma?
Por que eses señores e outros non saben contar, se son ricos e cultos?
Son menos un quilo de pastores barbudos e nenos que choran coa risa
que un quilo de señores con canciños quentes con acento de mastigar goma?
Queren o pastoso líquido por onde pastorean os barbudos, para facer chicle?
“Americano que se estira y que se encoge como las tripas de san jorge”?

 

Cortei unha tea con esperanza
canto todos os días bastante
esíxese máis.
Opino sinceramente coido
tendo a man normalmente coido
coido que non habería que demostralo
coido que non importa
non fixen a mili (por iso)
debe ser que me cren indisciplinado
secuestraron un día como son
Sábeno eu non sei nada
eu que sei
só sei que teño boa vista
bo olfacto
sei apalpar por tanto amar ou rexeitar
o gusto que me dá
se non fora polo exceso de nicotina.
O mellor aparte das miñas orellas
É o oído auditivo e melómano
malia ás alarmas e ladridos.
Do sexto sentido que dicir, sétimo ten sido
pero non teño décimos. Non xogo
pódese vivir con outras reglas?
Sen escadras nin cartabóns?
Ou debería botar lotite nas comisuras?
Tamén estou aquí ademais que na lúa!

 

Tras o vento vén máis vento
tras a pedra agóchase o oco
tras a tos pode que nicotina
e tras a cortina humidade e cristal.

 

Os espellos son uns “rebotaos”
aínda que che poñen as dúas meixelas
reflectadas nos bicos das ansias,
aínda que distorsionan os momentos reais
enganan a vista de paxaro
vése mellor a alta e baixa limia.

 

Tardamos en facer ruído
tentamos non danar
separámonos con coidado
e xuntámonos igual
habitualmente lográmolo
pero ás veces sen querer
querendo evitalo
facémonos dano
cos dentes cando amamos
coas veas cando choramos
odiándonos de mentira,
queréndonos de verdade!

 

E a estupidez non se cura
o prezo é moi grande.
E máis cómodo aforrar
e gastar hipocrisía
falsidade
crueldade
prexuizos
e felices por fóra
rir moito coas gracias
e desgracias dos demais
para ao final do día
sentir o oco e o veleno
no alento do desvivir.

 

O amor ocúltase
tápase-disfrázase
mortifícase
e case
non usamos
usamos desafogues
rañamos cabezas
rallamos a cabeza
e facemos moito ruído para que ollen o que non somos
tapamos-pechamos
cando sentimos represión mal empregada liberación mal entendida.

 

Teño escoitado moita teorías
de vida, de morte
de práxe, teóricos!
Hai cousas que recollo
e emprego
outras por suposto
non me convencen
pero na saturación de todas
que parecen lóxicas
e certas
agóchase a incerteza
e non soluciona nada a lóxica
por iso que ás veces
desafino e non entendo
non atino ao camiñar
e sorpréndeme o ardor
quizais porque preocúpame
demasiado
todo e demasiado quero
abarcar todo e nada abarco.

 

Din que curas violan
nos xornais din que violan
e o din agora
levan séculos facéndoo
sen pixas, con biblias
inquisicións mentais
productoras de desarraigos
e enfermidades
insuperables
que é o que corta a risa?
E produce comechón
ese deus-nai
que pasea contigo
e presencia teus actos
lembrándoche
cos seus ollos e eco
a necesidade de padecer
violando a túa mente
e producindo o temor
autótono, de por vida
polos séculos dos séculos
amén!

 

Está moi perto e moi lonxe
iso que chaman felicidade.
Perto nos momentos de risa
nas comidas e nos aloumiños.
Lonxe nos despachos
onde día tras día
encárganse de administrala
se é preciso
ou de quitala sen permiso
proporcionándocha a prazos
sen interés ou con el
coa lotaría
a televisión
o deporte rei
de copas tamén ás veces
és feliz
senón tamén ata
inventan drogas
do seguro ou inseguras
que cha darán
ou quitarán.
Perto, ao observar, fóra do cemento,
dentro do sorriso inquedo
de alguén a quen queres.

 

Cinza, coches
e berran
murmuracións de helicópteros
murmuracións de seres
seres humanos diríamos
ou non, ou diríamos ás veces
ou sí?
Pombas e campás
caladas
ás veces
outras
seguen berrando
e miañan
coma a gata
que se estira
que non coñece
máis que
comida-aloumiños-durmida
afiar unllas-xogar-bebida
e soños inalcanzables
de fuxir
a onde cantan os paxariños.

 

Non ven con esas gafas
que ao pasares
por alí hai máis que eles
só ven
clonacións de platós
e pasarelas de televisión
só ven o que ven
e non queren ver (si que poden)
porque lastima
ver e posteriores.

 

Curvatura de-descenso
ascende o ar ao meu cerebro,
un arácnido navega e flota
polo mar das cóbregas interxeneracionais.
Desgastarei se fora preciso as dáctilas
pola viaxe que realizan mañás e noites.
Tan hidratadas soluciónanse que esvaran
ao coller obxectos, sen mencionar os tremores
e suores dos dentes, de tanto mostrarse,
nos ascensos e descensos pola praia
chea de sal, area, auga e chiringuiño.
Arde por todos os puntos cardinais
e se non tes cardenais por riba, por baixo, etc
é porque teño beizos, non só dentes,
para succionar e accionar
a batería do meu amor.

 

Xenreira que se forma nas tripas
cando ves sangue e destrución
ao redor, en todos os lugares.
Medrando con pedras nas mans
con metal nas mans
con metais non preciosos na cabeza
non comprendendo por que non hai paz
para a túa cabeza, para a túa familia
para a túa irmá e para os teus amigos.
morrendo amigos, morrendo familia
morrendo a infancia, morrendo as ilusións
arelando a vinganza
(paradoxa)
forxándote un porvir como enemigo á
estrella mortuoria de goliath.
Por que non vas a escola?
Por que non tes casa?
Ou se a tes
Onde está o faiado?
Non podes subir a el
só podes mastigar a terra que non che pertence
e a raiba que che provocan
chorar sangue e entrañas.
Non comprendes e odias, odias, odias.
O teu futuro pode ser a morte por unha bala
ou podes procurar ti mesmo a morte e a bala
desesperadamente por arelar
Sinxelamente
a razón do teu fogar
do teu sitio no mundo.

Acaso é un delito

ser palestin@ e… nen@?